Nichiren (en ), nado o 16 de febreiro de 1222 e finado o 13 de outubro de 1282, foi un monxe budista e filósofo xaponés do período Kamakura. As súas ensinanzas conforman a base do budismo nichiren, unha rama do mahayana.
Nichiren afirmou que o Sutra do loto contén a verdade suprema necesaria para a terceira idade do budismo, polo que o soberano do Xapón e o seu pobo debería defender só esta forma do budismo e erradicar calquera outra. Tamén defendeu que declamar repetidamente o título nipón deste texto, Nam(u)-myoho-renge-kyo, era o único camiño para alcanzar a budeidade; neste sentido, para Nichiren o buda shakyamuni e o resto de deidades budistas non eran máis que extraordinarias manifestacións dunha natureza de buda chamada myoho-renge, que era accesible tamén para todo o mundo. Así mesmo, declarou que os seguidores do sutra debería propagalo aínda cando fosen perseguidos.
Foi un escritor prolífico e a súa vida e temperamento, así como a evolución das súas crenzas, pode apreciarse a partir dos seus escritos. Afirmou ser a reencarnación do bodhisattva Jōgyō, e designou seis discípulos principais, aínda que existen dúbidas sobre a súa sucesión. Tras o seu pasamento, recibiu o título de Nichiren dai-bosatsu (en ; lit. "Gran bodhisattva Nichiren") por parte do emperador Go-Kōgon en 1358, así como o de Risshō-daishi (en ; lit. "Gran Mestre da Corrección") en 1922, mediante un edicto do emperador Taishō.
Na actualidade, o budismo nichiren inclúe as escolas-templo tradicionais, como a das seitas Nichiren-shu e Nichiren Shōshū, e movementos laicos como o Soka Gakkai, o Risshō Kōsei Kai, o Reiyūkai, o Kenshōkai, o Honmon Butsuryū-shū, o Kempon Hokke ou o Shōshinkai, entre moitos outros. Cada un destes grupos interpreta as ensinanzas de Nichiren de diferentes modos, e moitos afirman que Nichiren foi a reencarnación do bodhisattva Jōgyō ou, incluso, o buda primordial ou auténtico buda (en ) da terceira idade do budismo.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Finados en 1282 Categoría:Nados en 1222 Categoría:Filósofos do Xapón Categoría:Escritores en lingua xaponesa Categoría:Monxes budistas