As desintegrinas son unha familia de pequenas proteínas (de 45–84 aminoácidos de lonxitude) presentes no veleno de víbora que funcionan como inhibidores potentes da agregación das plaquetas e da adhesión celular dependente de integrinas.

Funcionamento As desintegrinas funcionan contrarrestando os pasos necesarios para a coagulación do sangue, inhibindo a agregación das plaquetas. Interaccionan coas familias beta-1 e beta-3 de receptores de tipo integrina. As integrinas son receptores celulares implicados en interaccións célula-célula e célula–matriz extracelular, servindo como a vía común final que leva á agregaión por medio da formación de pontes entre as plaquetas, que son esenciais na trombose e a hemostase. As desintegrinas conteñen un motivo de secuencia RGD (Arg-Gly-Asp) ou KGD (Lys-Gly-Asp) que se une especificamente a receptores integrinas IIb-IIIa da superficie das plaquetas, bloqueando dese xeito a unión do fibrinóxeno ao complexo receptor–glicoproteína de plaquetas activadas. As desintegrinas actúan como antagonistas de receptores, inhibindo a agregación inducida polo ADP, a trombina, o factor activador das plaquetas e o coláxeno. O papel da desintegrina na prevención da coagulación do sangue fai que teña interese médico, especialmente no seu uso como anticoagulante.

Tipos de desintegrinas Caracterizáronse as desintegrinas de diferentes especies de serpes: albolabrina, applaxina, barbourina, batroxostatina, bitistatina, obtustatina, schistatina, echistatina (Echis carinatus), elegantina, eristicofina, flavoridina, halysina, kistrina, mojastina (Crotalus scutulatus), rubistatina (Crotalus ruber), tergeminina, salmosina, tzabcanina (Crotalus simus tzabcan)Saviola, A.J., Modahl, C.M. and Mackessy, S.P., 2015. Disintegrins of Crotalus simus tzabcan venom: Isolation, characterization and evaluation of the cytotoxic and anti-adhesion activities of tzabcanin, a new RGD disintegrin. Biochimie, 116, pp.92-102. https://doi.org/10.1016/j.biochi.2015.07.005 e triflavina.

As desintegrinas divídense en 5 clases: pequenas, medias, grandes, dímeras, e metaloproteinases do veleno de serpe.

Desintegrinas pequenas: de 49-51 aminoácidos, con 4 pontes disulfuro Desintegrinas medias: de 70 aminoácidos, con 6 pontes disulfuro Desintegrinas grandes: de 84 aminoácidos, con 7 pontes disulfuro Desintegrinas dímeras: de 67 aminoácidos, con 4 pontes disulfuro intracatenarios Metaloproteinases do veleno de serpe: de 100 aminoácidos, con 8 pontes disulfuro.

Evolución da familia da desintegrina As desintegrinas evolucionaron por medio da duplicación xénica dunha familia de proteínas ancestral, a familia ADAM. As desintegrinas pequenas, medias, grandes e dímeras atópanse só na familia Viperidae (víboras), suxerindo unha posible duplicación e diversificación hai uns 12-20 millóns de anos. As metaloproteinases do veleno de serpe atópanse nos ofidios de toda a superfamilia Colubroidea, o que indica que evolucionaron antes de que os Colubroidea se diversificasen hai uns 60 millóns de anos.

Outras fontes de proteínas desintegrinas As proteínas similares a desintegrinas atópanse en varias especies que van desde os balores mucosos aos humanos. Algunhas outras proteínas que se sabe que conteñen un dominio de desintegrina son:

Algunhas metaloproteinases de cinc do veleno de serpes constan dun dominio catalítico N-terminal fusionado cun dominio de integrina. Tal é o caso da trimerelisina I (HR1B), atrolisina E (Ht-e) e trigramina. Suxeriuse que estas proteinases poden escindirse por si mesmas dos dominios de desintegrina e que isto se pode orixinar a partir dun procesamento postraducional. As familias proteicas ADAM e ADAMTS, que comprenden importantes encimas proteases. A protease segregada ADAMTS13, atopada no soro sanguíneo, corta o factor de Von Willebrand e actúa como un inhibidor natural endóxeno da adhesión e agregación das plaquetas. A ADAM2 (beta-fertilina, a subunidade beta da proteína PH30 do espermatozoide do coello de Indias). A PH30 é unha proteína implicada na fusión espermatozoide-óvulo. A subunidade beta contén unha desintegrina no extremo N-terminal. A ADAM7 (proteína apical do epidídimo de mamíferos 1, EAP I). A ADAM7 está asociada coa membrana do espermatozoide e pode exercer un papel na maduración do espermatozoide. Estruturalmente, a ADAM7 consta dun dominio N-terminal, seguido dun dominio de metaloproteinase de cinc, un dominio de desintegrina e un gran dominio C-terminal que contén unha rexión transmembrana.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Proteína ADAM Evolución do veleno de serpe

Ligazóns externas

Categoría:Proteínas Categoría:Serpes velenosas