Manuel Ochoa Fernández, nado en Tomiño en 1998 é un piragüista galego que compite na modalidade de slálom.
Conseguiu a clasificación para os Xogos Olímpicos de 2024.
Traxectoria Comezou no piragüismo seguindo os pasos de seu irmán e ingresou no Club Deportivo Miño Teixugos de Goián, co que axiña comezou a destacar na modalidade de slálom. Para continuar coa súa progresión, en 2016 tivo que instalarse en Cataluña, en La Seu d'Urgell, ao carecer Galicia dunha canle de augas bravas.
Nesa mesma localidade, en 2022 conseguiu a medalla de prata nunha proba da Copa do Mundo, e tamén ese ano disputou por primeira vez un Campionato do Mundo absoluto, en Augsburgo, acadando os cuartos de final na proba de caiac cross. En 2023 disputou en Londres o seu segundo Mundial e ao ano seguinte gañou a medalla de ouro na proba da Copa do Mundo celebrada en Praga, nas augas do río Moldava, obtendo así a clasificación para os Xogos Olímpicos de 2024.
Xa nos Xogos, debutou no estadio náutico de Vaires-sur-Marne con boas sensacións, logrando o décimo mellor tempo de entre 38 participantes na carreira contra o reloxo e superando a continuación a fase preliminar como o mellor da súa manga. Nos cuartos de final conseguiu tamén o mellor tempo da súa serie, pero sufriu unha penalización por saltar a derradeira porta, polo que foi descualificado, rematando así a súa primeira participación olímpica.
Notas
Categoría:Nados en 1998 Categoría:Nados en Tomiño Categoría:Piragüistas de Galicia Categoría:Piragüistas olímpicos de Galicia Categoría:Piragüistas olímpicos de España Categoría:Piragüistas nos Xogos Olímpicos de 2024