Anna Turbau, nada en Barcelona no ano 1949 e finada o 19 de marzo de 2025, foi unha fotoxornalista catalá vinculada á contracultura e ao realismo fotográfico, que tamén realizou proxectos de carácter documental.
É de particular importancia a súa produción fotográfica en Galicia entre os anos 1975 e 1979, suscitando grande interese dentro do panorama artístico español; por iso, algunhas das súas fotografías foron adquiridas por prestixiosas institucións como o Museo Raíña Sofía. O seu estilo fotográfico, caracterizado polo habitual uso do branco e negro con vontade simbólica e o angular para conseguir efectos ópticos moi expresionistas, vinculouse ao doutros fotoperiodistas como Pilar Aymerich ou Manel Armengol. Entre os seus referentes, Anna Turbau destacou a fotógrafas e fotógrafos como Cristina García Rodero, Koldo Chamorro, Robert Doisneau ou Robert Frank.
Traxectoria De moza estivo interesada pola escultura, porén estudou deseño gráfico na Escola Massana (Centre d'Art i Disseny) e despois na Escola Elisava (Escola Universitària de Disseny i Enginyeria de Barcelona). Durante a súa etapa formativa, foi convidada a cubrir para a revista Interviú unha okupación dun piso en Barcelona, descubrindo desde ese momento a súa vocación pola fotografía e, concretamente, polo fotoxornalismo. A partir de entón desvinculouse do deseño definitivamente. Segundo ela mesma, a fotografía permitíalle "ensinar todo aquilo ao que á ditadura non lle gustaba ver".
Tras fotografar a Ciutat Vella da Barcelona de 1975, nunhas imaxes que buscaban visibilizar o invisible mostrando a pobreza e marxinación do Raval, trasladouse ese mesmo verán a Galicia para continuar o seu traballo de representación dos suxeitos lumpe, convidada polo Colexio de Arquitectos de Galicia. A súa primeira intención era documentar o proxecto de vivendas deseñadas por César Portela e Pascuala Campos no poboado do Vao (Pontevedra), construídas para albergar a familias de etnia xitana. Pero a estancia de Turbau en Galicia acabaríase prolongando durante catro anos, fixando a súa residencia en Santiago de Compostela en 1976 e traballando como correspondente de revistas como Interviú e Primeira Plana. Deste xeito, Anna Turbau converteuse en testemuña dos novos movementos sindicais e asemblearios contestatarios que comezaban a xurdir naquela época de profundo cambio político, social e económico marcado pola Transición. O seu arquivo de preto de dez mil negativos documenta cunha estética persoal as manifestacións en prol do estatuto de autonomía de Galicia, as mobilizacións contra a construción da AP-9, o drama do naufraxio do buque Marbel ou a primeira edición do festival de Ortigueira, entre outros. Os seus traballos mostran a realidade das aldeas pequenas e esquecidas no tempo, a súa arquitectura, as súas xentes e, sobre todo, o papel das mulleres na sociedade galega rural. É neses anos tamén cando accede ao Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela, e retrata a crúa realidade das persoas alí internas; aínda que a reportaxe non sería exposta até case catro décadas despois pola dureza das imaxes e temor ás represalias. A presión policial forzaraa a pór fin á súa etapa en Galicia, volvendo a Barcelona en 1979 pero atopando serias dificultades para seguir traballando como fotoxornalista.
Nos anos seguintes, formou parte da revista Actual, onde tivo que interromper a súa colaboración debido á súa situación de nai solteira. Máis tarde, incorporouse á cadea TV3, onde desenvolveu o seu traballo durante 12 anos como axudante de realización, especializándose en programación educativa e cultural, sendo ademais membro activo no seu comité de empresa. Tamén foi profesora de fotoxornalismo na Escola Internacional de Fotografía Grisart de Barcelona. Nesa época vivía entre Calatañazor (Provincia de Soria) e Barcelona, continuando o seu traballo fotográfico como a serie Muller e silencio (2009) ou a documentación da exhumación de fusilados de guerra en Calatañazor (2017), coa colaboración do seu marido Llorenç Soler, cineasta documental valenciano. Cuestións de saúde condicionaron o ritmo de produción de Anna Turbau. miniatura|273x273px|Presentando a súa obra en Fotonoviembre 2023 En 2017, foi publicado o libro antolóxico sobre a súa etapa en Galicia Anna Turbau. Galicia, 1975-1979, editado polo Consello da Cultura Galega e editado por Natalia Poncela, que acompañou á exposición do mesmo nome.
Exposicións individuais
"Fotografías de Jazz (IX Festival de Jazz de Barcelona)". Sala Aixelà. Barcelona, 1975. [Palau da Música, 1975.] "Galiza". Galería Sargadelos, Santiago de Compostela, 1979. "Galiza". Galería Spectrum-Canon, Barcelona, 1979. "Jazz para cinco instrumentos". Espai Alternatiu do Cercle Cultural da Caixa de Pensions. Granollers, 1987. "Santiago, pequena historia natural. Anna Turbau". Pazo de Fonseca (USC). Santiago de Compostela, 1993. [Can Ametller, Molins de Rei, 1995 / Universidade de Tréveris (Alemaña), 1997 / Sala de Collado. Caixa Douro, Soria, 1998.] "Paisaxes de Soria". Espai de Fotografía Frances Català-Roca. Barcelona, 1994. [Sala Charly Privat, Figueres, 1995.] "Claus deas dons". Centre de Cultura de Dons Francesca Bonnemaison. Barcelona, 2009. "Mulleres de Calatañazor". Casa do Parque do Sabinar. Muriel de la Fuente (Soria), 2011. "Galicia, a transición anos 70". Centre Cívic Golferichs. Barcelona, 2012. "A intimidade da imaxe". Pazo de Fonseca. Santiago de Compostela, 2017. [Palacio Municipal de Exposicións da Coruña, 2018 / Pazo da Cultura de Pontevedra, 2019.]
Exposicións colectivas
"Gitanos en el mundo y el mundo gitano". Facultad de Filosofía e Letras da Universidade Complutense. Madrid, 1979. "5 años de fotografía de prensa en España: 1975-1980". Galería Redor-Canon, 1980. "Muller". Quiosco alfonso. A Coruña, 1980. FotoPres 83. La Caixa. Barcelona / Madrid, 1983. FotoPres 84. La Caixa. Barcelona / Madrid, 1984. "Spanien nach Franco". VHS-Zentrum. Friburgo, Alemaña, 1986. "Museu imaginari". Sala d'Art Alla Prima. Barcelona, 1986. "10 anys de fotoperiodissme: 1978-1988". Sala da Diputació de Tarragona. Tarragona, 1989. "Traballadoras". Casa da Cultura. Vigo, 1989. "Els xiringuitos de la Barceloneta". Centre Cívic Pati Llimona. Barcelona, 1992. "Imagens de Santiago". Bienal Vila Franca de Xira (Portugal). 1997. "Mujer y silencio" (Llorenç Soler, Anna Turbau, Concha Ortega e Jesús Pastor). Sala Gaya Nuno. Soria, 2009. [Palacio Ducal de Medinaceli, Caja Duero. Zamora, 2009 / Soria, Salamanca, Valladolid, Zaragoza.] "Tan lejos, tan cerca. Documentalismo fotográfico en los años 70" (Koldo Chamorro, Cristina García Rodero, Cristóbal Hara, Fernando Herráez, Anna Turbau y Ramón Zabalza). PhotoEspaña. Jardín Botánico, Madrid, 2014 (Fundació Foto Colectania. Barcelona, 2014 / Museo San Telmo, 2015.] "Repetición y diferencia. Tipologías en la fotografía española". Sala San Benito. Ayuntamiento de Valladolid, 2016.
Premios e recoñecementos 2023: Premio á Traxectoria Fotográfica do Transhumant Festival de Cataluña.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Xestión do patrimonio fotográfico de Anna Turbau Detrás del instante RTVE. https://annaturbau.com/ Colección de Anna Turbau no Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía. Entrevista a Anna Turbau en El espejo de Vivian y Francesca.
Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Fotógrafos de Cataluña Categoría:Nados en 1949 Categoría:Finados en 2025 Categoría:Fotoxornalistas