A igrexa de San Xoán da Barcala é un templo católico de estilo barroco do século XVIII situado no lugar de Seoane (Barcala, A Baña).
Descrición
Ten nave rectangular; o presbiterio destácase da planta e a sancristía acaroada á cara norte. Os muros son de boa fábrica de perpiaño de granito e o tellado é a dúas augas agás na cabeceira. A fachada carece de adornos, a excepción dunha pequena aresta que a enmarca e onde se abre unha porta alintelada, e unha xanela rectangular de bordos en chafrán para aumentar a entrada de luz ao interior. No medio hai unha fornela coa imaxe do san Xoán.
O campanario sitúase nunha torre de tres corpos: o primeiro ten base cadrada e remata nunha cornixa saínte. O segundo leva catro columnas que compoñen catro ocos de arco de medio punto para poñer as campás e pináculos de bóla nas esquinas. O terceiro é octogonal con catro ocos e remata nunha pequena cúpula en pináculo.
A igrexa rehabilitouse en 2002 após que un lóstrego caese sobre ela. Durante os traballos atopáronse restos óseos humanos baixo as lousas de pedra do templo.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas https://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?id=1770226
Barcala Categoría:A Baña