O socociño verdoso (Butorides virescens) é unha pequena garza de América do Norte e Central. O nome Butorides procede do inglés medio butor 'abetouro' e do grego antigo -oides, 'que lembra a', e virescens procede da palabra latina para 'verdoso'.
Foi considerado antes conespecífico coa súa especie irmá Butorides striata, e ambas son garzas de dorso verdoso. As aves da subespecie nomeada (sen importar cal sexa a clasificación taxonómica preferida) son aves vagantes moi raras en Europa occidental; individuos da costa do Pacífico de América do Norte poden tamén chegar errantes a Hawai.
Descrición
O socociño verdoso é relativamente pequeno; a lonxitude do corpo dun adulto é só duns 44 cm. O pescozo está a miúdo retraído moi preto do corpo. Os adultos teñen un píleo negro verdoso con brillos, un dorso verdoso e ás que son dun negro verdoso que se degrada a verde ou azul, un pescozo castaño cunha liña branca na parte frontal, partes ventrais grises e patas amarelas. O bico é escuro e afiado. As femias adultas tenden a ser menores que os machos, e teñen unha plumaxe máis clara e apagada, especialmente na estación reprodutora. Os xoves son máis apagados, coa parte lateral da cabeza, pescozo e parte ventral manchada de marrón e branco, dorso e cobertoiras das ás con manchas marróns, e patas e bico amarelos verdosos. As crías eclosionan cubertas de penuxe, son grises claras polo dorso e brancas no ventre.
A súa chamada é un alto e repentino kiou; tamén fan unha serie máis tenue de kuk. Durante o cortexo, o macho fai unha chamada que soa raah-rahh co bico moi aberto, fai ruídos coas ás ao batelas e chamadas que soan whoom-whoom-whoom en voo, e ás veces chamadas roo-roo dirixidas ás femias antes de volver a aterrar. Mentres están pousados, tamén fan unha chamada de cortexo que soa aaroo-aaroo.
Medidas:
Lonxitude: 41-46 cm Peso: 240 g Envergadura: 64-68 cm
Taxonomía Esta especie estaba antes incluída en B. striata, que daquela era erradamente coñecida como B. striatus. A especie do Plistoceno temperán B. validipes, cuxos restos fósiles se descubriron na Florida, podería ser o antepasado do socociño verdoso, xa que a especie viva parece que substituíu ao seu devanceiro fósil.
A distinción entre subespecies é como mínimo insegura. A variación en cor entre as poboacións é menos pronunciada que entre as aves da mesma poboación. As poboacións migratorias son de ás máis grandes que as das aves residentes todo o ano, mais isto non pode utilizarse para delimitar as subespecies, xa que é moi obvio que é unha consecuencia dos diferentes hábitos e pode esperarse que sufrira evolución converxente en poboacións non relacionadas desta especie que comparten o mesmo hábito. Así, cómpre facer estudos completos de filoxenética molecular para resolver esta cuestión da delimitación das subespecies.
As seguintes subespecies son as que habitualmente aparecen nas listas, aínda que a validez da maioría delas é moi discutida: Butorides virescens anthonyi (Mearns, 1895) Reprodúcese nos Estados Unidos ao oeste das Montañas Rochosas, do sur ao norte da Península de Baixa California, México. Algunhas aves residentes, migran maioritariamente ao oeste de México en inverno. Butorides virescens bahamensis (Brewster, 1888) Bahamas. Residente. Butorides virescens frazari (Brewster, 1888) Sur da Península de Baixa California, México. Residente. Butorides virescens maculata (Boddaert, 1783), antes maculatus Parte máis meridional de América Central ata o centro de Panamá e Caribe. Residente. Butorides virescens virescens (Linnaeus, 1758) Reprodúcese no sueste do Canadá ata o centro e sur dos Estados Unidos ao leste das Montañas Rochosas. Pasa o inverno desde a parte máis ao sur dos Estados Unidos ata o norte de América do Sur.
Moitas das discusións céntranse na distinción entre as poboacións do Caribe e América Central, o segundo taxon desta especie que se describiu. Para describir as dúas opinións máis extremas, algúns autores ensamblan o conxunto de poboacións da parte continental na subespecie nomeada, pero tratan as poboacións parapátricas como subespecies distintas, mentres que outros sitúan todas as poboacións residentes en maculata e todas as migratorias en virescens.
Ecoloxía miniatura|"Green heron" (socociño verdoso) de John J. Audubon. O hábitat e a área de forraxeamento do socociño verdoso inclúe zonas das ribeiras dos ríos, zonas húmidas, lagoas e lagos, así como canles feitas polo home. Os socociños verdosos non mostran unha particular preferencia polo forraxeamento diúrno ou nocturno, e a miúdo realizan ambos. Comen principalmente pequenos peixes, ras e animais acuáticos como artrópodos, pero poden capturar presas de invertebrados ou vertebrados, incluíndo samesugas, miñocas, libélulas, cabalos do demo, nepomorfos, saltóns, arañas, cangrexos, camaróns, ratos, outros roedores, lagartos, cágados e serpes. Algúns dos moitos peixes que comen son: ciprínidos, peixes sol, siluriformes, percas, anguías e, en áreas urbanas, carpas vermellas. O socociño verdoso é intolerante a outras aves –incluíndo as da súa especie– cando se alimentan e non se ven buscando comida en grupos. Normalmente están quedos nas ribeiras ou en augas pouco profundas ou pousados en pólas de árbores e esperando polas presas. Poden pairar brevemente para capturar presas. Foron observados usando as presas capturadas (por exemplo efémeras) ou outras cousas (cachos de pan, plumas) para que sirvan de isco para os peixes na superficie das augas para atraeren peixes. Este comportamento de usar cebo para peixes é común entre as garzas.
A poboación do norte trasládase ás súas zonas de reprodución nos meses de marzo e abril; preto do límite máis setentrional da súa área de distribución, a reprodución está claramente en marcha ao final de maio. A migración aos cuarteis de inverno empeza en setembro; ao final de outubro as aves están ausentes de rexións onde non permanecen todo o ano. Polo menos a migración cara ao norte non parece verse afectada polo quecemento global; as aves aparecen nas súas áreas de reprodución ao mesmo tempo que o facían hai cen anos.
Os individuos das poboacións non migratorias abandonan os seus territorios despois da estación reprodutora para vagaren pola rexión. Poden tornar ou non á localidade de reprodución do ano anterior, dependendo de se atopan un hábitat mellor durante estas vagabundaxes. Nestas poboacións a estación reprodutora está determinada pola chuvia e consecuentemente pola dispoñibilidade de presas.
Os socociños verdes son estacionalmente monógamos. Fórmanse as parellas na área de reprodución despois dunha intensa exhibición de cortexo que fan os machos, que seleccionan os sitios de nidificación e voan perante as femias ruidosamente e coa plumaxe da cabeza e pescozo inchada. O niño fano nun bosque e áreas pantanosas, nese caso sobre a auga ou en plantas preto da auga. Os niños son plataformas de paus, a miúdo en arbustos ou árbores, ás veces no chan. Os sitios preferidos son as árbores, e algúns constrúenos a 20 m sobre o chan, aínda que alturas de poucos metros son máis comúns. De raro en raro, congréganse gran número desta aves en "garceiros" para nidificaren.
A posta adoita ser de 2 a 6 ovos verdes claros, que poñen en intervalos de dous días (aínda que o segundo ovo poden poñelo seis días despois do primeiro). Despois de poñeren o último ovo, ambos os proxenitores incúbano durante uns 19–21 días ata que se produce a eclosión, e alimentan ambos as crías. A frecuencia con que os alimentan diminúe a medida que a descendencia está case emplumada. Os xoves empezan a abandonar o niño aos 16 días de idade, pero non están totalmente emplumados e con capacidade de defenderse por si mesmos ata os 30–35 días de idade. Ás veces, especialmente na parte tropical da súa distribución, os socociños verdes reprodúcense dúas veces ao ano.
Uso de ferramentas O socociño verdoso é unha das poucas especies de aves que usan ferramentas. En concreto, comunmente usan codias de pan, insectos ou outras cousas como isco. Este isco bótano na superficie dun corpo de auga para atraer peixes. Cando un peixe come o isco, o socociño apáñao e cómeo.
Galería
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Butorides virescens – Socociño verdoso na Animal Diversity Web Socociño verdoso – Butorides virescens – USGS Patuxent Bird Identification InfoCenter Socociño verde en eNature.com Guía de campo en Flickr
Vídeo de YouTube video dun socociño verdoso pescando Vídeo de YouTube dun socociño verdoso afogando unha ra antes de comela! Páxina sobre o socociño verdoso do Bermuda Dept. of Environment and Natural Resources
Categoría:Ardeidos Categoría:Animais descritos en 1758 Categoría:Taxons descritos por Linné