Francisco Mérida Pérez, nado en Barcelona o 4 de marzo de 1990, é un futbolista español que xoga como centrocampista no Lugo da Primeira División RFEF.

Formouse nas canteiras do Barcelona e do Arsenal e aos 18 anos debutou co equipo inglés na Premier League. Militou tamén na Primeira División española, vestindo as camisetas de Atlético de Madrid, Osasuna e Espanyol, e Segunda División, ademais de pasar por clubs de Portugal, o Brasil e a China.

Traxectoria

Comezos Nacido en Barcelona, ingresou na canteira do FC Barcelona aos oito anos, pero abandonou a entidade en setembro de 2005, poñendo rumbo ao Arsenal inglés. O 25 de setembro de 2007 debutou oficialmente co primeiro equipo do Arsenal, substituíndo a Eduardo da Silva no tempo engadido nunha vitoria por 2-0 contra o Newcastle United na Copa da Liga.

O 18 de decembro de 2007, Iñaki Badiola, candidato á presidencia da Real Sociedad, prometeu a cesión de Mérida se gañaba as eleccións. O 9 de xaneiro do ano seguinte, cinco días despois da vitoria de Badoia, confirmouse a cesión do xogador ao club vasco. Disputou 17 partidos co equipo na Segunda División, repartindo seis asistencias, pero non conseguiu o obxectivo do ascenso. Marcou o seu primeiro e único gol coa Real o 6 de abril de 2008, na vitoria por 2-1 sobre o Hércules en Anoeta.

Regresou ao Arsenal para a campaña 2008/09 e debutou na Premier League horas antes do seu 19 aniversario, nos últimos minutos da vitoria por 3-1 ante o West Bromwich Albion. Disputou un total de 16 encontros oficiais co Arsenal. Atlético de Madrid O 25 de maio de 2010, o Atlético de Madrid anunciou a fichaxe do xogador. Marcou o seu primeiro gol co seu novo club o 27 de outubro, nunha vitoria por 5-0 ante o Universidad de Las Palmas CF na Copa do Rei, repetindo cun novo tanto no partido de volta.

Comezou a tempada 2011/12 cedido no SC Braga de Portugal. Con todo, a finais de decembro de 2011, tras apenas oito partidos oficiais (cinco na Primeira Liga e 132 minutos en total), foi recuperado polo Atlético.

Hércules En agosto de 2012 volveu á Segunda División asinando un contrato de catro anos co Hércules, co que xogou un total de 19 partidos, marcando un gol.

Atlético Paranaense En febreiro de 2013, tras rescindir o seu contrato co Atlético, asinou por un ano co Atlético Paranaense do Brasil. Non chegou a xogar durante a primeira metade da tempada da Serie A, debutando finalmente o 19 de setembro ante o Flamengo, encontro no que marcou un gol. Converteuse así no primeiro futbolista español en marcar no campionato brasileiro dende que o fixera o galego José Ufarte en 1964.

Na seguinte campaña disputou a Copa Libertadores. Deixou o club en xullo, despois de que o seu contrato non fose renovado.

Huesca Tras uns meses sen equipo, en xaneiro de 2015 recalou no Huesca, da Segunda División B. Contribuíu con 15 partidos e un gol ao ascenso á Segunda División como campións do grupo.

Osasuna En xullo de 2016 volveu á máxima categoría do fútbol español tras chegar a un acordo con Osasuna. Debutou o 20 de agosto, substituíndo ao tamén debutante Fausto Tienza ante o Málaga e logrou o gol do empate 1-1.

Aínda que o equipo acabou descendendo esa campaña, conseguiu regresar a Primeira ao remate da 2018/19, na que contribuíu con 31 partidos e un gol.

Espanyol No verán de 2020 fichou polo Espanyol, da Segunda División, conseguindo na súa primeira tempada o terceiro ascenso da súa carreira deportiva. Apenas contou con minutos durante a tempada 2021/22 na máxima categoría e en agosto de 2022 puxo rumbo á China, onde asinou como novo xogador do Tianjin Jinmen Tiger, equipo da Superliga. En xaneiro de 2024 volveu ao seu país e fichou polo Lugo, da Primeira División RFEF.

Selección nacional Mérida formou parte da selección española sub-17 que gañou a Eurocopa de 2007. En xullo de 2007 tamén disputou coa selección sub-17 a Copa do Mundo en Corea do Sur, proclamándose subcampión tras caer na final ante Nixeria.

En 2009 foi convocado pola selección sub-20 para a Copa do Mundo celebrada en Exipto. Marcou un gol na goleada por 8-0 sobre Tahití e outros dous no seguinte partido ante Nixeria. Foi titular nos oitavos de final ante Italia, onde o seu equipo caeu eliminado por 3-1.

Vida persoal A súa irmá Sara é tamén futbolista e destacou especialmente no RCD Espanyol.

Notas

Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Nados en 1990 Categoría:Xogadores da Real Sociedad Categoría:Xogadores do Arsenal FC Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do SC Braga Categoría:Xogadores do Hércules CF Categoría:Xogadores do CA Paranaense Categoría:Xogadores do SD Huesca Categoría:Xogadores do CA Osasuna Categoría:Xogadores do RCD Espanyol Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21