A Tribuna (en ), publicada en 1883, é unha novela da escritora galega Emilia Pardo Bazán, considerada a primeira novela social publicada en España e introdutora do naturalismo.

Contexto A Tribuna é a terceira novela de Emilia Pardo Bazán. Os primeiros anos da década de 1880 foron cruciais tanto para a traxectoria da autora como para o desenvolvemento da novela española. A obra foi escrita nun contexto marcado polos primeiros debates sobre o naturalismo literario. Pouco iñantes da súa publicación, Pardo Bazán contribuíu a estes debates cunha serie de artigos no diario madrileño La Época, que se recompilaron en xuño do mesmo ano baixo o título La cuestión palpitante.

É considerada a primeira novela española en ter como protagonista ao mundo obreiro. Aínda que este mundo xa aparecera en novelas de folletín, esta obra distínguese polas características documentais propias do naturalismo, un enfoque que Pardo Bazán introduce. A segunda edición da Gran Enciclopedia Soviética outorgoulle este mérito, destacando a Emilia Pardo Bazán como "a primeira persoa na literatura de España que reflicte, verdadeiramente, a vida da clase obreira".

É a única novela da autora na que se fai referencia a acontecementos históricos concretos que inflúen de maneira significativa na vida dos personaxes. A través desta obra, a autora incorpora tanto o contexto político e social da Revolución de 1868 como as experiencias da clase traballadora nunha contorna urbana, destacando as interaccións entre os personaxes e o impacto dos eventos históricos nas súas vidas cotiás.

A autora estudou en detalle moitos aspectos da novela co rigor característico do naturalismo que defendía. Pardo Bazán realizou varias visitas á Fábrica de Tabacos da Coruña para coñecer de primeira man o ambiente, os personaxes e as actividades que intentaba retratar. Isto reflíctese nas pasaxes nas que describe o proceso de elaboración dos cigarros e a contorna das obreiras, o que revela un coidadoso estudo e unha notábel capacidade de observación.

Sinopse A novela ten como protagonista a Amparo, unha moza de orixe humilde que vive en Marineda, nome ficticio da Coruña. Amparo traballa co seu pai na venda de barquillos, mentres a súa nai, unha ex traballadora da fábrica de tabacos, está paralítica e prostrada na cama. Grazas á recomendación dun militar chamado Borrén, Amparo consegue traballo na fábrica de tabacos de Marineda. O seu pai substitúea no negocio familiar cun aldeán chamado Chinto, quen se namora de Amparo, pero ela rexéitao e desprézao.

Co estalido da revolución de setembro de 1868, moitas das obreiras da fábrica simpatizan coa República. Amparo destácase como unha das líderes entre as súas compañeiras, lendo a prensa e promovendo fervorosamente os ideais republicanos. A súa habilidade para falar de maneira fluída e apaixonada, así como a súa loita polos máis desfavorecidos, outórganlle o alcume de "A Tribuna".

A beleza de Amparo atrae a atención de Baltasar, un mozo dunha familia acomodada de Marineda. Malia as súas dúbidas iniciais, Amparo entrégase a el tras a promesa de matrimonio. Porén, cando Amparo fica embarazada, Baltasar rexéitaa, xa que ten plans de casar cunha moza da súa mesma clase social. A novela termina co nacemento do fillo de Amparo e a proclamación da República, o que reflicte a situación social e política da época.

Traducións A Tribuna (2011). Tradución ao galego de David González Couso. Toxosoutos.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos La dama joven Os pazos de Ulloa La madre Naturaleza

Ligazóns externas Texto completo en castelán (Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes)

Categoría:Novelas en castelán Categoría:Novelas ambientadas en Galicia Categoría:Obras literarias de 1883 Categoría:Novelas de Emilia Pardo Bazán