Cao Xueqin (chinés tradicional e simplificado. 曹雪芹; pinyin: Cáo Xuěqín; Wade-Giles: Ts'ao2 Hsüeh3-ch'in2), nado o 4 de abril de 1710 e finado o 10 de xuño de 1765, foi un novelista, pintor e poeta chinés da dinastía Qing. É coñecido por escribir Hong lou meng ("O soño do pavillón vermello"), unha das Catro Novelas Clásicas Chinesas. O seu nome de nacemento era Cao Zhan (曹霑), e o seu nome de cortesía Mengruan (夢阮).
Traxectoria Cao Xueqin naceu no seo dunha familia de mandaríns en decadencia, que formaban parte dunha das oito bandeiras de Qing. Viviu no luxo até 1728, cando o emperador Qianlong confiscou todos os bens dos Cao aducindo unhas supostas débedas co goberno. Sumidos na miseria, abandonaron a capital do sur, Nanjing. Cao Xueqin trasladouse a Beijing, onde viviu só, en reclusión. O escritor manchú Yu Rui (1771-1828) describiuno así despois do seu pasamento:
A información dispoñible sobre o autor provén sobre todo de descricións dos seus amigos e contemporáneos. Tratábase dun gran poeta. Dun Cheng, que en 1757 era funcionario de aduanas en Hebei, escribiu sobre as orixes gloriosas do seu amigo, laiándose da súa actual miseria. Comparou a poesía do seu amigo coa do poeta Li He (791-817), da dinastía Tang. Por el sabemos que vivía nunha situación de penuria, mal vestido e cheo de piollos. Segundo a meirande parte das fontes, Cao mantíñase grazas as súas pinturas, mentres traballaba na súa obra mestra, á que lle dedicou máis de dez anos.
Cao faleceu entre 1763 e 1764, deixando un manuscrito case rematado do Hong lou meng.
Obra
Cao Xueqin acadou a fama postumamente a través da súa obra. Hong lou meng é un vívido retrato dunha familia ilustre dende o cumio do seu poder até a súa caída, polo que moitos a consideran un relato parcialmente autobiográfico. Un reducido grupo de amigos e familiares transcribiron o texto tras o seu pasamento, aínda que xa circulaban copias manuscritas duns oitenta capítulos en Beijing pouco despois da súa morte.
En 1791, Cheng Weiyuan e Gao E editaron e publicaron unha versión, supostamente completa, en cento vinte capítulos. Trátase da primeira versión impresa da obra. Un ano máis tarde, reimprimiuse con revisións. Esta última é a edición máis empregada do libro. Porén, moitos expertos poñen en dúbida a autoría dos derradeiros corenta capítulos.
Pintura Cara ao 1760, Cao ofreceu unha das súas pinturas a Du Min, quen escribiu un poema louvando o seu carácter desenvolto. A venda destes cadros foi a súa principal fonte de ingresos, xa que rexeitou facerse pintor oficial. Un dos temas recorrentes da súa arte son as rochas, un obxecto típico na tradición pictórica chinesa.
Influencia A forma e o estilo da obra de Cao Xueqin foron unha referencia esencial da novela chinesa posterior. O escritor Lao She (1899-1966) inspirouse na narrativa xeracional do Hong lou meng para escribir a súa novela río Si shi tong tang ("Catro xeracións baixo un mesmo teito", 1944). No mesmo sentido, influenciou a célebre Jia ("Familia", 1933), de Ba Jin (1904-2005).
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Novelas clásicas chinesas Literatura da dinastía Qing O soño da cámara vermella
Ligazóns externas Texto completo do Hong lou meng en chinés (Chinese Text Project) Obras traducidas de Cao Xueqin
Categoría:Finados en 1765 Categoría:Nados en 1710 Categoría:Escritores en lingua chinesa Categoría:Literatura da dinastía Qing