Paulina Pérez Buforn, nada en Eivisa o 25 de xaneiro de 1997, é unha xogadora de balonmán e avogada balear. Xoga de lateral no BM Porriño e na selección feminina de balonmán de España.

Traxectoria

Formouse na canteira do HC Puig d'en Valls dende os 10 anos, e na tempada 2015-16 fichou polo KH-7 BM Granollers, co que debutou na liga española de balonmán feminina.

Xogou na tempada 2017-18 no Balonmano Zuazo e ao ano seguinte fichou polo CB Atlético Guardés, onde estivo tres anos. Co equipo da Guarda foi galardoada como mellor lateral dereita da tempada 2020-21 e debutou en competición europea.

En 2021 fichou polo Fleury Loiret francés. O equipo descendeu nesa tempada, e Paulina fichou polo BM Porriño. Co equipo galego chegou na tempada 2024-25 á final da EHF European Cup.

Debutou coa selección española nun amigable en Huesca ante a Romanía o 7 de xullo de 2017, anotando 4 goles. Estivo na prelista para o Campionato de Europa de 2022 pero finalmente non foi convocada. Regresou á selección en 2023 de cara á fase de clasificación do Campionato de Europa de 2024.

Estudou Dereito na Universidade de Barcelona, e no traballo fin de grao e mais no mestrado estudou a situación laboral no balonmán feminino. É membro da Asociación de Mujeres de Balonmano e colabora con asesoramento legal e fiscal.

Notas

Categoría:Nados en Eivisa Categoría:Nados en 1997 Categoría:Xogadores de balonmán de España Categoría:Xogadores do BM Porriño Categoría:Alumnos da Universidade de Barcelona Categoría:Avogados de España Categoría:Xogadores do Atlético Guardés