O piracaldo é unha preparación culinaria propia do acervo gastronómico paraguaio, que consiste nun caldo ou sopa de peixe, á que se lle engaden distintas verduras e produtos lácteos durante o proceso de cocción.

Trátase dun prato tradicional de gran relevancia cultural, estando instaurada dende 2019 o Festival Nacional do Piracaldo, festividade que aglomera a un número aproximado de 10.000 comensais.

Historia

Etimoloxía Piracaldo é un vocábulo híbrido, é dicir, unha palabra composta por raíces de dúas — ou máis — linguas distintas. A raíz «pira» procede do guaraní pira, peixe; e a raíz «caldo», do castelán. Este tipo de vocábulos caracterizan a fala típica do Paraguai, fortemente influenciada polo contacto constante das súas dúas linguas principais.

Orixe No contexto da antropoloxía culinaria paraguaia, destaca a relevancia do consumo de peixe nos distintos grupos guaranís. Estes grupos desenvolveron diferentes técnicas para a súa conservación e aproveitamento, como a salgadura ou a elaboración de fariña de peixe. Este patrón alimentario estivo influenciado polo extenso proceso de transculturación que caracterizou a interacción entre a cultura autóctona e a europea en todo o territorio da América virreinal.

Ingredientes e elaboración Para o piracaldo tradicional utilízanse principalmente peixes de río máis pequenos, especialmente os da familia do bagre. Tamén se empregan outros ingredientes como graxa vexetal ou animal, leite ou nata, queixo, cebola, tomate, pemento, perexil, chile e sal.

O piracaldo, na súa versión máis popular, prepárase fritindo cebolas, tomates, pementos e perexil en graxa vexetal, de porco ou tenreira. Posteriormente, bótase auga fervida e engádense o peixe, o queixo e o leite ou a nata. Cando o peixe estea cocido e o caldo estea espeso, engádese o chile finamente picado.

Dada a ampla difusión do piracaldo como prato tradicional, desenvolvéronse diversas variantes desta receita. Unha delas consiste no procesamento dos peixes — previamente cocidos — a través dun muíño de pequeno tamaño. Este método permite a extracción total do contido óseo dos peixes, garantindo así un uso integral dos mesmos na elaboración do piracaldo.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Caldo de castañas

Caldo verde

Categoría:Sopas Categoría:Pratos de peixe Categoría:Gastronomía de Paraguai