miniatura|Principais padróns de inmunofluorescencia de anticorpos nuclearesPequenas modificacións de Mikael Häggström, MD- Attribution 4.0 International (CC BY 4.0) license thumb|Padrón de marcaxe de inmunofluorescencia homoxénea de anticorpos para ADN bicatenario en células HEp-20-10. As células en interfase mostran unha marcaxe nuclear homoxénea mentres que as células en mitose mostran a marcaxe de rexións cromosómicas condensadas. Os anticorpos antinucleares (ANAs polas súas siglas en inglés), tamén chamados factor antinuclear (ANF), son autoanticorpos que se unen a contidos do núcleo celular. En individuos normais, o sistema inmunitario produce anticorpos contra as proteínas alleas (antíxenos alleos) pero non contra as proteínas humanas propias (autoantíxenos). Porén, en casos de autoinmunidade, o corpo produce anticorpos contra os antíxenos propios, como ocorre cos ANAs.

Hai moitos subtipos de ANAs, como os anticorpos anti-Ro, anti-La, anti-Sm, anti-nRNP, anti-Scl-70, anti-dsDNA, antihistonas, anticorpos contra aos complexos dos poros nucleares, anticorpos anticentrómeros e anti-sp100. Cada un destes subtipos de anticorpos únese a diferentes proteínas ou complexos proteicos do interior do núcleo. Atopáronse en moitos trastornos como a autoinmunidade, o cancro e a infección, con diferentes prevalencias de anticorpos dependendo da condición. Isto permite o uso dos ANAs na diagnose dalgúns trastornos autoinmunes, como o lupus eritematoso sistémico, a síndrome de Sjögren, esclerodermia, enfermidade mixta do tecido conectivo, polimiosite, dermatomiosite, hepatite autoinmune e lupus inducido por fármacos.

O test de ANAs detecta os autoanticorpos presentes no soro sanguíneo dun individuo. Os tests comúns usados para detectar e cuantificar os ANAs son a inmunofluorescencia indirecta e o ensaio inmunosorbente de encima ligado (ELISA). Na inmunofluorescencia, o nivel de anticorpos indícase como unha titulación. Esta é a maior dilución do soro á cal aínda se poden detectar os anticorpos. As titulacións positivas para os autoanticorpos a unha dilución igual ou maior de 1:160 adoitan considerarse como clinicamente significativas. As titulacións positivas de menos de 1:160 aparecen en ata o 20 % da poboación sa, especialmente nos vellos. Aínda que as titulacións positivas de 1:160 ou maiores están fortemente asociadas con trastornos autoinmunes, tamén se atopan nun 5 % dos individuos sans. O cribado de autoanticorpos é útil no diagnóstico de trastornos autoinmunes e a monitorización dos niveis axuda a predicir a progresión da doenza. Un test positivo de ANAs raramente é útil se non hai ademais outros datos de laboratorio ou clínicos que apoien o diagnóstico.

Inmunidade e autoinmunidade

O corpo humano ten moitos mecanismos de defensa contra os patóxenos, un dos cales é a inmunidade humoral. Este mecanismo de defensa produce anticorpos (grandes glicoproteínas) en resposta a un estímulo inmune. Cómpre a actuación de moitas células do sistema inmune para este proceso funcione, como os linfocitos (células T e B) e células presentadoras de antíxenos. Estas células coordinan unha resposta inmune detectando as moléculas estrañas, normalmente proteínas (antíxenos), producindo anticorpos que se unen a estes antíxenos. Na fisioloxía normal, os linfocitos que recoñecen proteínas humanas (autoantíxenos) sofren unha morte celular programada (apoptose) ou convértense en non funcionais. Esta autotolerancia significa que os linfocitos non deberían incitar unha resposta inmune contra os antíxenos celulares humanos propios. Con todo, ás veces este proceso funciona mal e prodúcense anticorpos contra antíxenos propios (autoanticorpos), o cal orixina unha doenza autoinmune. Un grupo deses autoanticorpos son os ANAs.

Subtipos de ANAs Os ANAs encóntranse en moitos trastornos, pero tamén en individuos sans. Entre estes trastornos están: lupus eritematoso sistémico, artrite reumatoide, síndrome de Sjögren, esclerodermia, polimiosite, dermatomiosite, cirrose biliar primaria, lupus inducido por fármacos, hepatite autoimmune, esclerose múltiple, lupus discoide, enfermidade tiroide, síndrome antifosfolípidos, artrite idiopática xuvenil, artrite psoriática, dermatomiosite xuvenil, púrpura trombocitopénica idiopática, infeccións e cancro. Estes anticorpos poden subdividirse de acordo coa súa especificidade, e cada subgrupo ten diferentes propensións para trastornos específicos.

Antíxenos nucleares extraíbles Os antíxenos nucleares extraíbles son un grupo de autoantíxenos que foron orixinalmente identificados como dianas de anticorpos en persoas con trastornos autoinmunes. Denomínanse antíxenos nucleares extraíbles porque poden extraerse do núcleo celular con solución salina. Os antíxenos nucleares extraíbles consisten en ribonucleoproteínas e proteínas non histonas, denominadas polo nome do doante que proporcionou o soro prototipo (Sm, Ro, La, Jo; por exemplo Sm significa Smith), ou o nome da da doenza no marco da cal se atoparon os anticorpos (SS-A, SS-B, Scl-70; por exemplo SS significa síndrome de Sjögren).

Anti-Ro/SS-A e anti-La/SS-B miniatura|Padrón de marcaxe de inmunofluorescencia de manchas de anticorpos antinucleares en células HEp-20-10. Este padrón de marcaxe vese con anticorpos anti-Ro e anti-La. Os anticorpos anti-Ro e anti-La, tamén coñecidos como SS-A e SS-B, respectivamente, obsérvanse comunmente na síndrome de Sjögren primaria, unha doenza autoinmune que afecta as glándulas exócrinas. A presenza de ambos os anticorpos atópase nun 30–60 % dos casos de síndrome de Sjögren, os anticorpos anti-Ro sós atópanse no 50–70 % dos casos de síndrome de Sjögren e no 30 % dos casos de lupus eritematoso sistémico con afectación cutánea, e os anticorpos anti-La raramente se illan sós. Os anticorpos anti-La tamén se atopan no lupus eritematoso sistémico; porén, eses pacientes adoitan ter tamén síndrome de Sjögren. Os anticorpos anti-Ro tamén se atopan menos frecuentemente noutros trastornos incluíndo as enfermidades hepáticas autoinmunes, enfermidade celíaca, doenzas reumáticas autoinmunes, lupus eritematoso cardíaco neonatal e a polimiosite. Durante o embarazo, os anticorpos anti-Ro poden cruzar a placenta e causar bloqueo cardíaco e lupus neonatal en bebés. Na síndrome de Sjögren, os anticorpos anti-Ro e anti-La correlaciónanse cun comezo temperán, aumento da duración da enfermidade, hipertrofia da glándula parótide, enfermidade fóra das glándulas e infiltración das glándulas por linfocitos. Os anticorpos anti-Ro son específicos de compoñentes do complexo Ro-RNP, que comprende proteínas de 45 kDa, 52 kDa, 54 kDa e 60 kDa e ARN. A proteína de 60 kDa que se une ao ADN/ARN e a proteína reguladora de 52 kDa de célula T son os antíxenos mellor caracterizados dos anticorpos anti-Ro. En conxunto, estas proteínas forman parte dun complexo de ribonucleoproteínas (RNP) que se asocian co ARN Y humano hY1-hY5. O antíxeno La é un factor de terminación da transcrición de 48 kDa da ARN polimerase III, que se asocia co complexo Ro-RNP.

O mecanismo da produción de anticorpos na síndrome de Sjögren non se comprende totalmente, pero a apoptose (morte celular programada) e o mimetismo molecular poden xogar un papel. Os antíxenos Ro e La exprésanse na superficie de células que están sufrindo apoptose e poden causar a inflamación das glándulas salivares pola interacción con células do sistema inmunitario. Os anticorpos poden tamén producirse por mimetismo molecular, no cal anticorpos con reactividade cruzada se unen tanto a virus coma a proteínas humanas. Isto pode ocorrer cun dos antíxenos, Ro ou La, e pode producir seguidamente anticorpos para outras proteínas por un proceso chamado extensión do epítopo. A proteína retroviral gag mostra semellanza coa proteína La e propúxose como posible exemplo de mimetismo molecular na síndrome de Sjögren.

Anti-Sm

Oa anticorpos anti-Smith (anti-Sm) son un marcador moi específico para o lupus eritematoso sistémico. Aproximadamente o 99 % dos individuos sen lupus eritematoso sistémico carecen de anticorpos anti-Sm, pero só o 20 % das persoas que si teñen ese lupus teñen os anticorpos. Están asociados coa afectación do sistema nervioso central, enfermidade renal, fibrose pulmonar e pericardite no lupus eritematoso sistémico, pero non están asociados coa actividade da enfermidade. Os antíxenos dos anticorpos anti-Sm son as unidades centrais das ribonucleoproteínas nucleares pequenas (snRNPs), denominadas do A ao G, e únense ás snRNPs U1, U2, U4, U5 e U6. Normalmente, os anticorpos son específicos para as unidades B, B' e D. Os estudos moleculares e epidemiolóxicos suxiren que os anticorpos anti-Sm poden ser inducidos por mimetismo molecular porque a proteína mostra algunha semellanza coas proteínas do virus de Epstein-Barr.

Anti-nRNP/anti-U1-RNP Os anticorpos anti-ribonucleoproteína nuclear (anti-nRNP), tamén coñecidos como anticorpos anti-U1-RNP encóntranse nun 30-40 % dos casos de lupus eritematoso sistémico. Adoitan encontrarse con anticorpos anti-Sm, pero poden estar ligados a diferentes asociacións clínicas. Ademais de co lupus eritematoso sistémico, estes anticorpos están moi asociados coa enfermidade mixta do tecido conectivo. Os anticorpos anti-nRNP recoñecen as unidades centrais A e C das snRNPs e debido a isto únense principalmente ao snRNP U1. A resposta inmune ás RNP pode ser causada pola presentación dos compoñentes nucleares na membrana celular en blebs apoptóticos. Tamén se sinalou que o mimetismo molecular é un posible mecanismo para a produción de anticorpos para estas proteínas debido á semellanza entre os polipéptidos snRNP U1 e os polipéptidos do virus de Epstein-Barr.

Anti-Scl-70/anti-topoisomerase I Os anticorpos anti-Scl-70 están ligados á esclerodermia. A sensibilidade aos antibióticos na esclerodermia é de aproximadamente o 34 %, pero é maior en casos con afectación cutánea difusa (40 %), e menor para a afectación cutánea limitada (10 %). A especificidade dos anticorpos é do 98 % e do 99,6 % noutras doenzas reumáticas e en individuos normais, respectivamente. Ademais da esclerodermia, estes anticorpos atópanse en aproximadamente o 5 % dos individuos con lupus eritematoso sistémico. A diana antixénica dos anticorpos anti-Scl-70 é a topoisomerase I.

Anti-Jo-1

Aínda que os anticorpos anti-Jo-1 se inclúen normalmente entre os ANAs, en realidade son anticorpos contra unha proteína citoplasmática, a histidil-ARNt sintetase, unha aminoacil-ARNt sintetase esencial para a síntese de ARNt cargado de histidina. Están fortemente asociados coa polimiosite e a dermatomiosite, e encóntranse raramente noutras enfermidades do tecido conectivo. Arredor do 20–40 % dos casos de polimiosite son positivos para os anticorpos anti-Jo-1 e a maioría terán os marcadores do antíxeno leucocitario humano (HLA) HLA-DR3 e HLA-DRw52 de enfermidade pulmonar intersticial; o que se coñece en conxunto como síndrome Jo-1.

Anti-ADN bicatenario (anti-dsDNA) miniatura|Anticorpo anti-ADN bicatenario. As rexións variables (amarelo) son complementarias das febras do ADN bicatenario. Estes anticorpos atópanse comunmente no soro de persoas con lupus eritematoso sistémico.