José Manuel González Álvarez, máis coñecido como Manolo González, nado en Folgoso do Courel o 14 de xaneiro de 1979, é un exfutbolista e adestrador galego-catalán, que dende marzo de 2024 dirixe o Espanyol, na Primeira División.
Traxectoria
Como futbolista Nacido no concello lucense de Folgoso do Courel, cando contaba con tres anos de idade, a súa familia emigrou a Barcelona, instalándose no distrito de Horta-Guinardó. Comezou a xogar ao fútbol aos oito anos no colexio Dalvi, da rúa Travessera de Gràcia, pero axiña foi fichado polo Martinenc, no que militou dos 9 aos 17 anos. A súa calidade levouno a debutar coa selección catalá sub-15.
Con 17 anos pasou ao Sant Gabriel, de Sant Adrià de Besòs, e máis tarde militou no primeiro equipo do Martinenc, do Gramenet B e do Santboià, antes de ingresar na Montañesa. Xogou dúas campañas no equipo negro e amarelo, ata que un día de 1999 no campo de Nou Barris sufriu unha grave lesión de xeonllo, con rotura de ligamento cruzado anterior, ligamento lateral interior e menisco. Aínda que máis tarde fichou polo Poble Sec, só puido disputar un torneo, acabando a lesión coa súa carreira como futbolista con só 21 anos.
Como adestrador Trala súa retirada emprendeu unha carreira de adestrador, que xa iniciara con 16 anos, dirixindo o equipo infantil do Martinenc, e máis tarde nas categorías inferiores do Sant Gabriel. En 2005 chegou á canteira do Badalona, onde pasou sete anos, tendo que compaxinar os bancos co seu traballo de condutor de autobús urbano.
En 2012 colleu as rendas do primeiro equipo da Montañesa, equipo ao que dirixiu dúas campañas, culminadas coa disputa da promoción de ascenso a Segunda División B na tempada 2013/14, tras rematar na segunda posición, igualando así o mellor resultado histórico do club. Foi nomeado por Radio Marca mellor adestrador de Terceira.
A continuación adestrou durante catro anos o Badalona, na Segunda B, conseguindo bos resultados e un quinto posto como mellor posición final. Na campaña 2016/17, mantivo ao club badalonés na cabeza da clasificación durante case toda a liga, rematando finalmente na quinta posición, a só un punto da promoción.
Para a tempada 2018/19 asinou polo CD Ebro, tamén de Segunda B. Co club aragonés acadou os oitavos de final da Copa do Rei, sendo finalmente eliminado polo Valencia .
En outubro de 2019 volveu ao banco do Badalona, ao que adestrou durante dúas tempadas. Na primeira delas conseguiu eliminar da Copa do Rei primeiro ao Oviedo e logo ao Getafe, equipo este último que ía sétimo na Primeira División e que estaba a disputar a Copa da UEFA. O conxunto de Manolo González derrotou ao de Bordalás por dous goles a cero, antes de caer na seguinte rolda ante o Granada do tamén galego Díego Martínez.
O 7 de xuño de 2021 fichou como adestrador da Peña Deportiva, da Segunda División RFEF. Na súa primeira campaña á fronte do club de Eivisa acadou o terceiro posto da liga, disputando así a promoción de ascenso á Primeira Federación, onde eliminou primeiramente ao Coruxo, antes de caer na final contra o Real Murcia.
O 11 de xullo de 2023 foi presentado como novo adestrador do Espanyol B, do Grupo III da Segunda Federación. Con todo, non chegou a rematar a tempada co filial, pois o 12 de marzo de 2024, tras a destitución de Luis Miguel Ramis, foi elixido pola directiva para adestrar o primeiro equipo do Espanyol, na Segunda División ata o final da tempada. Tres meses despois conseguiu o ascenso a Primeira tras derrotar na promoción ao Sporting de Gijón e o Real Oviedo.
Continuou no banco espanyolista na tempada 2024/25, na que o equipo se mantivo na zona baixa da táboa durante toda a competición. En abril o conxunto catalán conseguiu tres vitorias consecutivas, ante Rayo Vallecano, Celta de Vigo e Getafe, logrando afastarse temporalmente dos postos de descenso, o que motivou que Manolo González fose galardoado co premio ao mellor adestrador da liga en abril. Porén, nas seguintes seis xornadas encadeou un empate e cinco derrotas consecutivas, quedando o equipo só dous puntos por riba do descenso a falta da derradeira xornada. No último partido enfrontouse no RCDE Stadium ao xa descendido Las Palmas do tamén galego Diego Martínez, ao que derrotou por 2-0 con goles de Javi Puado e Pere Milla, certificando así a permanencia na máxima categoría e o descenso do Leganés de Borja Jiménez.
Notas
Categoría:Nados en 1979 Categoría:Nados en Folgoso do Courel Categoría:Futbolistas da provincia de Lugo Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores de fútbol de Cataluña Categoría:Adestradores do RCD Espanyol