O Colegio de Segunda Enseñanza para carreras especiales, chamado popularmente Colexio Dequidt, foi un centro de ensino da Coruña que funcionou entre 1871 e 1972.
Historia miniatura|Información do Colexio Dequidt, Claroscuro: Ano I Número 1 (10 de agosto de 1900) O xermolo do Colexio Dequidt xurdiu en Ferrol en 1850, fundado polo matrimonio composto por Luis Dequidt Gantois, natural da localidade francesa de Walloncappel, e Victoria Hevia Ramírez, de San Fernando, Cádiz. A súa actividade pasou á Coruña en 1871, instalándose na rúa Real 66.
En 1885 faleceu Luis Dequidt e a dirección pasou ao seu fillo Enrique Dequidt Hevia, de vinte e catro anos, que trasladou a sede á rúa de Juana de Vega 5. Os bos resultados obtidos no Instituto Xeral e Técnico ou na Escola Profesional de Comercio deron prestixio ao colexio, conseguindo que chegasen alumnos doutros lugares de España e América. Ademais foi o primeiro colexio da cidade que empregou un autobús escolar. Este aumento do alumnado fixo que se decidise a construír en 1900 a sede definitiva no número 96 do Camiño Novo, nun terreo con 10 000 metros cadrados. O novo edificio constaba de patios, aulas amplas, ximnasio, teatro, comedor, dormitorios e capela.
Cando faleceu Enrique Dequidt en 1912 con 49 anos asumiu a dirección o seu fillo máis vello, Enrique Dequidt Carreras-Presas, e á súa morte o colexio continuou coa dirección dos seus irmáns Luis, José, María de los Ángeles e Victoria.
O Colexio Dequidt pechou en agosto de 1972 por mor da urbanización da zona entre a rúa de Juan Flórez e a avenida de Arteixo. Supuxo a demolición do edificio e dos obradoiros. As árbores da praza do Libro formaban parte dos campos do colexio.Pateando A Coruña: Plaza del Libro
Ensinanzas No Colexio Dequidt estudábase desde o ensino infantil ata o bacharelato, ademais da carreira práctica de comercio. Existía tamén unha "sección de señoritas". Os alumnos podían ser internos, mediopensionistas, externos vixiados e externos libres.
No colexio dábase importancia á educación física, así como ás linguas estranxeiras. Na primeira ensinanza era obrigatorio o inglés e nos párvulos ofrecíase francés, que eran impartidos por profesores estranxeiros.
Alumnado Entre os alumnos que estudaron no colexio están Roberto Nóvoa Santos, Santiago Casares Quiroga, Julio Wais, Wenceslao Fernández Flórez, Enrique Hervada, Manuel Iglesias Corral, Alfonso Molina ou Manuel Casás.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Institucións de ensino de Galicia Categoría:Edificacións desaparecidas Categoría:A Coruña