Abraham Bluestein, nado en Philadelphia o 1 de novembro de 1909 e finado en Croton-on-Hudson (Nova York) o 3 de decembro de 1997, foi un anarquista estadounidense que participou na guerra civil española.
Traxectoria Abraham Bluestein, máis coñecido como Abe Bluestein, naceu en Philadelphia o 1 de novembro de 1909, fillo dos inmigrantes rusos Mendel (Max) e Esther Bluestein. Ambos foran revolucionarios que fuxiran do seu país despois de que o pai asasinara a un soldado tsarista. Nos Estados Unidos, participaron na organización do Sindicato Internacional de Traballadoras da Confección; adoitaban debater sobre o anarquismo na casa. Mentres estudaba a primaria, os pais decidiron trasladalo á Escola Moderna Stelton, na colonia anarquista Ferrer de Nova Jersey. Logo estudou a secundaria nun instituto público de Novo Brunswick, e graduouse polo City College de Nova York. Durante esta etapa universitaria, uniuse ao Grupo de Vangarda, unha asociación anarquista na que coñeceu á artista Selma Cohen, quen sería a súa futura esposa. Durante a década de 1930, editou a revista do grupo, Vanguard, e Challenge. Posteriormente, comezou a traballar como mestre.
Bluestein e Cohen eran activistas anarquistas e, en 1937, viaxaron xuntos a España para apoiar ao bando antifascista republicano durante a guerra civil española. Dende Cataluña e, principalmente, Barcelona, Bluestein actuaba como reporteiro para a CBC e colaboraba como oficial de información republicano, ao tempo que desempeñaba funcións sindicalistas na Confederación Nacional do Traballo. En España, coñeceu a Emma Goldman e Augustin Souchy.
Tras a guerra, Bluestein e Cohen regresaron a Croton-on-Hudson, na cidade de Nova York, onde criaron aos seus catro fillos. Movido por tendencias pacifistas, durante a segunda guerra mundial, Bluestein afastouse do anarquismo antifascista. Despois do conflito, escribiu para The Jewish Daily Forward e American Labor Union Journal. Tamén participou no club de lectura libertario e, en 1983, editou o volume Fighters for Anarchism: Mollie Steimer and Senya Fleshin. Máis adiante, foi conferenciante e tradutor de obras sobre o anarquismo español, como With the Peasants of Aragón, de Souchy, e editou dous volumes sobre o anarquismo en España tras a caída do réxime franquista.
Bluestein faleceu o 3 de decembro de 1997 nunha residencia de Croton.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Documentos de Abe e Selma Bluestein, 1930-1991 (Universidade de Michigan)
Categoría:Estadounidenses de ascendencia rusa Categoría:Anarquistas dos Estados Unidos de América Categoría:Finados en 1997 Categoría:Nados en 1909 Categoría:Nados en Filadelfia, Pensilvania