Dimitrije (en cirílico: Димитрије), nado como Dušan Balać (en cirílico: Душан Балаћ) o 16 de xullo de 1913 na rexión de Kordun (Austria-Hungría, hoxe Croacia) e finado o 26 de maio de 1979, foi un bispo da Igrexa ortodoxa serbia libre. Traxectoria Naceu o 16 de xullo de 1913 na rexión de Kordun, hoxe parte de Croacia e entón parte do reino de Croacia Eslavonia (Austria-Hungría). Logo de estudar para monxe no mosteiro de Visoki Dečani, foi ordenado monxe o 15 de decembro de 1934, tomando o nome de Dimitrije. O seu pai espiritual foi o abade Dionisije Milivojević, futuro bispo de América e o Canadá. O 15 de decembro de 1935 foi ordenado hieromonxe, e durante os anos seguintes foi abade do mosteiro de Visoki Dečani, abade do mosteiro de Gomirje, e párroco temporal en Marindol, preto de Karlovac.

En 1940 Dionisije Milivojević convidoulle a acompañarlle aos Estados Unidos de América, chegando Dimitrije Balać o 15 de abril de 1940 e sendo nomeado abade do mosteiro de San Sava en Libertyville. Durante os anos seguintes exerceu no sur de Chicago, Indiana Harbor, e Omaha. Posteriormente foi párroco en Joanstown, Shedland, e nos Ánxeles até os anos sesenta, cando foi elevao ao rango de arquimandrita e nomeado secretario da eparquía de América e o Canadá.

En 1964 acompañou a Dionisije Milivojević ao Reino Unido, e posteriormente a Damasco e Beirut; a finais de outubro chegaron a Australia. O 31 de outubro de 1964, en Melbourne, foi elixido bispo da nova eparquía de Australia e Nova Zelandia; esta elección foi confirmada pola asemblea da eparquía de América e o Canadá celebrada en Libertyville entre o 28 e o 30 de setembro de 1966, e Balać foi ordenado bispo o 13 de novembro de 1966 no mosteiro de San Sava.

O bispo Dimitrije chegou novamente a Australia o 26 de decembro de 1966. O 8 de febreiro de 1967 creou o tribunal canónico diocesano. A súa chegada á diocese impulsou a construción e consagración de varios templos, e caracterizouse por un pontificado dilixente e creativo na organización da igrexa.

O 15 de febreiro de 1968 participou na ordenación episcopal do bispo da Igrexa ortodoxa autocéfala belarusa Andrej Kryt como bispo de Hrodna-Navahrudak e Cleveland, e o 10 de marzo do mesmo ano na do bispo da mesma Igrexa Mikalaj Macukievič como bispo de Turaŭ-Pinsk e Toronto.

Finou o 26 de maio de 1979, e está enterrado no mosteiro de San Sava de Libertyville.

Notas

Categoría:Nados en 1913 Categoría:Nados en Croacia Categoría:Finados en 1979 Categoría:Bispos ortodoxos de Croacia Categoría:Bispos ortodoxos de Australia Categoría:Bispos ortodoxos de Nova Zelandia Categoría:Bispos da Igrexa ortodoxa serbia libre Categoría:Bispos ortodoxos do século XX