O rolieiro abisinio (Coracias abyssinicus) é unha ave da familia Coraciidae que se reproduce en África tropical na faixa o Sahel ao sur do Sáhara. É residente na parte sur da súa área de distribución, pero as poboacións que se reproducen no norte son migradoras de curta distancia, trasladándose máis ao sur despois da estación húmida.

Taxonomía As relacións filoxenéticas entre a especies de Coracias son as que se mostran abaixo, obtidas no estudo molecular realizado por Johansson et al. (2018)

Descrición O rolieiro abisinio é un paxaro grande, case do tamaño dunha gralla cos seus 28–30 cm de longo. Ten un dorso marrón e o resto da plumaxe principalmente azul. Os adultos teñen plumas grandes na cola de 12 cm de longo. Os sexos son similares, pero os xoves son unha versión máis apagada dos adultos. O rolieiro abisinio é sorprendente polo seu forte voo directo, coas cores azuis brillantes das ás contrastando co dorso negro amarronado e leva as longas plumas da cola arrastrando por detrás. A chamada do rolieiro abisinio é un son gak parecido ao dun corvo ou un axirido tipo aaaargh.

Distribución e hábitatat O rolieiro abisinio é nativo da África tropical. A súa distribución esténdese desde o sur de Mauritania e o Senegal no oeste ata Etiopía, Somalia e o norte de Kenya no leste. Tamén aparece no suroeste de Arabia Saudita e oeste do Iemen. É unha ave común de terras abertas e cálidas con algunhas árbores, e adaptouse ás granxas e casas humanas.

Comportamento e ecoloxía Os rolieiros abisinios adoitan pousarse nas árbores, postes ou arames altos, como picanzos xigantes, mentres ollan buscando insectos e pequenos roedores dos cales se alimentan. Tamén se dirixen ao fume dos lumes forestais para buscar invertebrados que foxen. Non teñen medo e bótanse en picado contra as persoas e outros animais intrusos. A exhibición desta ave é similar á dunha avefría choromica, con xiros e voltas. O seu niño é un burato escasamente forrado nunha árbore ou edificio, e pon de tres a seis ovos.

Conservación A tendencia da poboación do rolieiro abisinio pénsase que é aumentar, xa que aproveita as oportunidades que lle proporcionan as prácticas agrícolas e a urbanización. Ten unha área de distribución ampla e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza cualificou o seu status de conservación como "pouco preocupante".

Notas

Categoría:Corácidos Categoría:Animais descritos en 1783