Rodrigo Andrés Lanza Huidobro, nado en Viña del Mar o 8 de novembro de 1984 é un activista antisistema chileno-italiano. Lanza é coñecido pola súa participación no filme documental Ciutat Morta (2013) que recolle os sucesos do caso 4F, no cal Lanza foi un dos acusados.

Traxectoria Rodrigo Lanza foi un dos acusados do caso 4F, que se refire aos feitos acontecidos o 4 de febreiro de 2006 na rúa Sant Pere Mès Baix 55 do distrito de Ciutat Vella, en Barcelona. Durante os feitos do Caso 4F un policía que patrullaba no exterior dunha festa multitudinaria quedou tetrapléxico tras ser golpeado por un obxecto. A policía comezou a deter persoas na rúa entre eles tres homes de ascendencia latinoamericana con pasaporte europeo, concretamente Álex Cisternas, Rodrigo Lanza e Juan Pintos, e en total, foron detidas nove persoas. Segundo o testemuño posterior de Lanza e Pintos, os tres homes foron golpeados e torturados na comisaría; as súas feridas eran tan graves que foron levados ao Hospital do Mar.

No hospital, os policías atopáronse con Patricia Heras e Alfredo Pestenas, que acudiran alí tras un accidente de bicicleta noutro lugar da cidade; revisaron os seus teléfonos e decidiron arrestalos tamén. Nun xuízo dous anos despois, Lanza foi unha das sete persoas condenadas, unha das cales finalmente foi indultada. En apelación ante o Tribunal Supremo, as penas foron alongadas e Patricia Heras suicidouse.

O caso 4F causou polémica e deu lugar a un filme documental, Ciutat Morta, que argumentaba que os condenados non eran os responsables da lesión do policía. O filme foi visto máis de 500.000 veces na televisión catalá, o que provocou un novo debate tanto sobre o caso como sobre cuestións máis xerais como a violencia policial e a xentrificación en Barcelona.

Condenas posteriores Rodrigo Lanza foi encarcerado durante cinco anos logo dunha liorta de bares en Zaragoza en 2017 cun home que era membro do partido de extrema dereita Falange Española de las JONS dende os anos 80. O home foi golpeado e caeu, morrendo despois polas feridas. En 2020, a pena de Lanza aumentou a 20 anos e dous anos despois reduciuse a 18,5.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Caso 4F Ciutat Morta

Categoría:Nados en Viña del Mar Categoría:Nados en 1984 Categoría:Asasinos Categoría:Activistas de España