Giovanni Pablo Simeone Baldini, nado en Buenos Aires o 5 de xullo de 1995, é un futbolista arxentino que xoga como dianteiro no Napoli da Serie A e na selección arxentina.
É fillo do adestrador e exfutbolista Diego Simeone e irmán maior dos tamén futbolistas Gianluca e Giuliano Simeone.
Traxectoria Fillo do futbolista internacional arxentino Diego Simeone e de Carolina Baldini, Giovanni naceu en Buenos Aires, na época na que o seu pai xogaba no Atlético de Madrid.
Tras vivir un tempo en Madrid, a súa familia trasladouse a Italia en 1997, cando Diego Simeone fichou polo Inter de Milán, pero regresaron a España en 2003, trala volta do futbolista ao Atlético. Alí Giovanni comezou a xogar ao fútbol na canteira do Rayo Majadahonda, antes de que a familia se trasladase en 2008 á Arxentina, onde o pai se converteu no adestrador do River Plate, mentres que os fillos entraron na canteira do mesmo club.
River Plate Despois de subir polas diferentes categorías inferiores do club, en novembro de 2011 asinou o seu primeiro contrato profesional co club. Debutou co primeiro equipo na Primeira División o 4 de agosto de 2013, xogando os 90 minutos completos dun partido ante o Gimnasia La Plata. Marcou o seu primeiro gol o 8 de setembro, facendo o segundo tanto na vitoria por 3-0 ante o Tigre.
En xullo de 2015 foi cedido ao Banfield por unha tempada. No día do seu debut, marcou o gol da vitoria ante o Quilmes (1-0).
Genoa En agosto de 2016 foi traspasado ao Genoa italiano por 3 millóns de euros. Debutou na Serie A nun partido ante o Sassuolo, e marcou o seu primeiro gol no primeiro partido que xogou como titular, un empate 1-1 co Pescara o 25 de setembro de 2016. Dous meses despois marcoulle dous goles á Juventus, líder da Serie A, para gañar o partido por 3-1 Completou a tempada cun total de 36 partidos e 13 goles.
Fiorentina Entre as especulacións sobre un interese do Atlético de Madrid en fichar ao xogador para ser adestrado por seu pai Diego Simeone, en agosto de 2017 Giovanni asinou coa Fiorentina. Titular indiscutible no equipo de Stefano Pioli, anotou 14 goles en liga, incluído o seu primeiro triplete, nunha vitoria por 3-0 sobre o Napoli que puxo fin ás esperanzas de gañar o título do seu futuro club.
Cagliari En agosto de 2019 foi cedido por un ano ao Cagliari, a través dun acordo que incluía unha cláusula de compra obrigatoria ao final da cesión. Debutou o 1 de setembro nunha derrota por 2-1 ante o Inter de Milán, e marcou o seu primeiro gol dúas semanas despois, na vitoria por 3-1 contra Parma. Despois dunha irregular primeira parte da tempada, marcou en catro partidos consecutivos tralo reinicio das competicións deportivas que paralizara a pandemia de COVID-19, rematando a campaña con 12 goles.
Na tempada seguinte anotou seis tantos.
Hellas Verona En agosto de 2021 foi cedido ao Hellas Verona, tamén da Serie A. O 24 de outubro marcou os catro goles do seu equipo na vitoria por 4-1 ante a Lazio. Era a segunda vez que marcaba tres goles ou máis na Serie A, e en ámbalas dúas ocasións o fixo contra equipos dirixidos por Maurizio Sarri. Seis días despois fíxolle dous goles á Juventus por segunda vez na súa carreira, gañando o encontro por 2-1. Pechou a campaña cun total de 17 goles e 6 asistencias en 35 partidos.
En xuño de 2022 foi adquirido en propiedade polo Hellas Verona, co que asinou un contrato ata 2026.
Napoli O 18 de agosto de 2022 anunciouse oficialmente a súa cesión ao Napoli, cunha opción de compra que sería obrigatoria ao cumprirse determinadas condicións deportivas. Debutou co equipo azzurro o 28 de agosto ante a Fiorentina, un dos seus anteriores equipos, substituíndo a Victor Osimhen nos últimos 15 minutos do partido, que acabou cun empate 0-0. O 7 de setembro debutou na Liga de Campións, substituíndo unha vez máis a Osimhen, e marcando o seu primeiro gol no torneo e coa camiseta azzurra, na vitoria do Napoli por 4-1 sobre o Liverpool. O 26 de outubro marcou dous goles na Liga de Campións, na vitoria por 3-0 contra o Rangers, converténdose así no segundo xogador arxentino, despois de seu pai, en marcar catro goles nos seus catro primeiros partidos na máxima competición europea. Acabou a tempada con 9 goles en 32 partidos, contribuíndo á conquista da terceira Serie A da historia do Napoli.
En xuño de 2023 asinou definitivamente co Napoli.
Selección arxentina
Selección sub-20 Tras un destacado paso pola selección arxentina sub-18, foi convocado con só 17 anos pola selección sub-20. En marzo de 2014 foi chamado polo adestrador Alejandro Sabella para adestrar coa selección arxentina absoluta.
En xaneiro de 2015 entrou na lista de 23 xogadores do seleccionador sub-20, Humberto Grondona, para a Copa América sub-20 que se ía celebrar no Uruguai. Debutou no torneo con dous goles ante o Ecuador, anotou outros dous no terceiro encontro ante o Perú e dous máis no último partido da fase de grupos, contra Bolivia. Na segunda fase do torneo anotou un gol contra o Perú e dous contra Paraguai, guiando o seu equipo á conquista do título. Ademais acabou como o máximo goleador do torneo, con nove goles, catro máis que o segundo clasificado, o uruguaio Gastón Pereiro. Copa do Mundo sub-20 En maio de 2015 foi incluído por Grondona na lista de 21 xogadores que representarían á selección arxentina sub-20 na Copa do Mundo de Nova Zelandia. Marcou un gol ante Ghana pero o seu equipo non conseguiu pasar da fase de grupos.
Selección absoluta En setembro de 2018 debutou coa selección arxentina absoluta, da man do daquela seleccionador interino Lionel Scaloni, nun partido ante Guatemala, no que foi titular e no que ademais se estrou como goleador, facendo o terceiro e último gol do seu equipo (3-0). Como parte dun cambio xeracional, Simeone seguiu sendo convocado por Scaloni, converténdose nun xogador habitual nos seguintes partidos da 'Albiceleste'.
Vida persoal O 1 de xaneiro de 2014, aos 18 anos, obtivo a cidadanía española. O 25 de maio de 2022 casou coa modelo italiana Giulia Coppini na igrexa de San Salvatore al Monte, en Florencia.
Palmarés River Plate Primeira División da Arxentina (1): Final 2014. Copa Campionato (1): 2014. Copa Suramericana (1): 2014.
Napoli Serie A (1): 2022/23.
Selección arxentina sub-20 Copa América Sub-20 (1): 2015.
Notas
Categoría:Nados en 1995 Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Arxentinos de ascendencia italiana Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CA River Plate Categoría:Xogadores do CA Banfield Categoría:Xogadores do Genoa CFC Categoría:Xogadores do ACF Fiorentina Categoría:Xogadores do Cagliari Calcio Categoría:Xogadores do Hellas Verona FC Categoría:Xogadores do SSC Napoli Categoría:Futbolistas olímpicos da Arxentina Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 2016 Categoría:Xogadores da selección de fútbol da Arxentina