miniatura|O niño de pombas, 1905, de Antonio López Ferreiro. A literatura galega do século XX pode dividirse, grosso modo, en tres etapas: literatura de preguerra, literatura de posguerra (maioritariamente dende o exilio) e literatura dende a fin da ditadura até a fin de século.
Historia e características Período intersecular
miniatura|Ramón Cabanillas, poeta entre dous séculos Despois da máis que esperanzadora etapa do Rexurdimento, a literatura galega comeza un período de decaemento en case todos os xéneros, agás no teatro, posto que a dramática galega nacerá en 1882 coa representación dA fonte do xuramento de Francisco María de la Iglesia. De feito, un dos primeiros feitos destacábeis da literatura galega no século XX foi a creación, en 1903, da man dun grupo de xoves liderado por Eduardo Sánchez Miño, da Escola Rexional de Declamación. Manuel Lugrís Freire e Galo Salinas serán os escritores dramáticos que máis colaboren con esta escola.
Na poesía, aparecen como figuras destacadas deste comezo de século XX Antonio Noriega Varela, Manuel Leiras Pulpeiro ou Xosé Crecente Vega, mais a súa obra non racha coa tradición anterior do século XIX, se ben en Noriega apréciase o influxo do saudosismo portugués. Percíbese unha mudanza na produción poética a partir de Ramón Cabanillas, posto que esta, pese a convivir coa tradición, estará influída polo modernismo, movemento inaugurado polo nicaraguano Rubén Darío. Véxase Xeración de entre dous séculos.
Na narrativa, quizais sexan o máis destacado deste período intersecular as novelas históricas de Antonio López Ferreiro (Niño de Pombas, O Castelo de Pambre e A tecedeira de Bonaval) e os contos naturalistas Pé das Burgas de Francisco Álvarez de Nóvoa.
Época das Irmandades, do grupo Nós e do SEG miniatura|esquerda|Antón Villar Ponte foi un destacado intelectual das Irmandades da Fala. A partir de 1916, cando nos locais da Real Academia Galega (mais á marxe dela) un grupo de galeguistas (cuxa alma máter era Antón Villar Ponte) funda a "Irmandade de Amigos da Fala" da Coruña, a literatura galega renacerá novamente. Esta asociación, que despois se estenderá por outros lugares do país, dando lugar ás Irmandades da Fala (1917), vaise preocupar de darlle un pulo á literatura galega, cunha manchea de iniciativas, favorecendo o ensaio e a prosa,: "Os alicerces históricos da edición en Galicia" in Esther Corral Díaz et al. (2009) A mi dizen quantos amigos ey:homenaxe ao profesor Xosé Luís Couceiro, USC: Santiago de Compostela. e espallando o uso do galego na prensa de todo o país. Vai ser nesta época na que se funde o Conservatorio Nacional de Arte Galega (1919) e na que o teatro galego colla o tren de Europa, na que proliferen as publicacións de narrativa breve (Lar, Céltiga...) etc.
miniatura|Otero Pedrayo, un dos grandes narradores do século XX. En 1920, a partir da fundación da revista Nós (30 de outubro de 1920), xurdirá o chamado grupo Nós, que terá por figuras principais a Vicente Risco, Otero Pedrayo e a A. D. R. Castelao, e cuxa vontade de igualar a literatura galega ás europeas provocará, entre outras cousas, o nacemento da narrativa galega actual. Trátase de autores nacidos entre 1880 e 1890, cunha fonda formación intelectual.
Agás Castelao, o resto dos autores que conforman este grupo incorpóranse á ideoloxía nacionalista de xeito tardío. Risco, Otero e Florentino López Cuevillas formaran parte do chamado Cenáculo ourensán. Como indica o ideólogo desta xeración, Vicente Risco, no seu libro Nós, os inadaptados, estes intelectuais pregaleguistas, dandis, de clase acomodada, vivían na súa "torre de marfil", alienados, illados do mundo que os rodeaba. Esoterismo, filosofía oriental, Nietzsche... eran as súas preocupacións. Todo este mundo, sobre todo o gusto polo alén, verase reflectido na obra destes autores, como se pode ver, por exemplo, n´O Purgatorio de Don Ramiro, O Desengano do Prioiro (ambas as dúas de Otero Pedrayo), Do Caso que lle Aconteceu ao Doutor Alveiros (Risco)... Unha novela fundamental para coñecer o proceso de galeguización destes homes é Arredor de Si, de Ramón Otero Pedrayo.
miniatura|esquerda|Membros do Seminario de Estudos Galegos en 1928. En 1923 aparecerá o Seminario de Estudos Galegos (SEG), unha especie de Universidade Galega onde se van realizar numerosos estudos e publicacións de diferentes ámbitos tendo a lingua galega como habitual, de maneira que tivo unha vital importancia para a aparición do ensaio en lingua galega. Neste Seminario colaboraron personaxes do talle de Otero Pedrayo, Castelao, Xosé Filgueira Valverde, Ricardo Carballo Calero, Armando Cotarelo Valledor...
Os integrantes das Irmandades, do grupo Nós e do SEG traballaron a prol da renovación dos xéneros literarios xa existentes e déronlle un importante pulo a aqueloutros que estaban pouco traballados, como a novela e o ensaio. Xorden así obras clave do ensaio político como Teoría do nazonalismo galego (de Vicente Risco) ou a Doutrina nazonalista (de Antón Vilar Ponte), literatura científica da man de Florentino López Cuevillas, e prosas de ficción como Os camiños da vida (de Otero Pedrayo) ou O porco de pé (de Vicente Risco). Así mesmo, o polifacético Castelao inaugurou un novo subxénero narrativo que combina arte literaria coa plástica, como en Cousas ou Cousas da vida.: Breve historia da literatura galega, Edicións A Nosa Terra, Vigo, 1999, páx. 47.
Os integrantes das Irmandades preocupáronse tamén polo teatro e moitos foron os autores, e entre os anos 1922 e 1926 o Conservatorio xa mencionado converteuse na Escola Dramática Galega, existindo unha época esplendorosa teatral ao entender de Leandro Carré Alvarellos. Algúns autores teatrais destacados foron Ramón Cabanillas (A man da santiña, O mariscal), Armando Cotarelo Valledor (Mourenza) e Vicente Risco.
Na produción literaria de comezos de século Antonio Noriega Varela e Ramón Cabanillas serán unha ponte entre a estética do século XIX e a estética vangardista. Noriega Varela ofrece unha visión poética e impresionista da natureza, iniciando unha corrente denominada "neovirxilianismo" ou "paisaxismo humanista". Cabanillas asimila a poesía de Curros Enríquez, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, tomando ademais elementos modernistas.
Xeración de 1925
A xeración de 1925 abrangue os escritores nacidos en torno ao ano 1900, e cuxa actividade literaria se realiza no período das Vangardas. Estes autores tamén poden aparecer denominados como a xeración dos novecentistas (denominación de Carvalho Calero) ou como a Xeración de 1922.
No ano 1922, o poeta Manuel Antonio e mais o pintor Álvaro Cebreiro dan a coñecer o manifesto Máis alá!. Nel recóllese unha crítica aos "vellos" e mais aos "pollitos bien". Os primeiros eran os escritores que, pese a viviren en pleno século XX, continuaban a imitar a poética dos tres grandes mestres do Rexurdimento (Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal). Os segundos, os seguidores de Valle-Inclán, os creadores literarios que, pese a seren galegos, realizaban o seu labor artístico en lingua española. Por tanto, neste manifesto vangardista estes dous autores están a pedir unha mudanza urxente da literatura galega. Lémbrese, ademais, que esta é unha época na que, en case toda Europa, a vontade de rachar coas xeracións literarias anteriores é moito máis acentuada do normal. Aínda así, no caso galego, resulta que Manuel Antonio, o máximo representante do vangardismo, vai aceptar o maxisterio de Vicente Risco.
Na poesía, as correntes vangardistas nas que participan os escritores desta xeración serán as seguintes: Creacionismo: baixo a influencia do poeta chileno Vicente Huidobro, o máximo (e case único) cultivador desta tendencia en Galiza foi o rianxeiro Manuel Antonio (De catro a catro, 1928). A presenza do mar, a ruptura formal, a ausencia de ritmo tradicional, a creación de imaxes autónomas etc, son as principais características da súa obra. Surrealismo: en Galiza non existiu a corrente surrealista en si. Aínda así, algúns autores cultivárona esporadicamente, como Álvaro Cunqueiro (en Poemas do Si e do Non) ou Aquilino Iglesia Alvariño (en Corazón ao Vento). Á parte da participación -fiel ou heterodoxa- da poesía galega nalgúns Ismos, esta xeración cultivou formas renovadoras que poden relacionarse por veces coa influencia destes, aínda que non encaixen cos trazos socioliterarios do que se entende por vangarda: Hilozoísmo: bautizado así por Ricardo Carballo Calero, o máximo representante e fundador da corrente hilozoísta foi Luís Amado Carballo (Proel, 1927; O galo, 1928). A presenza da natureza, as cores e a súa simboloxía etc, aparecen con frecuencia na obra do poeta pontevedrés. Neotrobadorismo: corrente que procura imitar a lírica medieval (recentemente descuberta), adaptándoa á estética daquela altura. Fermín Bouza-Brey (Nao senlleira, 1933) e Álvaro Cunqueiro (Cantiga nova que se chama Riveira, 1933; Dona do corpo delgado, 1950; autor pertencente á xeración do 36) foron os máis destacados cultivadores do neobrobadorismo en Galicia.
miniatura|Rafael Dieste. No teatro, os autores da xeración de 1925 continuarán coa renovación levada a termo na época das Irmandades. Álvaro das Casas e Rafael Dieste (A fiestra valdeira, 1927) son dous escritores teatrais sobranceiros desta xeración.
Tamén pertence á xeración de 1925 Eduardo Blanco Amor, destacado valor na renovación da prosa na posguerra, quen comeza a publicar a finais da década dos vinte narrativa e poesía (Poema en catro tempos).
Literatura galega de posguerra
O golpe de Estado do xeneral Francisco Franco e a consecuente guerra civil española (1936-1939) truncou toda esta produción literaria. Após a vitoria do bando nacional, a literatura en lingua galega esmorece, pois o novo réxime practicamente non permitiu publicacións en lingua galega. Tan só, na máis inmediata posguerra, se conta con testemuños teatrais de tipo folclórico, semellantes aos producidos na ditadura de Miguel Primo de Rivera (1923-1929). Será precisamente unha obra teatral o primeiro texto publicado en libro após a barbarie de 1936, a zarzuela ¡Non Chores, Sabeliña! (1943) de Xosé Trapero Pardo. O seguinte, o poemario de Aquilino Iglesia Alvariño Cómaros verdes (1947). A modo de exemplo, pódese mencionar que entre os anos 1939 e 1950 non chegou a haber nin unha ducia de publicacións en lingua galega no territorio de Galiza, e as que se produciron foron obras fundamentalmente de ámbito rural.
Esta situación de escasa produción (e publicación) literaria comezará a mudar a partir de 1950, ano no que aparece, da man de Ramón Piñeiro, Xaime Isla Couto e Celestino Fernández de la Vega a editorial Galaxia.
Literatura de posguerra no exilio e na diáspora
miniatura|esquerda|Blanco Amor dirixiu revistas e o Teatro Popular Galego en Buenos Aires. A partir de 1936, e durante as décadas de 1940 e 1950, a literatura galega non estivo morta, senón que foi continuada polos autores galegos que, ou ben se viron na obriga de exiliárense, ou ben estaban emigrados en América do Sur no momento no que estalou a guerra. A súa obra estará fortemente marcada polo drama da desfeita do alzamento nacional en xullo de 1936. A maior parte da actividade literaria estaba concentrada en México e Bos Aires. Nesta última cidade os exiliados entraron en contacto cos que emigraran antes da sublevación militar (Eduardo Blanco Amor, Emilio Pita...) e comezaron a impulsar revistas, libros e reimpresións, para establecer deste xeito a continuidade dunha cultura ameazada. É así que condicionamentos como a extraterritorialidade, as dificultades editoriais e a carencia de público lector fagan adquirir á literatura galega do exilio características especiais: compromiso político galeguista e republicano, poesía narrativa dun forte compoñente autobiográfico, introdución da temática cívico-social na poesía e a mestizaxe cultural que engade elementos temáticos e estilísticos novidosos.