Daniel Maldini, nado en Milán o 11 de outubro de 2001, é un futbolista italiano que xoga como centrocampista ofensivo no Atalanta, da Serie A, e na selección italiana. É fillo e neto respectivamente dos históricos capitáns do Milan, Paolo e Cesare Maldini.
Traxectoria Naceu en Milán, sendo o segundo fillo de Paolo Maldini, histórico capitán do AC Milan, e da modelo venezolana Adriana Fossa. O seu avó Cesare fora tamén un destacado capitán do Milan na década de 1960. O seu irmán maior, Christian foi tamén futbolista.
Ingresou na canteira do propio Milan en 2010 e foi subindo polas diferentes categorías inferiores do club. En xullo de 2019 foi convocado por Marco Giampaolo para facer a pretempada co primeiro equipo. Uns días despois debutou co equipo nun amigable ante o Bayern de Múnic en Kansas City.
O seu debut oficial produciuse o 2 de febreiro de 2020, nun partido da Serie A contra o Hellas Verona no que saltou ao terreo de xogo como substituto do catalán Samu Castillejo. Converteuse así na terceira xeración da súa familia en vestir a camiseta do club milanista. O 15 de setembro de 2021 disputou contra o Liverpool o seu primeiro encontro na Liga de Campións e dez días despois marcou o seu primeiro gol co primeiro equipo, nun partido de liga contra o Spezia. O 22 de maio de 2022 gañou o seu primeiro título, o campionato da Serie A, emulando a seu pai e seu avó. Con todo, apenas tivo protagonismo ao longo da campaña, disputando só 239 minutos en 13 partidos de liga.
O 29 de xullo de 2022 foi cedido ao Spezia, da mesma categoría. Tras varios partidos saltando ao campo dende o banco de suplentes, na 13ª xornada debutou como titular ante o propio Milan en San Siro, marcando o único gol do seu equipo, que perdeu por 2-1. Marcou o seu segundo gol co Spezia catro meses despois, dándolle ao seu equipo a primeira vitoria da súa historia ante o Inter de Milán. Pechou o seu paso polo club cun total de 20 partidos disputados, aínda que en só catro deles o fixo dende o once inicial. Na primeira metade da tempada 2023/24 militou cedido no Empoli, onde xogou só 262 minutos repartidos en 7 encontros.
Na segunda metade da campaña foi cedido ao Monza, onde contou con só unha hora máis de xogo, pero cun balance de catro goles, o que propiciou que en xullo de 2024 o club se fixese cos seus dereitos en propiedade.
O 1 de febreiro de 2025 anunciouse a súa fichaxe polo Atalanta, nunha operación que roldou os 13 millóns de euros, incluíndo primas por rendemento.
Selección italiana Despois de ser internacional en categorías inferiores, en outubro de 2024 recibiu a súa primeira convocatoria coa selección italiana absoluta para os partidos da Liga das Nacións da UEFA 2024-25 contra Bélxica e Israel. Debutou na vitoria por 4-1 contra este último rival, entrando como substituto de Raspadori no minuto 74 no mesmo estadio onde debutara seu pai, o estadio Friuli de Udine, Coa a estrea de Daniel coa azzurra, a familia Maldini entrou na historia como un dos poucos casos de sagas familiares con tres xeracións de futbolistas internacionais, xunto a outras como os Alonso (Marquitos, Marcos e Marcos) ou os Guðjohnsen (Arnór, Eiður, Sveinn Aron e Andri).
Notas
Categoría:Nados en Milán Categoría:Nados en 2001 Categoría:Italianos de ascendencia eslovena Categoría:Futbolistas de Italia Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do AC Milan Categoría:Xogadores do Spezia Calcio Categoría:Xogadores do Empoli FC Categoría:Xogadores do Atalanta BC Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Italia