Axel Johan Gabriel Wahlstedt, nado en Kristianstad o 11 de xaneiro de 1867 e finado en Estocolmo o 15 de decembro de 1943, foi un médico militar e numismático sueco
Traxectoria
Primeiros anos e formación Axel Wahlstedt naceu na vila de Kristianstad, condado de Escania, o 11 de xaneiro de 1867, fillo de Wilhelmina Sylvén e de Lars Johan Wahlstedt."Wahlstedl, Axel Johan Gabriel". En Biografisk Uppstagsbok (8). Estocolmo. Páxinas 148-149."Wahlstedt, Axel Johan Gabriel". En Vem Är Det?. Svensk biografisk handbok. Estocolmo, 1943. Páxina 861.
Wahlstedt comezou a súa formación universitaria cursando estudos na Universidade de Lund, onde acadou o grao (baccalaureus artium) en Filosofía en 1887 e en Medicina en 1892. Finalmente acadou a licenciatura en Medicina en 1898 no Instituto Karolinska de Estocolmo.
Carreira profesional Xa como médico, ingresou no Corpo de Médicos da Armada de Suecia; tivo varios destinos no ámbito militar e exerceu como médico de campaña de 1917 a 1927, ano este último en que foi ascendido a coronel. Entre 1927 e 1932 ficou na reserva do Corpo Médico de Campaña.
Ademais do ámbito militar, Wahlstedt tamén foi asistente no departamento de Química Forense do Instituto Médico Estatal (1899-1913), traballou na administración da Xunta Médica (1903-1909) e foi membro da Comisión de Táboas Estatísticas (1911-1916). Entre 1915 e 1918 foi editor de Tidskrift för frivillig sjukvåg i krig ("Revista de baixas voluntarias por doenza en tempos de guerra").
Outros intereses: deporte e numismática Paralelamente ao seu desempeño profesional, Wahlstedt participou activamente no movemento deportivo. Presidiu a Asociación Deportiva de Estocolmo entre 1906 e 1911, e foi membro do comité executivo da Asociación de Tiro Deportivo de Estocolmo, de 1907 a 1920.
Como deportista participou en dúas competicións de tiro nos Xogos Olímpicos de Estocolmo de 1912."Axel Wahlstedt". Sports-reference.com"Axel Johan Gabriel Wahlstedt". Olympedia.org"Axel Johan Gabriel Wahlstedt". International Shooting Sport Federation (ISSF-sports.org)."Axel Wahlstedt". Sveriges Olympiska Kommitté (SOK.se).
Tamén foi un numismático sobranceiro, sinaladamente no ámbito da historia da moeda e de medalla, asuntos sobre os que realizou varias publicacións, entre as que destaca a continuación do traballo de Bror Emil Hildebrand Minnespenningar öfver enskilda svenska män och kvinnor ("Moedas conmemorativas de homes e mulleres suecos"), publicada entre 1925 e 1943.Véxase "(1925)" e "(1943)" en "Publicacións". Foi tamén coleccionista de medallas; a súa colección persoal foi vendida en poxa pública en 1942, un ano antes do seu falecemento.Véxase "(1942)" en "Publicacións".
Entre 1916 e 1934 ocupou o cargo de presidente da Sociedade Numismática Sueca."SNF:s ordföranden genom tiderna". Svenska Numismatiska Föreningen (Numismatik.se).
Polas súas contribucións á numismática, foi nomeado membro correspondente da Real Academia Sueca de Letras, Historia e Antigüidades en 1923.”Kungliga Vitterhets Historie och Antikvitets Akademiens Matrikel”. Vitterhetsakademien.se No ámbito da medicina militar, tamén ingresou como membro da Academia de Ciencias da Guerra en 1915. Ademais, foi presidente da Asociación de Amantes dos Animais de 1918 a 1932. Entre os galardóns recibidos ao longo da súa traxectoria destaca a Medalla de Ouro ao Mérito da Asociación Deportiva de Estocolmo.
Vida persoal
Axel Wahlstedt casou coa escultora Astrid Reenstierna en 1900, con quen tivo unha filla chamada Viola Wahlstedt (1901-1992)."Viola Wahlstedt-Guillemaut". Gravar.se
Wahlstedt finou en Estocolmo o 15 de decembro de 1943, aos 76 anos, e foi soterrado no cemiterio de Vittsjö, en Escania,"Axel Wahlstedt". Gravar.se xunto coa súa muller."Astrid Wahlstedt". Gravar.se
Escolma de publicacións Esta é unha escolma dos traballos monográficos máis representativos publicados por Axel Wahlstedt ao longo da súa traxectoria:"förf:(Wahlstedt, Axel)". Libris.kb.se
Medicina militar (1901). Kortfattad hälsolära : Några anvisningar till hälsans bevarande ["Breve teoría da saúde. Instrucións para a preservación da saúde"]. (1901). Ett ord i lifförsäkringsarfvodesfrågan ["Palabras sobre a cuestión da herdanza do seguro de vida"]. (1911). Sjukvårdstjänsten vid en arméfördelning under anfallsstrid : sjukvårdstaktisk studie ["O servizo médico nunha división do exército durante unha batalla ofensiva: estudo de tácticas médicas"]. (1914). Sjukvårdstjänsten vid en landstormsbataljon ["O servizo médico nun batallón de asalto terrestre"]. (1916). Bror Claes Fristedt ["Bror Claes Fristedt"]. (1917). Vårt medicinalväsendes krigsberedskap ["A preparación para a guerra do noso servizo médico"]. (1919). Smittosamma sjukdomar ["Doenzas infecciosas"]. (1930). Den taktiska sjukvårdstjänsten i fält i de främre linjerna ["O servizo médico táctico na fronte"].
Numismática e outros
(1913). Sveriges mynthistoria under konung Erik XIV:s regeringstid ["Historia das moedas suecas durante o reinado de Erik XIV"]. (1921). Fågelskyddet i Stockholm ["A protección das aves en Estocolmo"]. (1925). Minnespenningar öfver enskilda svenska män och kvinnor ["Moedas conmemorativas de homes e mulleres suecos"]. (1928). Den svenska plåtmyntningens historia ["Historia da cuñaxe de moedas suecas]. (1938). The Requirements of a Good Catalog ["Requisitos dun bo catálogo"]. (1942). Förteckning å svenska personmedaljer ur fältläkare Axel Wahlstedts samling, vilka försäljes å auktion ["Lista de medallas persoais suecas da colección do médico de campaña Axel Wahlstedt, que saen a poxa"]. (1943). Minnespenningar öfver enskilda svenska män och kvinnor (3) ["Moedas conmemorativas de homes e mulleres suecos (3)"].
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
"Wahlstedl, Axel Johan Gabriel". En Biografisk Uppstagsbok (8). Estocolmo, 1955. Páxinas 148-149. "Wahlstedt, Axel Johan Gabriel". En Vem Är Det? Svensk biografisk handbok. Estocolmo, 1943. Páxina 861.
Categoría:Nados en 1867 Categoría:Finados en 1943 Categoría:Nados no condado de Escania Categoría:Numismáticos de Suecia Categoría:Presidentes da Sociedade Numismática Sueca Categoría:Médicos de Suecia Categoría:Médicos militares Categoría:Alumnos da Universidade de Lund Categoría:Coleccionistas Categoría:Tiradores olímpicos de Suecia Categoría:Tiradores nos Xogos Olímpicos de 1912