Sigtuna é un concello sueco do condado de Estocolmo. A súa capital e cidade máis grande é a localidade de Märsta, e a segunda é Sigtuna.
En decembro do ano 2024 a poboación do concello era de 52 767 habitantes.
Historia administrativa A área do concello correspóndese coa das parroquias de Haga, Husby-Ärlinghundra, Lunda, Norrsunda, Odensala, Sankt Olof, Sankt Per, Skepptuna, Skånela e Vidbo. Coa reforma municipal de 1862 fundáronse nesas parroquias concellos rurais co mesmo nome; agás nas de Sankt Olofs e Sankt Pers, que xuntas formaron un único concello. Na zona estaba tamén a cidade de Sigtuna, que en 1863 formou un concello urbano (stadskommun).
En 1948 incorporouse o concello rural de Sankt Olofs och Sankt Pers á cidade de Sigtuna. Coa reforma municipal de 1952 os concellos rurais uníronse nos de Skepptuna e Märsta, mentres que a cidade de Sigtuna incorporou o concello rural de Haga.
En 1967 o concello de Märsta expandiuse con parte do entón disolto concello de Skepptuna (Lunda, Skepptuna e Vidbo). O actual concello de Sigtuna naceu coa reforma municipal de 1971 a partir da cidade de Sigtuna e o concello rural de Märsta.
Xeografía O concello de Sigtuna está situado no sur do landskap de Uppland, na beira leste do lago Mälar. O municipio limita ao noroeste co concello de Norrtälje, ao leste co de Vallentuna, ao sur co de Upplands Väsby e ao suroeste co de Upplands-Bro, todos eles no condado de Estocolmo. Ao noroeste limita co municipio de Håbo e ao norte co de Knivsta, os dous no condado de Uppsala.
Topografía e hidrografía O concello caracterízase por unha natureza variada formada por bosques e paisaxes agrícolas. As partes occidental e central caracterízanse por grandes chairas arxilosas. No leste érguense pequenas elevacións de granito e gneis, entre elas o punto máis alto do concello, Jernberget, a 65 metros sobre o nivel do mar.
A parte leste do concello está atravesada polo esker Stockholmsåsen, afectado por graveiras e gravemente danado. Ao sur atópase o coñecido lago de aves Fysingen e ao norte da localidade de Sigtuna está Garnsviken, unha das moitas baías do Mälar que están a medrar gradualmente e constitúen áreas importantes para a vida das aves.
Economía e infraestruturas
Actividade económica local No concello de Sigtuna a actividade económica está dominada principalmente polo transporte, co aeroporto de Arlanda como o principal lugar de traballo e onde traballan unhas 13 000 persoas en varias industrias. Arlanda, que é o maior aeroporto de Suecia, é un centro de conexións para o tráfico aéreo nacional e internacional e ten un impacto económico significativo na rexión.
Ademais do aeroporto, o municipio tamén funciona como un importante centro educativo e de conferencias, atraendo visitantes e viaxeiros de negocios de preto e de lonxe. Sigtuna tamñen alberga numerosas pequenas e medianas empresas industriais, o que contribúe a unha estrutura empresarial variada e xera emprego en diversos sectores.
Infraestruturas Dentro do concello atópase o aeroporto internacional de Estocolmo-Arlanda. En dirección norte-sur Sigtuna está atravesado pola estrada europea 4 (E4). En Märsta, a estrada do condado 273 (länsväg 273) diríxese ao nordeste, a länsväg 263 diríxese ao oeste e a länsväg 255 diríxese ao noroeste. O ferrocarril da Ostkustbanan (liña da costa leste) tamén ten dirección norte-sur e é servido polo tren de proximidade de Estocolmo con paradas en Rosersberg, Märsta e Arlanda. Notas
Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Estocolmo