Joaquín Galiacho y Sierra, nado en Ronda (provincia de Málaga) o 9 de xullo de 1795 e finado na Coruña o 12 de xaneiro de 1865, foi un militar e industrial de orixe andaluza estabelecido na cidade da Coruña. En 1844 fundou a fábrica de fundición e louza La Victoria, a primeira competidora directa de Sargadelos creada en Galicia.
Traxectoria
En 1808 enrolouse nun dos batallóns que partiron ao Porto, no marco da invasión de Portugal artellada en conxunto co exército francés a consecuencia do Tratado de Fontainebleau. Finalizada a operación, matriculouse no Real Consulado da Coruña, se ben axiña se reincoporou ao exército. Nos anos da Guerra da Independencia aparece matriculado no Real Colexio Militar de Santiago. En 1815 acadou o grao de tenente, o que lle permitiu converterse en profesor de Matemáticas do Real Colexio Militar de Lugo.
Participou en Andalucía e Asturias das conxuras liberais. En 1821 reaparece como veciño da Coruña, casado con Bernarda Francisca Botana García. Á morte da súa sogra, o pai de Bernarda iniciou un preito a causa da herdanza. A sentenza, coñecida no verán de 1826, sería favorábel ao matrimonio. Nesa altura Galiacho estaba exiliado en Francia. Preso no castelo de Santo Antón polas súas actividades políticas, foi entregado ás autoridades francesas en xaneiro de 1826. Permaneceu en Francia até marzo de 1833, en que se beneficiou da amnistía da rexencia de María Cristina.
Joaquín fixou a súa residencia en Coviella (Cangas de Onís), onde desfrutaba dunha pensión mensual de cento vinte reais por problemas de saúde. En Asturies ocupouse da minaría do cobre. A documentación sitúao de volta na Coruña en 1837, como propietario de canteiras na área da Torre de Hércules. Compra tamén algunhas leiras a carón da casa de Monelos que herdara a súa muller e ocúpase na súa restauración. Nesta propiedade –situada, grosso modo, entre as rúas de Pérez Ardá, Corrales e a propia Joaquín Galiacho– construíu un muíño fariñeiro en sociedade con Francisco Botana, procurador da Real Audiencia.
En outubro de 1840 Galiacho foi nomeado celador de camiños da Deputación da Coruña. Ocupou o cargo até finais de xuño de 1844, cando presentou a súa renuncia. Nesa altura constituírase xa a sociedade propietaria da fábrica de fundición La Victoria, que empezou a súa produción no segundo semestre do ano nas propiedades que Galiacho e a súa esposa tiñan en Monelos.
A fábrica cesou a súa actividade en 1858, ao non se renovar a sociedade propietaria. Con todo, La Victoria foi a primeira fábrica galega que competiu con Sargadelos e unha experiencia pioneira no proceso de industrialización da Coruña. Nas mesmas instalacións iniciou a súa actividade a finais da década seguinte a fundición Solórzano, unha siderúrxica coruñesa activa até finais do século XX. Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Nados na provincia de Málaga Categoría:Nados en 1795 Categoría:Finados en 1865 Categoría:Militares de España Categoría:Empresarios de España Categoría:Personalidades sen imaxes