As colectinas ou col-lectinas (lectinas tipo C que conteñen coláxeno, en inglés collectins) son proteínas que forman parte do sistema inmunitario innato. Forman unha subfamilia de lectinas dependentes de Ca2+ colaxenosas da familia das lectinas tipo C, que se atopan en animais. As colectinas son receptores de recoñecemento de padrón (PRRs) solubles. A súa función é unirse a estruturas de oligosacáridos ou lípidos que están na superficie de microorganismos. Como outros PRRs únense a padróns moleculares asociados a patóxenos (PAMPs) e padróns moleculares asociados a danos (DAMPs) de orixe oligosacarídica. A unión de colectinas a microorganismos pode desencadear a eliminación de microorganismos por agregación, activación do complemento, opsonización, activación da fagocitose, ou inhibición do crecemento microbiano. Outras funcións das colectinas son a modulación de respostas inflamatorias, de respostas alérxicas, do sistema inmunitario adaptativo e a eliminación de células apotóticas.

Estrutura As colectinas son funcionalmente trímeros. As subunidades monómeras constan de catro partes: un dominio rico en cisteína no N-terminal un dominio similar ao coláxeno un dominio de pescozo superenrolado un dominio de lectina tipo C que tamén se chama dominio de recoñecemento de carbohidratos (CRD) O recoñecemento de partes específicas de microorganismos está mediado por CRD en presenza de calcio. A afinidade de interacción entre microbios e colectinas depende do grao de oligomerización das colectinas e tamén na densidade de ligandos na superficie do microbio.

Tipos de colectinas Definíronse nove tipos de colectinas: MBL = lectina que se une ao manano (lectina que se une á manosa) SP-A = proteína surfactante A SP-D = proteína surfactante D CL-L1 = colectina do fígado 1 CL-P1 = colectina da placenta 1 CL-43 = colectina de 43 kDa CL-46 = colectina de 46 kDa CL-K1 = colectina do ril 1 Conglutinina

A CL-43, a CL-46 e a conglutinina atopáronse en bovinos.

Función

Agregación

As colectinas poden unirse á superficie de microorganismos e entre ligandos de carbohidratos. Debido a estas propiedades, a interacción pode resultar en agregación.

Opsonización e activación da fagocitose As colectinas poden actuar como opsoninas. Hai unha interacción específica entre as colectinas e os receptores das células fagocíticas que poden causar un aumento da eliminación dos microorganismos. A MBL pode unirse a microorganismos e esta interacción pode levar á opsonización por medio da activación do complemento, ou pode opsonizar o microorganismo directamente. A SP-A e a SP-D poden tamén intraccionar con microorganismos e células fagocíticas para melloraren a fagocitose do microorganismo.

Inhibición do crecemento microbiano

As colectinas teñen efecto sobre a supervivencia do microorganismo. A SP-A e a SP-D poden unirse a LPS (lipopolisacárido) de bacterias gramnegativas e grampositivas. A SP-A e a SP-D poden incrementar a permeabiloidade da membrana celular de bacterias gramnegativas.

Modulación das respostas inflamatorias A SP-A e a SP-D poden amortecer a indución da inflamación polo LPS ou a endotoxina. Isto pode orixinarse pola retirada do LPS ou pola unión do LPS ao receptor CD14 dos macrófagos, o que pode bloquear a resposta inflamatoria. A SP-A pode tamén unirse ao TLR2 (receptor similar a Toll 2). Esta interacción causa unha diminución da produción de TNF-α (factor de necrose tumoral α) polos macrófagos alveolares estimulada con peptidoglicano. A SP-A e a SP-D poden modular a produción de citocina. Modulan a produción de especies reactivas do oxíxeno e nitróxeno que son moi importantes para as células fagocíticas. A SP-A e a SP-D teñen unha función como quimioatractores para os neutrófilos e monocitos alveolares. A MBL pode recoñecer o peptidoglicano por medio da N-acetilglicosamina. Esta interacción leva á inhibición da inflamación inducida por ligando por produción de quimiocinas de macrófagos.

Modulación do sistema nervioso adaptativo A SP-A e a SP-D poden suprimir a produción de linfocitos T activados e de IL-2 (interleucina-2). A SP-D incrementa a presentación do antíxeno bacteriano polas células dendríticas, mentres que a SP-A bloquea a diferenciación de células dendríticas inmaturas.

Modulación da resposta alérxica As colectinas SP-A e SP-D teñen efectos antialérxicos: inhiben a unión de IgEs a alérxenos, diminúen a liberación de histamina por basófilos, e inhiben a produción e linfocitos T na última fase da inflamación.

Apoptose

As colectinas SP-A e SP-D potencian a eliminación de células apoptóticas polos macrófagos.

Activación do complemento As colectinas están ligadas á activación da vía da lectina de activación do complemento. Ao principio, hai unha unión das colectinas ás PAMPs ou DAMPs. A colectina MBL está implicada na activación da vía do complemento de lectina. Hai tres serina proteases, MASP-1, 2 e 3 (serina proteases asociadas á MBL), que participan na activación da vía da lectina. A MASP-2 ten unha actividade de clivaxe e é esencial para a formación de lectina C3 e convertases de C5 e para a activación do complemento.

Revisións Para máis información e detalles ver os seguintes artigos de revisión:

Notas

Categoría:Lectinas