Santiago Rodríguez López, nado en Barcelona o 2 de xuño de 1971 e finado o 19 de marzo de 2024 en Bristol, é un profesor, biólogo, xenetista e escritor moi ligado a Paradela.
Traxectoria
Os seus pais foron emigrantes en Barcelona, onde viviu ata os catorce anos. Despois en Lugo e Santiago (1997-2002) onde casou con Mary Otero Rolle e tiveron o fillo Carlos. A familia marchou ao Reino Unido, onde foi profesor nas universidades de Southampton e Bristol.
Licenciouse en Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela con Premio Extraordinario de Licenciatura. Dotoruse en Xenética en 1999 (tese: Caracterización del desequilibrio gamético entre los microsatélites de la región telomérica del cromosoma 11p humano) e foi bolseiro no Departamento de Xenética da USC e na “Human Genetics Division” da Universidade de Southampton cunha bolsa “Marie Curie” da Comunidade Europea. Desde 2006 é Profesor Titular de Xenética de Poboacións e Xenética Molecular do departamento “Population Health Sciences” da “Bristol Medical School” da Universidade de Bristol, ademais de dirixir o módulo “Student Choice” do currículum de Medicina.
O seu traballo de investigación centrouse no estudo da influencia dos factores xenéticos nas enfermidades humanas multifactoriais. En Bristol deu clases de Epidemioloxía Xenética a estudantes de medicina.
Participou en máis de 60 congresos nacionais e internacionais de Xenética celebrados en Estados Unidos, Reino Unido, China, India, Alemaña, Francia, Italia, Portugal, Holanda, Finlandia, Xapón e España e impartiu tamén palestras en moitos deses países.
Participou en varios libros colectivos e publicacións sobre o seu pai e Paradela. Foi comisario, xunto con Antonio Giz, da Exposición itinerante “Manuel Rodríguez López, emigrante galego, poeta obreiro” e membro do Xurado do Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López organizado polo Concello de Paradela.
En 2018 inicia a súa propia traxectoria como autor literario, publicando na Biblioteca Virtual de GaliciaDigital catro obras arredor da vida e obra do seu pai, así como tres relatos orixinais. Ademais foron premiados tres escritos seus no Certame Xornalístico «Begonte e o Nadal».
Autor do libro “Genetic endocrinology of the metabolic syndrome” e autor de capítulos noutros dous libros de Epidemioloxía Xenética.
Relación con Paradela Era fillo do poeta Manuel Oreste Rodríguez, de Pardela, concello que o nomeou Fillo adoptivo a título póstumo «polos méritos contraídos, nos últimos 30 anos especialmente, en todo o seu traballo a prol da cultura no Concello de Paradela en xeral, e no Certame Literario Manuel Oreste Rodríguez López en particular. Foi enterrado xunto con seu pai no Panteón de Paradelenses Ilustres.
Obra
Genetic Endocrinology of the Metabolic Syndrome (Metabolic Diseases-laboratory and Clinical Research) (2009). Libro colectivo. Nova Science Pub Inc. ISBN 978-1606921685.
Notas
Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Nados en 1971 Categoría:Biólogos de Galicia Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela