Toshio Okumura (奥村 利夫), nado en Fukugawa o 29 de novembro de 1931 e finado en Kashiwa, Chiba, o 21 de xuño de 1997, foi un actor, cantante e cineasta xaponés, coñecido como Shintarō Katsu (勝 新太郎). Foi célebre por protagonizar as series de filmes Akumyō, The Hoodlum Soldier e Zatoichi.

Traxectoria Katsu era fillo de Minoru Okumura (奥村 実), actor de kabuki coñecido polo nome artístico de Katsutōji Kineya (杵屋 勝東治) e que destacou polas súas habilidades no nagauta e no shamisen. Era o irmán máis novo do actor Tomisaburo Wakayama. Katsu comezou a súa carreira no mundo do espectáculo como intérprete de shamisen. Pasou a ser actor porque se deu de conta que estaba mellor pagado.

Na década de 1960 actuou simultaneamente en tres longas series de filmes, Akumyō, The Hoodlum Soldier e Zatoichi. Interpretou a personaxe do masaxista cego Zatoichi nunha serie de vinte e cinco filmes entre 1962 e 1973, en cen capítulos dunha serie de televisión con catro tempadas entre 1974 e 1979, e nun 26.º e derradeiro filmes en 1989, que tamén dirixiu.

En 1967, Katsu fundou a compañía Katsu Productions.

Katsu tivo unha vida persoal complicada. Bebedor empedernido, tivo ademais problemas coa lei por uso de drogas, incluídas marihuana, opio e cocaína, sendo en 1978, 1990 e 1992. Tamén tiña reputación de ser problemático nos platós. Cando o director Akira Kurosawa o contratou como protagonista de Kagemusha (1980), Katsu abandonou a rodaxe antes de que acabase o primeiro día. Aínda que os relatos sobre o incidente difiren, o máis consistente detalla unha pelexa entre Katse e Kurosawa sobre levar o seu propio equipo ao plató para filmar a Kurosawa en acción para posteriormente mostralo aos seus estudantes de interpretación. Seica Kurosawa se ofendeu por isto, o que provocou o despedimento de Katsu, que foi substituído por Tatsuya Nakadai. No seu libro Waiting on the Weather, sobre a súa experiencia co director Kurosawa, a supervisora de guións Teruyo Nogami atribúe as diferenzas entre Katsu e Kurosawa a un choque de personalidades que tivo resultados artísticos desafortunados.

Kastu foi o marido de Tamao Nakamura, con quen casou en 1962, e pai do actor Ryutaro Gan. O especialista Yukio Kato faleceu na rodaxe do 26.º filme de Zatoichi polo fillo de Katsu, que era coprotagonista, cando unha espada real foi confundida por unha de atrezzo.

Katsu produciu a serie de filmes jidaigeki Kozure Okami, baseada no manga homónimo, e protagonizada polo seu irmán Tomisaburo Wakayama; dous posteriormente foron compilados no filme Shogun Assassin. Tamén coescribiu, produciu e interpretou xunto co seu irmán as series Oshizamurai Kiichihōgan e Tsūkai! Kōchiyama Sōshun.

Katsu faleceu de cancro de farinxe o 21 de xuño de 1997.

Legado A personaxe de Fujitora, do manga One Piece está baseada nel.

Notas

Categoría:Nados en Tokyo Categoría:Nados en 1931 Categoría:Finados en 1997 Categoría:Actores de cinema do Xapón Categoría:Actores de televisión do Xapón