O Tampereen Pyrintö é un club polideportivo da cidade de Tampere, Finlandia. Fundouse en 1896 e ten seccións de cheerleading, esquí de fondo, baloncesto, voleibol, salto de esquí, halterofilia, patinaxe de velocidade, orientación e atletismo, se ben no pasado tivo tamén equipos de pesäpallo e hóckey sobre xeo, entre outros.
Ao longo da súa historia os deportistas do club conseguiron un total de 27 medallas olímpicas, salientando figuras como o corredor Ville Ritola, o triplo saltador Ville Tuulos e as esquiadoras Hilkka Riihivuori e Lydia Wideman-Lehtonen. Ademais os seus equipos de baloncesto feminino e masculino proclamáronse campións de Finlandia en oito e tres ocasións respectivamente.
Historia Durante os seus primeiros vinte anos de existencia o club representaba case toda a historia do atletismo finlandés.
O club pasou os seus peores momentos en 1918 por motivo da guerra civil. Como resultado da contenda os seus presidente e secretario faleceron, confiscáronse as propiedades do club, destruíronse os seus arquivos, e mesmo se afundiron no fondo do Pyhäjärvi as casetas que o club empregaba para a patinaxe sobre xeo. A guerra afectou tamén ás actividades do club, como no caso da loita, disciplina na que a maior parte dos seus deportistas combatían na Garda Vermella e poucos puideron continuar. O club traballou para reconstruírse e xa en 1920 conseguiu que seis dos seus atletas puidesen participar nos VII Xogos Olímpicos celebrados en Anveres (Bélxica).
Despois da guerra civil produciuse unha división no deporte finlandés logo de que a Federación Deportiva Finlandesa (coñecida polas súas siglas en finés SVUL) expulsase os deportistas e entidades vinculadas ao bando vermello, que se uniron á Federación Deportiva de Traballadores (polas súas siglas en finés, TUL). A TUL tivo unha forte presenza en Tampere e os seus clubs adoitaban recibir a maior cantidade de recursos, coa excepción do Pyrintö, que a pesar de estar afiliado á SVUL afirmaba que o fundaran obreiros, e que comprendía unha gran cantidade de disciplinas deportivas. O Pyrintö ademais conseguira notables éxitos deportivos que lle daban visibilidade á cidade.
En 1925 o club conquistou a súa primeira Kalevan malja.
En 1935 o Pyrintö era o club máis grande de Tampere, cun total de 1 035 membros, superando o Tampereen Kisa-Veikot (964), segundo equipo máis grande da cidade e pertencente á TUL.
En xaneiro de 2021 foi nomeado club deportivo do ano 2020 na Gala do Deporte Finlandés (en finlandés Suomen urheilugaala).
En 2021 o Pyrintö conseguiu de novo a Kalevan malja logo de 71 anos.
Seccións O Pyrintö ten seccións nas seguintes modalidades deportivas:
Atletismo Baloncesto Cheerleading Esquí de fondo Halterofilia Orientación Patinaxe de velocidade Salto de esquí Voleibol
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Sitio web oficial
Categoría:Tampereen Pyrintö