Juhan Liiv, nado en Alatskivi o 30 de abril de 1864 e finado en Kavastu-Koosa, actual Luunja, Tartumaa, o 1 de decembro de 1913, foi un dos poetas e escritores en prosa máis famosos de Estonia.

Traxectoria

Primeiros anos e formación Juhan (cuxo nome de nacemento era Johannes) Liiv, fillo de Benjamin e Marianna Liiv (de solteira Pärn), naceu o 30 de abril de 1864 na parroquia de Alatskivi (agora parroquia de Peipsiääre), no distrito de Dorpat da gobernación de Livonia. Medrou na aldea de Rupsi, na granxa de Oja, propiedade da súa familia.

Liiv creceu nunha familia pobre e devotamente relixiosa e era o segundo máis novo de oito irmáns, tres dos cales morreron na infancia, incluídas as súas dúas únicas irmás Liisa e Miina. O seu irmán maior Jakob tamén se converteu en poeta. Na casa, el e os seus irmáns foron criados para seren ferventes cristiáns e os seus pais reprendían calquera pequena transgresión. Malia da súa pobreza e relixión, os pais de Liiv comprenderon a importancia da educación e investiron o pouco diñeiro que tiñan na escolarización dos seus fillos.

Primeiro estudou na escola da aldea de Naelavere, despois na escola parroquial de Kodavere. Despois de pasar por ámbalas dúas escolas, os seus pais enviárono a Dorpat (actual Tartu) para estudar no ximnasio Hugo Treffner, en 1886, pero non puido adaptarse á escola e marchou despois de seis meses.

Liiv pasou a maior parte da súa infancia só, illado doutros nenos da súa idade, en parte debido a enfermidades crónicas infantís. A enfermidade obrigou a Liiv a deixar a escola e volver á casa, onde escribiu poesía e ocasionalmente columnas para o xornal Olevik. A súa poesía contrastaba fortemente coa dos seus contemporáneos e, polo tanto, foi amplamente ignorada.

Carreira profesional

Contos curtos Liiv finalmente acadou o éxito en 1894 coa publicación do seu primeiro relato curto, Vari (en galego, A sombra). Era escuro e lúgubre, presaxiando as súas futuras obras tanto en prosa como en poesía. Moitos lectores comparan a Liiv co personaxe principal da historia, Villu, que é fisicamente débil pero forte de mente. Liiv continuou escribindo varios relatos curtos máis, pero ningún é tan famoso como Vari.

Poesía En 1909, Friedebert Tuglas reuniuse con Liiv. A finais dese ano publicouse un libro, Luuletused, con 495 poemas de Liiv. Moitos dos poemas de Liiv están dominados por unha sensación de tristeza, probablemente provocada polas súas enfermidades mentais, a pobreza e a falta de amizades humanas. Os poucos poemas cun ton menos ominoso describen a natureza e a adoración de Liiv polo seu país.

Enfermidade mental Pouco despois de que Vari fose publicado, Liiv foi ingresado nunha clínica psiquiátrica en Tartu. A Liiv diagnosticárono de esquizofrenia. Pensaba, por moi diversos motivos, que era fillo do tsar Alexandre II, do rei de Polonia e da poeta estoniana Lydia Koidula. As súas loitas contra as enfermidades mentais continuaron ata a súa morte.

Obras

Kümme lugu (1893) Vari (1894, relato curto) Luuletused (1909, 1910, 1919, 1926, Poemas)

Premio Juhan Liiv En 1965, creouse o Premio Juhan Liiv de Poesía. Está outorgado pola parroquia de Alatskivi e se entrega o 30 de abril de cada ano. O premio coniste nunha bolsa de pastor de coiro feita a man por un artista local.

Notas

Véxase tamén

Categoría:Nados en 1864 Categoría:Finados en 1913 Categoría:Poetas de Estonia Categoría:Poetas en lingua estoniana Categoría:Escritores de Estonia Categoría:Escritores en lingua estoniana Categoría:Finados por pneumonía