Francisco Tubío Vicente, coñecido como Chiquelo, nado en San Carlos, Buenos Aires (Arxentina) en 1910 e finado en Ourille, Taragoña (Rianxo) o 15 de outubro de 1936, foi un zapateiro, panadeiro e labrego galego.

Traxectoria Tralo golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 formou parte das partidas armadas organizadas polo comité de defensa, que requisaron alimentos, armas e explosivos. Participou en asaltos, como o da casa reitoral de Abanqueiro (Boiro), na voadura da ponte do río Beluso, co propósito de dificultar o avance do exército sublevado e realizou gardas na vila de Boiro.

O exército tomou Boiro o 26 de xullo. Comezou a ser perseguindo xunto a outros como José Romero Rial, Celestino Horta Resúa, José Ces Caamaño e José Saavedra García. Agochouse no monte, onde botou arredor de tres meses, ata que os falanxistas deron con el, tras recibir o aviso dalgúns veciños da contorna, o 15 de outubro de 1936 no monte do Castro, preto de Ourille, onde foi asasinado. Foi soterrado pola súa familia o día seguinte no cemiterio de Taragoña.

Vida persoal Fillo de Francisco Tubío Sestelo, natural de Noia, zapateiro, e de Rita Vicente Collazo, coñecida como A Rixota, natural de Rianxo, verduleira. Seus pais emigraron á Arxentina, onde naceu seu irmán Eduardo e mais el. A familia regresou a Rianxo, onde tiveron outros dous fillos, Domingo e Andrea.

Aprendeu o oficio de zapateiro con seu pai. Xogaba ó fútbol, deporte no que destacaba. Casou en Bealo (Boiro) con María Triñanes Resúa, con quen tivo dous fillos. Traballou de zapateiro en Boiro, de panadeiro e mais de labrego. Quedou viúvo ó pouco de casar.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas

Categoría:Asasinados polo bando nacional en Galicia Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Nados en 1910 Categoría:Finados en 1936