A Manifestación do orgullo gai de Barcelona de 1977 tivo lugar o 26 de xuño e foi o primeiro gran acto de visibilidade LGBT en España. A convocatoria, organizada polo recentemente nado Front d'Alliberament Gai de Catalunya, reuniu case 5.000 persoas que, encabezadas por un grupo de persoas travestidas, desfilaron de xeito pacífico por La Rambla. A manifestación foi duramente reprimida pola policía, que realizou varias cargas e disparou balas de goma. Polo menos tres persoas resultaron feridas de gravidade, e un cuarto, Oriol Martí, foi golpeado, detido e encarcerado durante 56 días no Cárcere Modelo de Barcelona por, supostamente, agredir e insultar axentes da autoridade.
O lema da convocatoria foi «Nosaltres non tenim por, nosaltres som» («Nós non temos medo, nós somos»). Outros slogans desa xornada foron «O meu corpo é meu e fago con el o que me dá a gana», «Amnistía sexual!» ou «Non somos perigosos!».
Contexto histórico En 1970 Francesc Francino e Armand de Fluvià crearon na clandestinidade en Barcelona o Movimiento Español de Liberación Homosexual, a primeira asociación da España contemporánea a prol dos dereitos homosexuais. Desenvolveron as súas actividades até 1974, cando se disolveu debido ao acoso policial. En 1975, tras a morte do ditador Francisco Franco, naceu o Front d'Alliberament Gai de Catalunya, que non foi legalizado até 1980. A manifestación de Barcelona, convocada polo entón ilegal FAGC, captou a atención da prensa escrita e marcou un punto de inflexión na defensa dos dereitos das persoas lesbianas, gais, transexuais e bisexuais.
Ao morrer Franco en 1975, en España foise afianzando o recoñecemento dos dereitos das minorías sexuais. Durante a ditadura franquista a homosexualidade estaba perseguida pola coñecida como Lei de vagos e maleantes (efectiva até 1970) e pola Lei sobre perigosidade e rehabilitación social (non derrogada totalmente até 1995). O feito de ser homosexual ou de manter relacións homosexuais era castigado con multas ou mesmo co ingreso nun cárcere ou un centro psiquiátrico.
Documentación gráfica A fotógrafa catalá Colita realizou varias instantáneas durante a manifestación, algunhas das cales forman parte da colección do Museo Nacional Raíña Sofía de Madrid.
Despois de máis de 40 anos gardadas, o fotógrafo Enrique Serrano, de Santa Coloma de Gramenet, rescatou unhas fotografías inéditas que realizou cando por casualidade se atopou coa manifestación cando tiña 17 anos.
Notas
Categoría:Historia LGTB