Maria Quintans, nada en Lisboa en 1955 e finada ibídem o 15 de xuño de 2024, foi unha poeta e dramaturga portuguesa.
Traxectoria Foi unha das fundadoras da Revista Inútil, onde colaborou como directora editorial. Tamén estivo envolta na fundación das empresas Hariemuj Editora, Cama de Gato Editora e Edições Guilhotina, onde traballou como editora.
Publicou as obras de poesía Apoplexia da Ideia en 2008, Chama-me Constança en 2010, O Silêncio en 2013, A Pata da Cabra en 2014, Décimo Terceiro Andamento & Chama-me Constança en 2015 e Se me empurrares eu vou en 2019, sendo esta última a súa estrea na editorial Assírio & Alvim. Alén diso, varios dos seus poemas foron recompilados en revistas e libros portugueses, brasileiros e españois.
A súa primeira obra de dramaturxia foi o monólogo Décimo Terceiro Andamento, en 2015, e no ano seguinte escrebiu a peza infanto-xuvenil Este Não Sou Eu. En 2020 editou as pezas A Síndrome da Culpa e Os Demónios Não Gostam de Ar Fresco, esta última baseada no escritor sueco Ingmar Bergman, en cuxas obras Maria Quintans se inspirou ao longo da súa carreira. Ademais, en 2024 fixo unha residencia literaria na illa de Fårö, en Suecia, segundo recomendación da actriz Liv Ullmann, que foi compañeira de Ingmar Bergman. A peza Os Demónios Não Gostam de Ar Fresco foi levada a escena no Teatro São Luiz, en abril de 2024, con dirección de Albano Jerónimo e Cláudia Lucas Chéu, e foi publicada en libro pola editora Húmus.
Faleceu o 15 de xuño de 2024, con 69 anos de idade, no hospital de São José, por mor dun aneurisma cerebral. Logo do seu pasamento, a Ministra de Cultura emitiu unha comunicado, onde salientou a súa carreira como escritora e editora, considerando a Maria Quintans como «interventiva e entusiasta», e realzou a súa «notábel voz poética, quen de chegar a diferentes lectores».
Notas
Categoría:Nados en Lisboa Categoría:Nados en 1955 Categoría:Escritores en lingua portuguesa Categoría:Dramaturgos de Portugal Categoría:Finados en 2024