Ginette Neveu, nada en París o 11 de agosto de 1919 e finada nos Azores o 28 de outubro de 1949, foi unha recoñecida violinista francesa.
Orixes e formación musical
Ginette Renée Neveu naceu o 11 de agosto de 1919 en París, nunha familia moi vinculada á música. A súa nai, Marie Jeanne Ronze, era profesora de violín, e o pai, Maurice Neveu, traballaba nas carreiras de cabalos. Tamén o seu irmán maior, Jean Neveu, dedicouse á música, coma pianista, e xuntos formarían un dúo.
Desde nena Ginette mostrou un gran talento para a música, e aos sete anos realizou o seu debut interpretando o Concerto para violín en sol menor de Max Bruch. Ginette tivo unha educación musical moi variada e completa. Estudou con Line Talluel, e máis tarde no Conservatorio de París, con Jules Boucherit. Alí gañou un primeiro premio en 1931. Máis adiante continuou perfeccionándose con violinistas como George Enescu ou Carl Flesch, e tamén estudou composición con Nadia Boulanger. Toda esta formación axudoulle a desenvolver un estilo interpretativo propio e un son impecable.
Recoñecemento internacional
En 1935, á idade de 15 anos, Ginette Neveu acadou a fama internacional ao gañar o primeiro premio no Concurso Internacional de Violín Henryk Wieniawski en Varsovia, superando violinistas como David Oistrakh, quen levou o segundo premio. Este logro foi o inicio dunha carreira brillante, que a faría tocar en importantes escenarios de Europa e América. Entre 1935 e 1937 realizou xiras por países como Polonia, Alemaña, a Unión Soviética, Estados Unidos e Canadá, consolidando a súa reputación como unha das mellores violinistas da súa xeración.
Durante a segunda guerra mundial Neveu limitou as súas actuacións, presentándose en pequenas salas e profundando no seu repertorio. Esta etapa de introspección e estudo enriqueceu a súa interpretación, dotándoa dunha profundidade que sería amplamente recoñecida nas súas actuacións futuras.
Trala guerra, continuo a súa carreira internacional. En 1945, debutou en Londres co Concerto para violín de Brahms, e en 1946 gravou nos estudos Abbey Road de Londres obras como Tzigane de Ravel, o Poème de Chausson e pezas de Chopin e Falla, moitas delas acompañada polo seu irmán Jean. Estas gravacións foron feitas grazas á axuda do director Herbert von Karajan, e son consideradas testemuños enormes da súa arte. Morte O 28 de outubro de 1949, Ginette Neveu e o seu irmán Jean faleceron nun accidente aéreo cando o avión de Air France no que viaxaban cara a América estrelouse na illa de São Miguel, nos Azores. No mesmo tamén perdeu a vida o boxeador Marcel Cerdan. Ao inicio, o corpo de Ginette foi confundido co doutra pasaxeira e enterrado en Alsacia, pero máis tarde foi trasladado ao cemiterio do Père-Lachaise en París, onde descansa actualmente. O seu violín Stradivarius perdeuse no accidente.
Estilo interpretativo
Ginette Neveu foi admirada polo seu estilo interpretativo apaixonado e virtuoso. A súa técnica excepcional e a súa capacidade para transmitir emocións distinguíana dos violinistas da época. Estas calidades convertérona nunha intérprete admirada tanto polo público como pola crítica.
Entre as súas gravacións máis destacadas atópanse os concertos para violín de Brahms, Sibelius ou Beethoven, e tamén interpretacións de obras de Ravel, Chausson e Strauss. Estas gravacións, moitas realizadas co seu irmán Jean, continúan sendo referencia obrigada para os amantes do violín.
Homenaxes Na súa homenaxe, nomeáronse unha rúa e un xardín no XVIII Distrito de París. Ademais, a súa historia foi obxecto de numerosos estudos e biografías, entre elas a escrita pola súa nai, “Ginette Neveu: La fulgurante carrière d’une grande artiste”.
Ginette Neveu deixou unha importante pegada no mundo da música clásica. O seu talento prodixioso, a súa gran dedicación, e a súa profunda sensibilidade artística convértena nunha das violinistas máis destacadas do século XX. A pesar da súa curta vida, o seu legado perdura a través das súas gravacións e do seu recordo.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Ronze-Neveu, M. J. (1952). Ginette Neveu: la fulgurante carrière d'une grande artiste.
https://www.warnerclassics.com/es/artist/ginette-neveu Ginette Neveu. (1949). The Musical Times, 90(1281), 410–410. Lockspeiser, E. (1957). [Review of Ginette Neveu, by M. J. Ronze-Neveu & J. L. Kemp]. The Musical Times, 98(1375), 488–488. HOYAUX, J. (1949). ADIEU, GINETTE NEVEU. Hommes et Mondes, 10(41), 621–623.
Categoría:Nados en París Categoría:Nados en 1919 Categoría:Finados en 1949 Categoría:Finados en accidente aéreo Categoría:Violinistas de Francia