Pedro Rodríguez Álvarez, nado en Vigo o 22 de agosto de 1990, é un xogador de balonmán galego, nacionalizado húngaro, que xoga como extremo dereito no Tatabánya KC. Internacional coa selección húngara, disputou con esta dous Campionatos do Mundo, un Campionato de Europa e os Xogos Olímpicos de 2024.

Traxectoria Comezou a xogar ao balonmán no seu Vigo natal, nas filas do Seis do Nadal, en Coia, de onde pasou máis tarde ao Academia Octavio. Na tempada 2007/08, con 17 anos, debutou co primeiro equipo do club vigués na Liga ASOBAL, nun partido ante o BM Ciudad Real, anotándolle tres goles ao histórico gardameta José Javier Hombrados.

No verán de 2008 puxo rumbo a Cuenca, onde fichou polo BM Ciudad Encantada, no que xogou durante tres anos. En 2011 converteuse en novo xogador do Naturhouse La Rioja. Militou cinco anos no club de Logroño, co que conseguiu tres subcampionatos de liga e debutou na Copa EHF e na Liga de Campións da EHF.

No verán de 2016, instalouse en Hungría e fichou polo MOL-Pick Szeged. Con este club gañou a liga húngara na tempada 2017/18 e a Copa de Hungría na 2018/19. A continuación xogou tres anos no Balatonfüredi KSE, antes de fichar en 2022 polo Tatabánya KC.

Selección nacional O 7 de novembro de 2015 debutou coa selección española ante Suecia nun torneo preparatorio en Polonia. Con todo, a dura competencia no seu posto fixo que apenas contase con oportunidades na selección española.

En 2020, despois de catro anos vivindo en Hungría, obtivo a nacionalidade húngara e pouco despois foi convocado pola selección maxiar, coa que debutou en 2021. Disputou o Campionato do Mundo dese ano, marcando sete goles, e o Campionato Europeo de 2022, anotando 9 tantos. Participou tamén no Mundial de 2023, no que marcou 21 goles ás ordes do seleccionador palentino Chema Rodríguez.

Foi convocado para os Xogos Olímpicos de París 2024. Debutou na terceira xornada ante Noruega e disputou un total de tres encontros, anotando dous goles contra Dinamarca. Con todo, o equipo non conseguiu pasar da primeira fase, rematando a súa participación na décima praza.

Notas

Categoría:Nados en 1990 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Xogadores de balonmán de Galicia Categoría:Xogadores de balonmán de Hungría Categoría:Xogadores de balonmán olímpicos de Galicia Categoría:Xogadores de balonmán olímpicos de Hungría Categoría:Xogadores de balonmán nos Xogos Olímpicos de 2024