Xaime Francisco Fandiño Alonso, coñecido artisticamente como Fandi, nado en Vigo en 1952, é un realizador de televisión, escritor e profesor universitario.
Traxectoria É técnico especialista en Electrónica de Comunicacións (Centro FP Meixueiro de Vigo, 1984), licenciado en Xornalismo (Universidade de Santiago de Compostela, 1995). No ano 2000 doutorouse en Comunicación Social Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid coa tese El ciclismo en directo en televisión en la era Induráin: producción y realización, dirixida por Ramon Rosello Dalmau, con cualificación de cum laude. Realizou tamén un curso de Metodoloxía Didáctica de Formación de Formadores (INEM, 1997) e o Curso de Aptitude Pedagóxica (CAP) da Universidade de Santiago (1997).
Foi realizador desde o inicio da Televisión de Galicia en 1985. Ademais, dirixiu os programas A tumba aberta, A toda máquina, Velaí..., Unha de romanos, O tesouro (Ánxel Fole), Chambo, Comediantes e Vivir en Manhattan. De 1990 a 1994 foi xefe de realización e edición de informativos e deportes e en 1996 coordinador do departamento creativo de deseño gráfico. Foi, ademais, realizador de diferentes eventos (entre 1987 e 2001) electorais, deportivos, informativos, musicais, institucionais, entretemento...
Durante os cursos académicos 1999/2000 e 2000/2001 foi profesor asociado na área de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Facultade de Publicidade e Relacións Públicas de Pontevedra, da Universidade de Vigo, no curso 2001/2002 profesor titular interino na área de Comunicación Audiovisual e Publicidade na mesma facultade. Durante o bienio 2001/2002-2002/2003 foi o profesor do curso de doutoramento na Universidade de Vigo: "Realización e produción audiovisual. Da electromecánica á Multimedia". Durante o curso 2000/2001 foi profesor asociado de Comunicación Audiovisual no Instituto Superior de Maia (ISMAI) en Oporto-Portugal. En agosto do ano 2001 viaxou cunha bolsa AECI a México ó Instituto Tecnolóxico e de Estudios Superiores de Monterrey para impartir docencia nas materias de Produción de Vídeo e Produción Multimedia. Foi Decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo desde 2003.
Realizou campañas de produción promocional e publicitaria, proxectos de investigación na Cátedra Filgueira Valverde durante os anos 2001 e 2002 como investigador titular e no Proxecto I+D Universidade de Vigo e Televisión de Galicia.
Premios
OP-ART ó mellor programa de TVG por A Tumba Aberta (1987) TP ó mellor programa musical por A toda máquina (1988) AGAPI á mellor produción de televisión por Chambo (1999).
Notas
Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1952 Categoría:Personalidades da televisión Categoría:Profesores da Universidade de Vigo Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade Complutense de Madrid