Gjorgi Kostadinov Dinkov, coñecido tamén como Dinkata, nado en 1839 en Tesalónica e finado en 1876 en Atenas, foi un mestre e un persoeiro do renacemento cultural-nacional eslavo do sur de Macedonia.
Traxectoria Naceu na cidade de Tesalónica, entón capital de eialato no Imperio Otomán. Seu pai era o revolucionario e impresor Konstantin Drzhilov e súa Velika, Durjilova de apelido de solteira. Estudou na escola grega da súa cidade, despois durante dous anos na Escola Teolóxica de Halki e logo en Atenas. En 1857 durante unha xira por Macedonia Alexander Rachinski, membro do paneslavista Comité Benéfico Eslavo que condedía bolsas para estudar en Rusia, e por medio de seu tío Kiriak Drzhilovic puido acceder a unha, e así matriculouse no Ximnasio de Smolensk, pero non chegou a rematar por enfermidade . En Rusia, coñeceu as ideas de Vissarion Belinski, Nikolai Dobrolyubov e Nikolai Chernyshevskii. Volveu de Moscova en agosto de 1860, logo asociouse con Dimitar Miladinov e Stefan Verkovic e viaxou por Macedonia na recolla de materiais etnográficos e folclóricos. Seu tío Kiriak intentou abrir unha imprenta eslava en Tesalónica, e seu pai Konstantin Drzhilovic fixo xestións no mosteiro de Zograf para abrir unha imprenta, para poder imprimir os traballos de seu fillo .
Mantivo correspondencia con Garibaldi, Georgi Stojkov Rakovski e outras personalidades de Europa. Por mor da cidadanía grega de seu pai, Gjorgi era tamén cidadán grego, con nacenza no Imperio Otomán, polo que por unha serie de discursos en Vidin e outras cidades, que as autoridades gregas consideraron antigregos, o cónsul grego en Tesalónica acusouno diante as autoridades otománs e pasou 17 meses en prisión, ata o 2 de xullo de 1862. Sete meses despois da súa saída do cárcere, volveu ao cárcere novo en febreiro de 1863 ao acusalo os gregos de espíar para os rusos e paneslavista e Dinkov renunciou á nacionalidade grega e solicitou ser un súbdito do sultán. Tras a súa liberación volveu a Tesalónica e axudou á súa irmá Slavka a abrir na súa casa natal a primeira escola en lingua vernácula eslava (1866-1868) e converteuse nun dos fundadores e supervisor da asociación municipal eclesiástica eslava de Tesalónica .
Publicou artigos sobre a lingua, a xeografía e a historia de Macedonia no xornal de Constantinopla Makedonia (1867-1868), ensinou en Prilep, Bitola e na aldea de Koturichani (1869-1871). En Zagorichani tivo como alumno a Dimitar Blagoev, máis tarde o fundador do Partido Comunista Búlgaro. Colaborou con Stjepan Verković na recolla de datos e máis escribiu en 1868 unha extensa revisión xeográfica de Macedonia para un volume sobre a xeografía, etnografía e datos estatísticos de Macedonia, que se publicou en ruso en San Petersburgo en 1889 co título de Топографическо-этнографическій очеркъ Македоніи, o traballo etnográfico máis importante que se fixera ata a data sobre Macedonia. En 1871 foi como mestre a unha escola grega en Kostur, e alí tentou abrir unha escola eslava e espertar o sentimento eslavo na zona, mais non logrou o éxito, e mesmo nunha aldea elementos gregos mallaron brutalmente nel e tras pasar un tempo na cadea regresou a Tesalónica, En 1874 decidiu deixar a cidade e ir a Atenas, alí exerceu como avogado e colaborou co xornal rusófilo Eon, cidade na que morreu en 1876 . Do mesmo xeito que Partenija Zografski, Dinkata avogou pola creación dunha lingua común macedonio-búlgara, pero baseada na fala macedonia, e el de feito escribía no dialecto macedonio de Tesalónica, o Solun-Voden. A súa poesía permaneceu inédita, así como os libros de texto Граматика на македонскиот бугарски јази, Наречие Солунскаго округа, Подробна географија на Македониј e outros, así como descricións monográficas de cidades (Историја на града Негош) e contribucións xornalísticas (Познај себеси'').
Notas
categoría:Nados en 1839 Categoría:Finados en 1876 Categoría:Nados en Tesalónica Categoría:Escritores en lingua macedonia Categoría:Profesores do Imperio Otomán