Casia ou Casiani (en ), nada cara a 810 e finada antes de 865, foi unha compositora e poeta bizantina. É a única muller coñecida na historia da música bizantina con obras na liturxia bizantina. Foi abadesa dun convento no oeste de Constantinopla.
Casia é unha das únicas dúas mulleres do período bizantino medio que escribiron co seus propios nomes, xunto con Ana Comnena. Como os seus predecesores, Romano o Mélodo e Andrés de Creta, os manuscritos máis antigos da súa obra son séculos posteriores ao seu pasamento.
Consérvanse uns 50 himnos da súa autoría, a meirande parte deles stichera, aínda que existen dúbidas sobre a atribución de 26 deles. Tamén se lle atribúen arredor de 261 epigramas e versos gnómicos.
Nome O seu nome é unha variante feminina do nome latino Cassius. En grego, existen diferentes formas de escribilo, como Κασ(σ)ία (Cas[s]ia), Εικασία (Eicasia) ou Ικασία (Icasia).
Traxectoria Casia naceu entre o 805 e o 810 en Constantinopla, no seo dunha familia podente. Tres cronistas bizantinos (Pseudo-Simeón, Xurxo o Monxe e León de Tesalónica) afirmaron que Casia participou no desfile de noivas organizado pola emperatriz Eufrosine para o seu fillo Teófilo, un festival mediante o cal os príncipes ou emperadores podían escoller unha prometida dándolles unha mazá de ouro. Engaiolado pola beleza de Casia, o novo emperador achegouse a ela e dixo "A través dunha muller emerxeron as cousas máis baixas", en referencia ao papel de Eva no pecado orixinal. Casia contestou "E grazas a unha muller emerxeron as mellores", en referencia á salvación pola encarnación de Cristo, nacido da Virxe María. Insatisfeito coa resposta, Teófilo rexeitouna e casou con Teodora.
Contra 843, Casia fundou un convento no oeste de Constantinopla, preto dos muros da cidade, do que foi primeira abadesa. Tiña unha relación moi próxima co mosteiro de Studion, que tivo un papel central na reedición de libros litúrxicos bizantinos entre os séculos IX e X. Este mosteiro axudou a conservar as súas obras.
O emperador Teófilo foi un feroz iconoclasta, polo que Casia foi suxeita á persecución imperial pola súa defensa da veneración de iconas. Entre outros castigos, foi azoutada cun látego. Malia esta situación, Casia continuou coa súa vindicación da fe ortodoxa, afirmando: "odio o silencio cando é o momento de falar".
Tras o pasamento de Teófilo en 842, o seu fillo Miguel III ascendeu ao trono do Imperio Romano Oriental, con Teodora actuando como Rexente. Xuntos, puxeron fin ao segundo período iconoclasta (814-842).
Casia viaxou por Italia, para despois asentarse na illa grega de Kasos, onde morreu entre 867 e 890. Na cidade de Panaghia, hai unha igrexa que alberga unha reliquia de Casia.
Traducións En castelán
Casia de Constantinopla (2019). Poemas. Tradución ao castelán de Óscar Prieto Domínguez. Ediciones Cátedra.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos
Ana Comnena Música bizantina
Categoría:Venerados pola Comuñón Anglicana Categoría:Poetas bizantinos Categoría:Finados no século IX Categoría:Nados no século IX