miniatura|dereita|Edificio da estación de trolebuses de Carballo, que posteriormente funcionaría como estación de autobuses.
dereita|miniatura|Publicidade de Trolebuses da Coruña a Carballo na publicación do balneario de Arteixo. Trolebuses Coruña-Carballo foi unha empresa galega de transportes fundada en 1942. A empresa proporcionaba transporte público entre a cidade da Coruña e Carballo. A liña da compañía foi a primeira liña de trolebús que uniu dúas localidades en España e foi, con 34 quilómetros, a liña de trolebús máis longa de Europa occidental. O 15 de marzo de 1971 circulou o último trolebús da liña.
A liña de trolebuses entre Carballo e A Coruña naceu por iniciativa do carballés Enrique Sánchez Rodríguez, quen na súa xuventude emigrara a Cuba, onde fixera fortuna instalando unha central eléctrica. Ao seu regreso a Galiza instalouse en Carballo, onde introduciu a subministración eléctrica por medio da súa compañía, Electra de Bergantiños, en 1915.
A presenza de volframio na comarca de Bergantiños converteuna nunha zona de alto interese durante a segunda guerra mundial ao tratarse dun mineral indispensable para a industria militar. Esta situación levou a Enrique Sánchez Rodríguez a presentar en 1940 un proxecto para a creación dunha liña de trolebús entre a capital bergantiñá e A Coruña, e a solicitar o permiso para a instalación da liña electrificada. Dous anos máis tarde presentouse o proxecto definitivo ao Goberno e creouse a Compañía de Trolebuses Coruña-Carballo S. A, da que o propio Sánchez foi o seu xerente, mentres que Pedro Barrié de la Maza ocupou a presidencia, mentres que o resto de cargos directivos estiveron ocupados por altos cargos do Banco Pastor, entidade que financiou a compañía.
O 23 de febreiro de 1950, dez anos despois da petición da concesión, comezou o servizo entre ambas localidades. Instaláronse catro subestacións de subministración de enerxía eléctrica en Bértoa, A Laracha, Lañas e Pastoriza. Nestes primeiros anos, os tranvías empregados eran da compañía alemá MAN.
Na década de 1960 os trolebuses alemáns MAN foron substituídos polos vehículos de dous andares procedentes do Reino Unido. En 1965 a empresa Transportes Finisterre adquiriu a compañía.
Na noite do 15 de marzo de 1971 circulou o último trolebús da liña e os tolebuses foron retirados da circulación, así como tendido eléctrico composto por 137 quilómetros de cable de cobre de 12 milímetros de grosor.
O trolebús foi un medio de transporte decisivo no desenvolvemento de Carballo, A Laracha, Arteixo e A Coruña. Tempo despois da súa substitución polo autobús aínda era frecuente que as persoas se referiran ao novo medio de transporte como "trole". A finais do mes de maio de 2021 inaugurouse unha exposición ao aire libre na Praza do Concello de Carballo realizada pola Asociación Cultural Lumieira e o propio Concello de Carballo para recuperar a memoria deste medio de transporte. A exposición recollía nos seus dez paneis expositores de catro caras parte dos materiais que o historiador carballés Xan Fraga recompilara durante décadas.
En 2024, dentro do plano de modernización dos parques infantís do concello de Carballo, realizouse un novo deseño do parque infantil do Rego da Balsa, que aumentou a súa área de xogo cuxa temática é unha homenaxe e xira en torno ao trolebús por estar situado nas proximidades da antiga estación. De acordo co proxecto, instalarase unha reprodución dun trolebús MAN AEG como o primeiro que operou a liña, e que se converterá no elemento central do parque. Ademais instalarase unha representación simplificada da liña de trolebús dende a fervenza de Entrecruces ata A Coruña. As obras comezaron a principios do ano 2025.
Notas
Categoría:Carballo Categoría:A Coruña Categoría:Transporte na provincia da Coruña