Ali ibn al-Husayn al-Iṣfahani ( ), tamén coñecido como Abul-Faraj (forma completa: Abū al-Faraj ʿAlī ibn al-Ḥusayn ibn Muḥammad ibn Aḥmad ibn al-Ḥaytham al-Umawī al-Iṣfahānī) nado ca. 897 en Isfahán e finado ca. 967 en Bagdad, foi un escritor, historiador, xenealoxista, poeta, musicólogo e escribano de orixe árabe-quraysh que viviu principalmente en Bagdad. Coñecido sobre todo como o autor de Kitab al-Aghani ("O libro dos cantos"), que inclúe información sobre os primeiros períodos coñecidos da música árabe (do século VII ao IX) e a vida de poetas e músicos dende o período preislámico ata a súa época.
Datas As datas comunmente aceptadas de nacemento e morte de al-Isfahani son 897/898 e 967 respectivamente, baseándose nas datas dadas por al-Khatib al-Baghdadi, que tirou a súa información do testemuño do discípulo de al-Isfahani, Muhammad ibn Abi al-Fawaris. Porén, a credibilidade destas datas hase tratar con cautela, ningunha fonte sitúa a súa morte antes de 967 pero hai varias que a sitúan máis tarde. Malia todo, estas datas discordan dunha referencia do Kitab Adab al-ghuraba ("O libro dos estraños"), atribuída a al-Isfahani, que afirma estar na flor da mocidade (fi ayyam al-shabiba wa-l -siba) en 967. O cálculo das datas aproximadas do seu nacemento e morte medidas levando en conta a duración da vida dos seus discípulos e dos seus informantes directos suxire que naceu antes de 902 e morreu despois de 960.
Traxectoria Abu al-Faraj al-Isfahani naceu en Isfahán en Persia, pero pasou a súa mocidade e realizou os seus primeiros estudos en Bagdad. Era descendente directo do último dos califas omeias, Marwan II, e, polo tanto, estaba relacionado cos gobernantes omeias de al-Andalus.
Viviu a meirande parte da súa vida en Bagdad, porén pasou os últimos anos da súa vida en diversas partes do mundo islámico, como Alepo co seu gobernador Hamdanid Sayf ad-Dawlah, a quen lle dedicou o Libro dos cantos, e en Ray co visir buwayhid Ibn 'Abbad.
Familia O epíteto al-Isfahani, refírese á cidade de Isfahán, na meseta iraniana. En lugar de indicar o lugar de nacemento de al-Isfahani, este epíteto parece ser común á familia de al-Isfahani. Cada referencia que al-Isfahani fai aos seus parentes paternos inclúe o atributivo, al-Isfahani. Segundo Ibn Hazm (994–1064) algúns descendentes do derradeiro califa omeia, Marwan b. Mahoma (691–750), antepasado de al-Isfahani, establecéronse en Isfahán. Non obstante, hai que ter en conta que a información máis antiga dispoñible sobre a historia familiar de al-Isfahani só data da xeración do seu bisavó, Ahmad b. al-Ḥaytham, que se aveciñou en Samarra nalgún momento entre 835–6 e 847.
Segundo as referencias de al-Isfahani no Kitab al-Aghani, Ahmad b. al-Haytham parece levar unha vida privilexiada en Samarra, mentres que os seus fillos estaban ben conectados coa elite da capital abasí daquela época. O seu fillo, Abd al-Aziz b. Ahmad, foi "un dos escribas de alto rango na época de al-Mutawakkil (r. 847–861) ( min kibār al-kuttāb fī ayyām al-Mutawakkil )". Outro fillo, Muhammad b. Ahmad ( v.g, o avó de al-Isfahani), estivo asociado con funcionarios abasís, o visir Ibn al-Zayyāt (m. 847), o escriba Ibrahim b. al-Abbas al-Ṣūlī (792–857), e o visir Ubaydallah b. Sulayman (m. 901), xunto cos notables Ṭālibid, entre eles al-Husayn b. al-Husayn b. Zayd, que era o líder dos Banu Hashim. Os estreitos lazos coa corte abasí continuaron cos fillos de Muhammad, al-Hasan e al-Husayn (pai de al-Isfahani).
En diferentes partes da súa obra Aghani, al-Isfahani menciona a Yahya b. Muhammad b. Thawaba (dos Al Thawaba) como seu avó por parte de nai. A miúdo suxire que a familia de Thawaba, xiíta, pasou as súas crenzas a al-Isfahani. Porén, a identificación da familia Thawaba como xiíta só se atopa nunha fonte tardía, da autoría de Yaqut al-Hamawi (1178–1225). Aínda que moitas familias da elite que traballaban so o califato abasí eran xiís, de feito aliadas cos Alid ou os seus partidarios, non hai evidencias que membros da familia Thawaba adoptaran o xiísmo máis aló do alidismo.
Traxectoria A extensa rede de contactos da familia Isfahani reflíctese nas fontes de al-Isfahani. Entre os informantes directos que al-Isfahani cita nas súas obras, atópanse membros da súa propia familia, que estaban conectados con outras familias notables, os Al Thawaba, os Banū Munajjim, os Yazīdīs, os Ṣūlīs, os Banū Ḥamdūn, os Ṭāhirids, os Banū al-Marzubān ou os Ṭālibids.
Como al-Isfahani e a súa familia moi probablemente se estableceron en Bagdad a primeiros do século X, interactuou cun número considerable de residentes ou visitantes desa cidade, entre eles Jaḥẓa (m. 936). ), al-Khaffāf, Ali b. Sulaymān al-Akhfash (m. 927/8), e Muhammad b. Jarir al-Ṭabari (m. 922). Como outros eruditos da súa época, al-Isfahani viaxou en busca do coñecemento. Aínda que os detalles son insuficientes para establecer as datas das súas viaxes, con base nas cadeas de transmisión ( asānīd, sing. isnād ) que al-Isfahani cita coherente e meticulosamente en cada informe, é certo que transmitiu de ʿAbd al-Malik b. Maslama e ʿĀṣim b. Muhammed en Antakya; ʿAbdallah b. Muhammad b. Ishaq en Ahwaz ; e Yahya b. Aḥmad b. al-Jawn en Raqqa. No Kitab Adab al-ghuraba afirma que visitou unha vez Basora, así como Ḥiṣn Mahdī, Mattūth e Bājistrā. Porén, ningunha destas cidades parece deixar tanto impacto en al-Isfahani como Kufa e Bagdad. Aínda que os informantes bagdadís de al-Isfahani tiñan unha ampla gama de coñecementos, así como de tendencias sectarias e teolóxicas, as súas fontes kufan poden ser caracterizadas como xiítas ou interesadas en preservar e difundir as lembranzas que favorecían Ali e á súa familia. Así, invariablemente, citou nos informes sobre os Alid e os seus méritos a Ibn ʿUqda (m. 944), tanto no Aghānī como no Maqātil,.
A viaxe en busca de coñecemento realizada por al-Isfahani pode non ser particularmente salientable seguindo o estándar da súa época, pero a diversidade de ocupacións e coñecementos das súas fontes é impresionante. Os seus informantes poden ser asignados a unha ou máis das seguintes categorías: filólogos e gramáticos; cantantes e músicos; libreiros e copistas ( sahhafun ou warraqun, sing. sahhaf ou Warraq ); amigos; ; titores (muʾaddibūn, sing. muʾaddib ); escribas ( kuttāb, sing. kātib); imáns ou predicadores ( khuṭabāʾ, sing. khaṭīb ); eruditos relixiosos (dos ḥadīth, os recitados e exéxeses do Corán, ou xurisprudencia) e xuíces; poetas; e akhbārīs (transmisores de informes de todo tipo, incluíndo informes xenealóxicos, históricos e anecdóticos). A variedade dos narradores e das súas narracións enriqueceron a produción literaria de al-Iṣfahānī, que abrangue unha ampla gama de temas dende contos humorísticos ata relatos do martirio dos Álidas. A súa erudición ilústrase polo comentario de Abu Ali al-Muhassin al-Tanukhi (941–994): "Co seu coñecemento enciclopédico da música, músicos, poesía, poetas, xenealoxía, historia e outros temas, al-Iṣfahānī estableceuse como un erudito e profesor".
Obras Al-Isfahani foi autor de múltiples obras, pero só se conservan unhas poucas. Tres delas consérvanse mediante citas: al-Qiyan ("As qiyan"), al-Diyarat ("Os mosteiros") e Mujarrad al-aghani ("Compendio do libro dos cantos"). Un fragmento do Mujarrad al-aghani atópase no ʿ Uyun al-anba' fi tabaqat al-atibba ʾ de Ibn Abi Uṣaybi'a, que cita un poema do califa, al-Maʾmūn (r. 813–833), que Mutayyam arranxou como unha canción al-ʿAtiyya reconstruíu e publicou os dous primeiros al-Qiyān, é unha colección de biografías de quiyan, mulleres, primordiamente escravas, que formaban para entreter en xuntanzas e festas por medio da música, o baile ou recitado . Nel, al-Isfahani proporcionou a información básica sobre a súa biografía, os seus amos e a súa interacción con poetas, notables como os califas e os seus admiradores, con ilustración dos seus dotes poéticos e/ou musicais. Al-Diyārāt proporciona información relacionada cos mosteiros, coa indicación das súas localizacións xeográficas e, ás veces, da historia e das características topográficas. Non obstante, cuestionase ata que punto as edicións reconstruídas poden representar os textos orixinais, xa que as pasaxes, que citan a al-Isfahani como fonte, e polo tanto inclúe o editor, raramente identifican os títulos das obras.
Catro obras sobreviviron en manuscritos e editáronse posteriormente: Maqātil al-Ṭālibīyīn ("Os mártires Ṭālibid"), Kitab al-Aghani ("O libro dos cantos"), Adab al-ghuraba ("Normas de conduta dos forasteiros"), e al-Ima al-shawair ("As poetas escravas"). a autoría de al-Isfahani do Adab al-ghurabaʾ está en disputa. O autor, fose quen fose, menciona no prefacio os seus sufrimentos pola penuria do tempo e a vicisitude do destino, e o consolo que busca a través das historias de persoas pasadas. De aí que recolla no Adab al-ghuraba os relatos sobre as vivencias de descoñecidos; aqueles que están lonxe das súas casas ou dos seus seres queridos. Algunhas das historias céntranse na penuria que os descoñecidos, anónimos ou non, atoparon na súa viaxe ou exilio, que adoitan mostrarse nos epigramas escritos en monumentos, rochas ou muros. }} Outros relatan excursións aos mosteiros para beber.
O libro al-Imāʾ al-shawāʿir compúxose por orde do visir al-Muhallabī, patrón de al-Isfahani, quen lle esixiu a recollida de informes sobre as escravas que compuxeron poesía dende o período omeia ata o abbasí. Al-Isfahani confesa que non puido atopar ningunha poeta digna de mención no período omeia, ao non estar o pobo daquela época impresionado con versos tenros e suaves. Así, só rexistra as poetas abbasís, con mención dos versos refinados ou dos contos pracenteiros, e organízaos por orde cronolóxica. Hai 31 seccións, con 32 poetas, a maioría breves e normalmente comezan co autor a resumir o tema.
O Maqātil al-Ṭālibīyīn é unha compilación histórico-biográfica sobre os descendentes de Abu Talib, que morreron ao ser asasinados, envelenados ata morrer dun xeito traizoeiro, fuxiron da persecución dos gobernantes ou foron confinados ata a morte. A literatura maqātil era bastante común, especialmente entre os xiítas, antes de al-Isfahani e el utilizou moitas obras deste xénero como fonte para o Maqātil al-Ṭālibīyīn . Al-Isfahani non explica a motivación desta compilación nin menciona a quen se dedicou, pero segundo o prefacio desta obra, propón como condición relatar os informes sobre os Ṭālibids que foron "loables pola súa conduta e con razón guiados na súa crenza (maḥmūd al-ṭarīqa wa-sadīd al-madhhab)”. Do mesmo xeito que o al-Imāʾ, a obra estrutúrase por orde cronolóxica, comezando polo primeiro mártir Ṭālibī Jaʿfar b. Abī Ṭālib e remata no ano da súa compilación, en agosto de 925 (Jumādā I 313). En cada entrada biográfica, al-Isfahani dá o nome completo, a liñaxe (ás veces engadindo o lado materno), con menos frecuencia, engade tamén as virtudes e trazos persoais do suxeito e diverso material que considera digno de mención, por exemplo o ḥadīth profético sobre, ou transmitido, do tema da biografía. Despois, al-Isfahani dá conta da morte que, a maioría das veces, constitúe o final da entrada. Ás veces agrega poesía de ou sobre o suxeito. Moitos compiladores xiítas, ou non, usaron o Maqātil como fonte fiable de información nos séculos posteriores.