miniatura|Cariotipo da pentasomía X. A pentasomía X, tamén coñecida como 49,XXXXX, é un trastorno cromosómico aneuploide no cal unha femia ten cinco cromosomas X en vez dos dous normais. A pentasomía X está asociada con estatura alta, discapacidade intelectual, certas características faciais, defectos cardíacos, anomalías esqueléticas e anormalidades puberais e reprodutivas. Esta condición é excepcionalmente rara, cunha prevalencia, segundo as distintas estimacións, de 1 caso de cada 85.000 ou 1 caso de cada 250.000 femias nacidas.

Esta condición ten unha gran variedade de síntomas e é difícil facer un retrato concluínte dos seus fenotipos. Aínda que é característica unha discapacidade significativa, hai tan poucos casos diagnosticados que é imposible tirar conclusións fiables sobre as presentacións e prognose. A pentasomía X pode ser confundida con outros trastornos comosómicos máis comúns, como a síndrome de Down ou a de Turner, antes de que se chegue a un diagnóstico definitivo.

A pentasomía X non se herda senón que aparece debido a non-disxunción durante as divisións celulares, un evento aleatorio no desenvolvemento dos gametos. En raros casos, pode estar relacionada co mosaicismo no complemento cromosómico dos proxenitores. O cariotipo observado na pentasomía X é o 49,XXXXX, no que hai en total 49 cromosomas en vez dos 46 normais.

Presentación As principais características clínicas da pentasomía X son a discapacidade intelectual, estatura baixa, anormalidades faciais e musculoesqueléticas e defectos cardíacos conxénitos. Aínda que un dos casos rexistrados só tiña unha intelixencia algo por debaixo da media, todos os outros casos tiñan unha clara discapacidade intelectual, cun CI medio de 50. O cadro conxunto da síndrome é de discapacidade intelectual moderada, definida por unha capacidade cognitiva de adulto similar ao dun neno de seis a oito anos de idade e a capacidade de adquirir as habilidades básicas para a vida e o traballo con axuda. Algunhas raparigas con pentasomía X asisten a clases de educación especial en escolas convencionais na educación xeral ou educación inclusiva, mentres que outras asisten a escolas especiais para alumnos con necesidades especiais.

miniatura|esquerda|Unha rapaza de 15 anos con pentasomía X, que mostra características faciais, nos membros e esqueléticas. A pentasomía X está asociada con varias anomalías físicas, incluíndo a baixa estatura, clinodactilia (dedo maimiño curvado), e caacterísticas faciais distintivas. Outras características comúns inclúen microcefalia, orellas en posición baixa, hipertelorismo (ollos moi separados) e epicantos. A facies característica foi descrita como "ruda", parecida á do trastorno parecido tetrasomía X. A pentasomía X é única entre as polisomías do cromosoma X pola a súa asociación coa estatura baixa, cando a maioría dos trastornos relacionados están asociados coa estatura alta; a altura media na pentasomía X é unha desviación estándar por debaixo da norma. A hipotonía, a miúdo grave, é un efecto frecuente, como tamén os problemas muscoloesqueléticos relacionados como a displasia de cadeiras. A gravidade das dislocacións articulares repetidas pode levar a unha diagnose diferencial da síndrome de Larsen, como suxeriu un caso rexistrado. A maduración ósea pode estar atrasada. Outra característica esquelética atopada é o taurodontismo, na cal a cámara da polpa dos dentes está ampliada ata a raíz; informouse tamén doutras anormalidades dentais, como dentes non nacidos e graves caries. Estas características non son específicas da pentasomía X, senón bastante comúns nas aneuploidías dos cromosomas sexuais en xeral e mostran unha forte semellanza en particular coa síndrome correspondente en machos, a 49,XXXXY. Os epicantos e o hipertelorismo tamén se observan na tetrasomía e trisomía X, mentres que a clinodactilia e sinostose radiocubital poden verse en todas as aneuploidías de cromosomas sexuais e o taurodontismo é especificamente común nas polisomías do cromosomas X.

Os defectos cardíacos están asociados coa síndrome. A pentasomía X ten unha das taxas máis altas de defectos conxénitos do corazón de entre calquera trastorno cromosómico, cun 56,5 % de pacientes que teñen defectos cardíacos dalgún tipo. O ducto arterioso persistente é especialmente frecuente. A maioría desas condicións resólvense sen tratamento cirúrxico, aínda que unha minoría a precisa. Os defectos no septo ventricular son tamén frecuentes. Outros problemas médicos internos que se rexistran frecuentemente son os defectos renais e urinarios. A epilepsia foi asociada coa condición, aínda que parece ser rara. Nas aneuploidías dos cromosomas sexuais tomadas en conxunto, a epilepsia adoita ser leve e responde ao tratamento, e os informes de epilepsia en pentasomía X describiron que se resolve co tratamento e permite que o uso de fármacos antiepilépticos finalmente se poida suspender.

A puberdade está alterada na pentasomía X, aínda que, como son pouco os adultos con esta condición dos que se informou, a extensión desas alteracións non está clara. Na condición irmá tetrasomía X, a metade das mulleres teñen unha puberdade normal, mentes que a outra metade non teñen puberdade ou téñena incompleta. Algunhas adolescentes e adultas con pentasomía X eran prepuberais, mentres que algunhas tiveran insuficiencia ovárica prematura (menopausa temperá) e algunhas aparentemente non tiveran nigún desenvolvemento puberal significativo. Aínda que os xenitais externos son xeralmente normais, é frecuente a existencia dunha disfunción gonadal subxacente, incluíndo a disfunción ovárica ou un útero anormalmente pequeno. Non se coñecen casos de mulleres con pentasomía X que tivesen fillos, mais, aínda que a súa fertilidade é probablemente reducida, algunhas teñen capacidade de telos.

Sábese pouco sobre o fenotipo psicolóxico e de comportamento da pentasomía X. As nenas e mulleres co trastorno descríbense frecuentemente como tímidas e cooperativas. Tales características son comúns con outras condicións nas que están implicadas copias extra do cromosoma X. O atraso no desenvolvemento pode causar dificultades de comunicación, que teñen como resultado a frustración e perrenchas. En conxunto, a síndrome non está asociada con problemas graves de comportamento.

Varios trastornos considéranse comórbidos coas aneuploidías dos cromosomas sexuais, incluíndo a pentasomía X. Nun caso do que se informou, a pentasomía X aparecía xunto coa igualmene rara síndrome de hiperinmunoglobulina E. Outras posibles asociacións coincidentes son a parálise cerebral e a malformación de Dandy-Walker.

Causas miniatura|Idade materna en 21 casos de pentasomía X, mostrando as relacións pouco claras entre ambos. A pentasomía X é causada por non-disxunción, un proceso por medio do cal se xeran gametos (óvulos ou espermatozoides) cun número anormal de cromosomas (en exceso ou defecto). Na non-disxunción os cromosomas homólogos ou as cromátides irmás (dependendo do momento da división de que se trate) non conseguen separarse correctamente cando se están formando os gametos. Na tetrasomía e pentasomía dos cromosomas sexuais, os cromosomas extra son herdados dun proxenitor. No caso específico da pentasomía X, todos os casos coñecidos herdaron os seus cromosomas adicionais da nai. Suxeriuse que isto está relacionado coa impronta xenómica; concretamente, hipotetízase que a impronta afecta loci específicos situados nos cromosomas sexuais de maneira que só o individuo coa sobreimpronta materna pode sobrevivir, e os casos de pentasomía X nos cales se herdan cromosomas extra do pai serían incompatibles coa vida. Ademais de durante o desenvolvemento dos gametos, a non-disxunción pode ocorrer despois da concepción, orixinando un cariotipo en mosaico.

A non-disxunción está relacionada coa idade materna avanzada, aínda que debido á súa rareza, o efecto da idade materna na pentasomía X non está claro. As síndromes aneuploides máis comúns, como a síndrome de Down ou a de Klinefelter, teñen unha forte relación coa idade materna. A pentasomía X non se herda e non é causada polas accións dos proxenitores. Porén, en raros casos, a pentasomía X pode estar relacionada co mosaicismo cromosómico nun dos proxenitores.

A inactivación do X é un importante factor na penasomía X. A inactivación do X é o proceso polo cal se inactivan os xenes situados na segunda copia (ou copias superiores) do cromosoma X, de tal xeito que as células teñen unha soa copia activa do cromosoma X. Con todo, a inactivación do X parece estar alterada na pentasomía X, permitindo que ata a metade do material xenético supostamente inactivo en realidade funcione. Isto pénsase que contribúe ao fenotipo máis grave desta condición comparada co doutras aneuploidías dos cromosomas sexuais.

Diagnose

As aneuploidías cromosómicas como a pentasomía X diagnostícanse por cariotipaxe ou por probas cromosómica de FISH. A diagnose non se pode facer baseándose só no fenotipo, xa que moitas outras condicións presentan semellanzas.

O fenotipo da pentasomía X non é específico deste trastorno e moitas outras condicións poden ser unha diagnose diferencial. Unha é a tetrasomía X, un trastorno relacionado no cal unha nena ou muller ten catro copias do cromosoma X. Os perfís xerais das condicións son similares, con atrasos no desenvolvemento, características dismórficas leves, e anomalías conxénitas compartidas como a clinodactilia e a sinostose radiocubital. Porén, o fenotipo da pentasomía X é máis grave que o da tetrasomía X, con CIs máis baixos e dismorfismos máis graves. A pentasomía X tamén ten carcterísticas adicionais pouco comúns na tetrasomía, como a estatura baixa. Son tamén posibles os cariotipos en mosaico, que teñen tanto células 48,XXXX coma 49,XXXXX. Aínda que se informou de moi poucos casos de mosaico, o fenotipo parece intermedio en gravidade entre o da tetrasomía e o da pentasomía X.

Outra posible diagnose diferencial é a síndrome de Down. As características das dúas condicións solápanse, e algunhas nenas con pentasomía X pode considerarse que teñen síndrome de Down antes de que se lle faga un exame xenético. Algúns casos de pentasomía X teñen historias familiares de síndrome de Down, o que motivou a especulación de que as condicións poden ter tendencia a presentarse repetidamente nas mesmas liñas familiares; alternativamente, pode suxerirse que algúns pacientes diagnosticados con síndrome de Down sobre a base do fenotipo poden en realidade ter pentasomía X.

O fenotipo da pentasomía X tamén foi comparada co da síndrome de Turner, que se dá cando unha muller ten unha soa copia do cromosoma X en vez de dúas. Tanto a síndrome de Turner coma a pentasomía X son trastornos que afectan só a mulleres caracterizados pola baixa estatura, defectos cardíacos e desenvolvemento puberal anormal. Porén, as discapacidades intelectuais observadas na pentasomía X son raras na síndrome de Turner.

Prognose

A prognose a longo prazo da pentasomía X non está clara debido á súa baixa frecuencia. Aínda que algunhas revisións afirman que ten un mal prognóstico debido aos defectos conxénitos observados en casos graves, os grupos de apoio informan de anormalidades máis leves que as que é común ler na literatura médica, incluíndo adultos con pentasomía X con boa saúde. O espectro de gravidade varía; o apoio a longo prazo é constante, aínda que hai informes dalgunhas mulleres que podían traballar a tempo parcial e xestionar algúns dos seus propios asuntos. Para os trastornos da tetrasomía e pentasomía dos cromosomas sexuais en conxunto, a boa prognose está ligada a un forte apoio parental e persoal. Informouse que as rapazas e mulleres con pentasomía X cuxos coidadores actuaron como apoios para o seu éxito, conseguiron un nivel persoal e social máis alto que o retrato xeral que atopamos na literatura médica.

Epidemioloxía