Marjorie Emory Simpson (chamada de solteira Marjorie Tilghman Emory), nada en en Annapolis, Maryland, en 1910 e finada en 1950, foi unha escultora e deseñadora de moeda estadounidense.
Traxectoria Marjorie Emory cursou os seus estudos artísticos na Escola de Escultura Rinehart, do Instituto de Belas Artes de Maryland, en Baltimore."Marjorie Emory Simpson". Coins And Medals Designed By A Woman. Coincommunity.com
Nesa escola coñeceu o escultor William Marks Simpson, que exercía como profesor de Escultura, e con quen casou o 29 de xuño de 1937 en Anne Arundel, Maryland."William Marks Simpson". FamilySearch.orgSmith, P. (2012). "Simpson, William Marks, Jr.". En American Numismatic Biographies. Páxina 388. A partir dese momento, Marjorie tomou como apelido o do seu marido e pasou a utilizar o seu apelido de solteira como segundo nome. A parella Simpson instalou un estudio artístico conxunto en Baltimore."Simpson, William Mark" e "Simpson, Marjorie Emory". En Bowers, Q. D. (1991). Páxina 727.
Xa desde a súa infancia, Marjorie E. Simpson amosou a súa afección pola escultura de animais, sinaladamente cabalos, e xa na súa madureza artística recibiu numerosas encargas de esculturas ecuestres, entre as que destacan unha serie de retratos de cabalos de Maryland, cara a 1940. Outra das súas obras máis destacadas foi unha réplica da estatua ecuestre do Marqués de Lafayette erixida en Baltimore, orixinal de Andrew O'Connor, que Simpson creou para a Exposición Nacional de Flores de 1936, onde ocupou un lugar destacado.
Mais o traballo polo que máis se lembra a figura de Marjorie Emory Simpson é o deseño e o gravado do medio dólar conmemorativo do Bicentenario de Norfolk, Virxinia. En 1936, meses antes do seu matrimonio, Marjorie e William Simpson foron contratados pola Norfolk Advertising Board, entidade promotora da moeda, para se encargaren da súa execución. A parella de artistas enviou á Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos as súas primeiras propostas en setembro dese mesmo ano,Taxay, D. (1967). Páxina 242. mais o deseño final, caracterizado polo Selo de Norfolk no anverso e a maza cerimonial da cidade no reverso, non se completou ata o ano seguinte. Aínda que a moeda amosa a data de 1936 —a data do bicentenario—, a cuñaxe non se produciu ata 1937."1936 Norfolk Bicentennial half dollar". En Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 379-383. A modo de marca de gravador, esta moeda amosa no seu reverso un monograma composto polas letras WMES, que recolle as iniciais dos nomes e os apelidos da parella de artistas."½ Dollar Norfolk". Numista.com
Marjorie Emory finou en 1950, oito anos antes que o seu marido.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Bowers, Q. D. (1991). Commemorative Coins of the United States. A Complete Encyclopedia. Bowers and Merena Galleries, Wolfeboro. ISBN 978-0-943161-35-8 Taxay, D. (1967). An Illustrated History of U.S. Commemorative Coinage. Arco, Nova York. ISBN 978-0-668-01536-3
Categoría:Nados en Maryland Categoría:Nados en 1910 Categoría:Finados en 1958 Categoría:Deseñadores de moeda dos Estados Unidos de América Categoría:Escultores dos Estados Unidos de América Categoría:Personalidades do gravado Categoría:Personalidades sen imaxes