Joziane de Oliveira de Oliveira, coñecida como Jozi, nada en Chapecó o 30 de xuño de 1982, é unha xogadora de fútbol sala, que xoga como porteira no Bitonto C5 Femminile, da Serie A. Seis veces campioa do mundo coa selección brasileira, comezou a súa carreira no Kindermann, co que gañou numerosos títulos no Brasil. A continuación xogou 14 anos no Burela, converténdose nun emblema e nunha das mellores xogadoras da historia do club, co que conquistou 23 títulos oficiais, entre eles seis ligas, cinco Copas da Raíña e cinco Supercopas de España.
Traxectoria Comezou como porteira de balonmán, ata que en 1999 se colocou baixo os paus dunha portería de fútbol sala nun equipo que adestraba o pai dunha amiga e que quedara sen gardametas. En 2004 ingresou na Sociedade Esportiva Kindermann, da cidade catarinense de Caçador. Militou durante seis anos no club, catro deles compaxinando fútbol campo con fútbol sala, e conquistou numerosos títulos, entre eles o Campionato Brasileiro de 2004, as Copas do Brasil de 2005 e 2006 e cinco Campionatos Catarinenses. Durante esta etapa foi internacional en varias ocasións tanto coa selección brasileira de fútbol como coa de fútbol sala, gañando os títulos de campioa mundial universitaria de fútbol en 2005 e campioa do mundo de fútbol sala universitario en 2008.
En xaneiro de 2010 foi presentada como nova xogadora do Burela, equipo fundado un ano e medio antes e que estaba a disputar a súa primeira campaña na Primeira División. Chegou ao equipo da Mariña para axudar a consolidar o proxecto do club na máxima categoría e acabou por converterse nunha das xogadoras máis importantes da historia do club. Despois duns anos de asentamento, o Burela, con Jozi na portería, dominou de xeito case absoluto o fútbol sala español, conquistando 23 títulos oficiais, entre eles seis ligas, cinco Copas da Raíña e cinco Supercopas de España, aos que sumou os títulos oficiosos da Copa das 4 Nacións e da Futsal Women's European Champions.
En xaneiro de 2024 deixou o Burela despois de 14 anos defendendo a súa portería e iniciou unha nova etapa en Italia, nas filas do Bitonto C5 Femminile, da Serie A. Na súa primeira campaña gañou o título de liga e a Copa Italia, sendo elixida mellor xogadora da Copa.
Selección brasileira Internacional coa selección brasileira de fútbol sala dende 2004, conquistou con esta os campionatos do mundo de 2010, 2011, 2012, 2013, 2014 e 2015, así como sete edicións da Copa América (2005, 2007, 2009, 2011, 2017, 2019 e 2023).
Palmarés Kindermann Campionato Brasileiro (1): 2004. Copa do Brasil (2): 2005, 2006.
Burela Primeira División (6): 2012/13, 2015/16, 2019/20, 2020/21, 2022/23, 2023/24. Copa da Raíña (6): 2013, 2019, 2020, 2021, 2022, 2023. Supercopa de España (5): 2015/16, 2019/20, 2020/21, 2021/22, 2022/23. Futsal Women's European Champions (1): 2021. Copa das 4 Nacións (1): 2020. Copa Galicia (6): 2009, 2010, 2014, 2015 e 2019, 2023.
Bitonto Serie A (1): 2023/24. Copa Italia (1): 2023/24. Supercopa de Italia (1): 2024.
Selección brasileira Copa do Mundo (6): 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2015, 2016. Copa América (7): 2005, 2007, 2009, 2011, 2017, 2019, 2023.
Notas
Categoría:Nados en 1982 Categoría:Nados no estado de Santa Catarina Categoría:Xogadores de fútbol sala