Paragyromitra infula (antes Gyromitra infula) é unha especie de fungo da familia Discinaceae. O píleo marrón avermellado escuro do seu corpo frutífero adquire na madureza unha característica forma de sela, e os extremos de ambos os lóbulos da sela prolónganse en puntas agudas que se proxectan por riba do nivel do corpo frutífero. O estipe é branco ou marrón claro lavado, liso na parte exterior, pero oco con algunhas cámaras por dentro.
P. infula atópanse no hemisferio norte, usualmente a final do verán e outono, crecendo sobre madeira podre ou sobre solos compactados. A especie foi considerada velenosa, porque se cría que contiña o composto tóxico xiromitrina, mais un estudo de 2023 puxo isto en dúbida.
Ten himenio liso, píleo convexo, estipe espido, impresión das esporas amarela ou beixe, saprótrofo ou micorrícico.
Taxonomía
Este fungo describiuno en 1774 o micólogo alemán Jacob Christian Schäffer co nome Helvella infula (a ortografía orixinal do xénero era Elvela). En 1849, Elias Magnus Fries estableceu o xéenro Gyromitra, distinguíndoo de Helvella baseándose no himenio xiroso (marcado con liñas onduladas ou circunvolucións); o xénero estaba baseado na especie tipo G. esculenta. Posteriormente, en 1886, o micólogo francés Lucien Quélet transferiu a especie a Gyromitra. Nas seguintes décadas houbo bastante confusión sobre a situación taxonómica correcta destes fungos.
En 1907, Jean Boudier trasladou G. esculenta e H. infula a un xénero de nova creación chamado Physomitra; mantivo o xénero Gyromitra pero "baseouno nun carácter completamente diferente para excluír do xénero precisamente as especies coas cales se fundara". Nun intento de reconciliar a confusión sobre o nome e identidade de ambos os cogomelos, Fred J. Seaver propuxo que ambos eran sinónimos, e representaban formas variables da mesma especie. A súa suxestión non foi adoptada polos micólogos posteriores, que identificaron varias diferenzas entre as dúas especies, como o tempo de frutificación, así como diferenzas macroscópicas e microscópicas. A especie é agora clasificada no novo xénero Paragyromitra.
Etimoloxía
O epíteto específico procede do latín infǔla, unha banda pesada de la trenzada usada polos oficiantes romanos nos sacrificios. P. infula é un membro dun grupo de fungos denominados "falsas pantoras", así chamados debido á súa semellanza coas especies comestibles e moi apreciadas chamadas pantorras ou cogomelos de coresma do xénero Morchella. Este grupo inclúe especies como Gyromitra esculenta, Discina caroliniana e Discina gigas.
Descrición
O píleo do corpo frutífero (tecnicamente un apotecio) é duns 2,5-9 cm de ancho e alto, de cor marrón alaranxado ou avermellado, e con forma de sela con de 2 a 4 lobos. Ten cámaras ou ocos no interior e frecuentemente desenvolve manchas marróns anegradas na superficie. Durante o desenvolvemento do cogomelo, a periferia do píleo medra cara ao estipe cara abaixo para formar unha estrutura con forma de campá oca coa superficie fértil portadora de esporas (o himenio) no exterior; como o crecemento da superficie do himenio continúa a producirse mesmo despois de unirse ao estipe, o himenio xa non pode seguilo e arquéase orixinando pregamentos e avultamentos.
O seu estipe prinipalmente oco ten entre 2 e 8 cm de alto e 1–2,5 cm de grosor, variando en cor de marrón avermellado a abrancazado ou mesmo azulado, pero é tipicamente máis lixeiro que o píleo. O estipe é finamente tomentoso (cuberto cunha capa de pelos moi finos). A carne é de 1–2 mm de grosor e crebadiza abrancazada ou amarronada. Carece dun cheiro ou gusto percibible.
miniatura|Esporas e ascos
As ascósporas son de forma elipsoidal, hialinas, lisas, de paredes finas, cunhas dimensións de 17–22 por 7–9 μm. Son tamén bigutulatas, contendo dous grandes pingas de aceite en cada extremo. As células que producen as esporas, os ascos, son aproximadamene cilíndricas, con oito esporas, operculadas (ábrense por unha tapa apical para descargar as esporas) e teñen unhas dimensións de 200–350 por 12–17 μm. O diámetro das paráfises con forma de maza é de 7–10 μm no ápice.
Especies similares
Gyromitra esculenta ten unha superficie engurrada (similar ás circunvolucións cerebrais), non ondulada ou chea de vultos como en P. infula. Paragyromitra ambigua é moi similar en aparencia, e aínda que xeralmente non é posible distinguirmos entre as dúas especies sen examinarmos as características microscópicas, P. ambigua dise que ten tons púrpuras máis intensos no estipe e ten esporas máis grandes (duns 22–30 μm de longo). Discina brunnea é máis repoluda cun pé branco, cun píleo engurrado que normalmente carece de puntos.
O píleo con forma de sela de P. infula podería tamén levar a confusión con algunhas especies do xénero Helvella, mais estas últimas teñen cores máis cincentas e estipes máis delgados e estriados (por exemplo, H. maculata que ten unha distintiva carne branca).
Distribución e hábitat miniatura|upright|P. infula no norte de Saskatchewan, Canadá.
P. infula está amplamente distribuída na zona boreal, e bosques de montaña e costeiros de América do Norte. A súa distribución en América do Norte esténdese polo norte ao Canadá e polo sur a México. Tamén se informou da súa presenza en América do Sur, Europa, e Asia.
Este fungo pode crecer de separado a disperso en bosques de coníferas ou preto deles en outono, a miúdo sobre madeira podre. Tamén é frecuente atopalo en chans compactos, como na beira das estradas ou en campamentos. Entre as coníferas que se asocian con el están Picea glauca, Picea mariana, Picea sitchensis, Pinus contorta, Pinus banksiana, Pinus monticola, Abies balsamea, Abies grandis, Pseudotsuga menziesii, Tsuga heterophylla, Larix occidentalis, Thuja plicata, e entre as árbores caducas están Populus balsamifera, Populus tremuloides, Acer macrophyllum, Alnus spp. e Betula papyrifera.
Toxicidade Este fungo foi considerado velenoso, xa que se creu durante moito tempo que contiña o composto tóxico xiromitrina, presente nalgunhas especies de Gyromitra, o cal cando se dixire metabolízase a monometilhidrazina, un compoñente principal do combustible para foguetes. Porén, un estudo de 2023 non atopou trazas de xiromitrina en G. infula (agora chamada Paragyromitra infula) usando un novo método de cromatografía.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Mushroom Observer Fotografías
Categoría:Pezizales