A antiga Colexiata de Santa María de Xunqueira de Ambía é unha construción románica, principiada no século XII, que está situada na Vía da Prata, no concello de Xunqueira de Ambía, na provincia de Ourense. miniatura|Claustro da ex-colexiata de Santa María de Xunqueira de Ambía. A decoración, con referencias xacobeas, ten influencia do Mestre Mateu, tanto nos rosetóns das naves laterais como na ornamentación vexetal e xeométrica. Está catalogada como Monumento Histórico-Artístico e declarada Ben de Interese Cultural (1931).
Características artísticas e arquitectónicas
Créase a igrexa en estilo románico na segunda metade do século XII. Ten planta basilical, con tres ábsidas na cabeceira e con tres naves, de cuberta única a dúas augas. Posúe cuberta de madeira nas naves apoiada en arcos transversais apuntados, que arrincan de medias columnas acaroadas a piares. Na fachada oeste intúese a estrutura de tres naves pola existencia de dous contrafortes. Pódense apreciar capiteis pendurados sen columnas.
Accédese á igrexa polas portadas románicas das fachadas oeste e norte. No portada oeste destacan dúas figuras: un boi, que pode representar a servidume; e mais un león ou xabaril, que representa o poder dos señores. A sancristía está cuberta con bóveda gótica.
No seu interior pódense atopar manifestacións artísticas románicas, góticas, renacentistas e barrocas. Un altar menor é presidido por unha obra escultórica de santa Ana, a Virxe e o neno Xesús. Nun lateral atópase o seu mellor retablo, de estilo flamengo-renacentista, en que destacan os 12 baixorrelevos que representan escenas da vida da Virxe.
O seu órgano ibérico, de 14 rexistros, é do ano 1758 e está situado nun lateral da igrexa. É o terceiro de que dispuxo a colexiata e está en uso, mais só se toca en ocasións excepcionais.
O claustro actual data de principios do século XVI. As galerías cubertas están limitadas cara ao patio por unha arcada, formada por un só corpo que conserva gran parte do seu trazado gótico tardío. Ten un patio axardinado e unha fonte central.
Tanto o claustro como a igrexa serviron de lugar de enterramento ata a primeira metade do século XX e conteñen tumbas de tipo arcosolio datadas desde a Idade Media ata o século XIX.
A torre de campanario é de planta cuadrangular rematada en cúpula con cruz de ferro e escaleira exterior de dous niveis de campás. Esta torre románica está acaroada ao norte da fachada occidental; engadíuselle en 1770 un novo corpo de campás, que se completou cunha cúpula, obra do mestre de Allariz Caetano Costa.
Ourivaría A ourivaría que se conserva na antiga colexiata de Santa María de Xunqueira de Ambía está datada do século XIII ao XX, cunha significativa presenza de elementos da etapa barroca, marcada pola vitalidade económica, en que se procederon a substituír e acrecentar pezas da colección.
Está documentada a autoría de prateiros de Allariz, Ourense, Santiago, Madrid e Córdoba, que utilizaron técnicas de gravado, cicelado, repuxado e fundición. Houbo pezas esmaltadas e caladas, das que só se conserva un cáliz.
Así, mantéñense oito cálices, tres coroas, dúas lámpadas, dous cetros, relicarios, bandexas e un incensario, entre outras.
O priorado
Conta a lenda que polo século IX apareceu a Virxe da Asunción na xunqueira da lagoa, onde se ergueu unha capela na súa honra, que atraeu devoción popular e, con posterioridade, a peregrinación xacobea ao utilizar o paso da calzada romana existente. As súas doazóns serviron para impulsar a nova construción da igrexa románica e mais un hospital para a estadía das peregrinacións.
En 955 fúndase un mosteiro prerrománico ou convento familiar por parte de Rudesindus, Gonçalo Froila e Ilduara, parentes de Rosendo de Celanova, nas terras do señorío de Ambía. Anos despois, Afonso VII doa a metade dese couto ao priorado de Sar, en Santiago de Compostela e entrégalles as terras e o mosteiro aos cóengos regulares da Orde de santo Agostiño.
Foi consagrado como igrexa polo bispo de Ourense Pedro Seguín, o 2 de xuño de 1164, e en presenza Fernando II, rei de León e Galiza.
No século XVI, con Alonso de Piña reedifícase a igrexa, constrúese o claustro tardogótico acaroado ao muro sur e de clara influencia portuguesa, a nova casa prioral e amplíase o hospital para pobres e peregrinos, ademais de engadir o retablo renacentista, o coro e mais o órgano. Da súa época é o grande arquivo documental que aínda se conserva no pazo prioral.
Na segunda metade do século XVI, a cuestión do Padroado Real provocou un longo preito entre Felipe II e o prior e cóengos de Xunqueira de Ambía, que foi resolto a favor do rei quen nomeou e enviou en 1594 ao prior Martín de Córdoba. Após visitar todas as propiedades da xurisdición, revisou os foros, as cartas de doazón e os privilexios para confeccionaren un inventario. Procedeu entón a reparar a igrexa-colexiata e a sancristía, construíu o arco de entrada ao patio do pazo prioral e engadiu o novo edificio, denominado "a paneira", utilizado de almacén das rendas do priorado.
En tempos do rei Felipe III, este priorado anexionouse á recentemente creada diocese de Valladolid pola bula de Clemente VIII de 1602, non sancionada ata 1619 por Paulo V. Os bispos de Valladolid pasaron a ser os novos priores e señores do Priorado de Xunqueira de Ambía, donos directos das terras que detentaban o poder xurisdiccional sobre os seus habitantes e percibían as rendas e dereitos señoriais de vasalaxe. No entanto, o poder canónico dos bispos de Ourense limitou o mando eclesiástico valisoletano sobre o priorado.
A decadencia final chegou no século XIX, cando o priorado se ve afectado pola extinción dos señoríos decretada polas Cortes de Cádiz e logo polas distintas leis desamortizadoras do século XIX. O señorío e priorado desaparecen tras a desamortización de Mendizábal en 1837.
O 31 de marzo de 1853, o bispo ourensán Luís de La Lastra y Cuesta decretou reducir a igrexa-colexiata de Xunqueira de Ambía a parroquia. Porén, a nova parroquia era de primeira categoría pois o seu persoal incluía abade párroco, ecónomo, coadxutor, beneficiados e sancristán, aínda que se extinguiu o cabido da colexiata.
O bispo Pascual Carrascosa Gabaldón ordenou construír, a principios do século XX, a casa episcopal de Xunqueira que ocuparon primeiro os Irmáns das Escolas Cristiás que proporcionaron un período de florecemento cultural. Tempo despois, en 1928, cedeuse á Orde Mercedaria, que dirixiu a parroquia ata novembro de 2003. Galería
Notas
Véxase tamén
Categoría:Xunqueira de Ambía Xunqueira de Ambia Categoría:Colexiatas de España Xunqueira de Ambia