Matilde Rafaela Cherner, nada en Salamanca en 1833 e finada en Madrid o 15 de agosto de 1880, foi unha escritora e xornalista española. Foi descrita como unha muller «de ideas progresistas e de claras e marcadas conviccións políticas» e unha «republicana federal convencida».
Traxectoria Filla de Antonia Hernández Luna, natural de Aldeadávila de la Ribera, e de Juan Cherner, natural de San Fernando. Sabía latín e francés. En 1852 publicou o seu primeiro poema en La Revista Salmantina, e entre 1872 e 1873 publicou varios poemas en El Federal Salmantino, se ben nesta época xa vivía en Madrid.
Co pseudónimo de Rafael Luna publicou as novelas Novelas que parecen dramas (1877), Las tres leyes (1878), Ocaso y aurora (1878) e María Magdalena: estudio social (1880), así como gran número de traballos críticos.
Para o teatro escribiu tamén algunhas obras. As pezas Don Carlos de Austria e La Cruz provocaron comunicados e polémicas, ao asegurar a autora que as rexeitaran pór en escena para representar no seu lugar El haz de leña (Gaspar Núñez de Arce, 1872) e Don Rodrigo (Agustín Fernando de la Serna, 1873) de temáticas similares, se ben a denuncia por plaxio non tivo ningunha repercusión. Tamén foi autora dun notable Juicio crítico sobre as Novelas exemplares de Cervantes.
Colaborou na revista madrileña La Ilustración de la Mujer con tres poemas, un relato literario, un estudo sobre a música relixiosa, e unha serie de artigos sobre a situación feminina, publicados co seu propio nome e recollidos baixo o epígrafe de Las mujeres pintadas por sí mismas. Tamén colaborou en La Ilustración Republicana Federal.
Na obra María Magdalena criticou a prostitución legalizada, o que xa fixera nos artigos de La Ilustración. Tratou o tema a través da vida dunha moza abocada a ese mundo e narrada en forma de memorias. A prostituta narra como chegou a ese oficio tan degradante. No prólogo da obra a autora definiuna como naturalista, e ten un carácter máis reflexivo ca descritivo. Cun ton moralizante, fai unha crítica á sociedade que, á vez que as necesita, rexeita as prostitutas.
Faleceu no seu domicilio madrileño da rúa de La Palma número 21, por mor dun aneurisma, segundo o parte oficial, o 15 de agosto de 1880. No entanto, a súa morte inesperada motivou algúns rumores sobre un posible suicidio como consecuencia da presión pública recibida pola súa denuncia da prostitución.
Obra Ademais das seis novelas publicadas en forma de folletín publicou diversos contos, como El miserere de Doyagüe (1875), de estilo romántico.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Matilde Cherner y «La Ilustración de la Mujer» en Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.
Categoría:Nados en Salamanca
Categoría:Finados en 1880 Categoría:Nados en 1833 Categoría:Escritores de Castela e León Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Personalidades sen imaxes