La Seu d'Urgell (antigamente Urgell ou Ciutat d'Urgell)L'Enciclopèdia , la Seu d'Urgell. é unha cidade e concello da provincia de Lleida, situado nos Pireneos cataláns, capital da comarca do Alt Urgell e cabeza do partido xudicial de La Seu d'Urgell. É a sede do bispado de Urgell (o catalán seu é o equivalente do galego sé, "catedral") e foino tamén do antigo Condado de Urgell.
Atópase preto da confluencia dos ríos Segre e Valira, nunha terraza fluvial. Forma parte do Urgellet, comarca natural pirenaica formada por 16 concellos do Alt Urgell e que xuntamente con Andorra correspondíase co territorio orixinario do Condado de Urgell, con capital en La Seu ata a expansión cara ao sur. A proximidade con Andorra está a repercutir no seu desenvolvemento demográfico e económico. En 2016 tiña unha poboación de 12.185 habitantes.
Xeografía A localidade está situada a 690 m sobre o nivel do mar, nos contrafortes dos Pireneos, a tan só 10 km de Andorra, e no punto onde conflúen o río Segre e o máis pequeno Valira.
Limita ao norte co municipio de les Valls de Valira, con Montferrer i Castellbò ao oeste, con Ribera d'Urgellet ao suroeste, Alàs i Cerc ao sueste e Estamariu ao nordés.
O municipio está formado pola cidade de La Seu d'Urgell, a vila de Castellciutat, os arrabaldes de Sant Pere e El Poble-sec, a urbanización de Sant Antoni, as veciñanzas de Les Torres i Bell-lloc e os barrios de Santa Magdalena e Serrat de la Capella.
Clima O clima de La Seu é de tipo mediterráneo, transformado pola montaña, por iso a maior parte da poboación da comarca do Alt Urgell concéntrase nas ribeiras.
As precipitacións son escasas, arredor dos 700 mm anuais, aínda que aumentan considerablemente coa altitude. No verán, o máximo de chuvias corresponde ás montañas. No inverno, as precipitacións son mínimas en toda a comarca. É, polo tanto, un clima seco e frío no inverno, fresco e chuvioso na primavera e comezo de verán, caloroso e seco o resto do verán e principios de outono, e fresco e húmido no outono.
A vexetación é continental, en gran parte submediterránea.
Historia Das orixes á consolidación do bispado miniatura|Llibre de les Usances, Privilegis i Immunitats de la Ciutat d'Urgell Segundo a tradición, la Seu d'Urgell foi fundada por Hércules o Exipcio no 1699 aC, cando pasaba unhas vacacións nos Pireneos. Descubriuse unha necrópole paleocristiá onde hoxe está o claustro da catedral e potentes muros que poderían formar parte do recinto urbano primitivo, así como un altar de tradición paleocristiá.
Segundo Plinio o Vello e Estrabón, a primitiva cidade romana Orgellia, ocupada anteriormente polo poboado prehistórico de Arse-durgui, atopábase no outeiro de Castellciutat, camiño obrigado de Julia Lybica (Llívia) a Ilerda (Lleida), e polo tanto de grande importancia estratéxica. A cidade romana foi a capital dos ceretáns ou, segundo Ptolomeo, dos ilerxetes.
Non hai documentación sobre a súa cristianización, atribuída a un discípulo de Santiago o Maior, nin da erección do bispado de Urgell. Parece ser que este foi creado entre 516, data do concilio de Tarragona, no que non consta ningún bispo de Urgell, e 521, cando xa aparece mencionado. O primeiro bispo, venerado despois como santo, foi Xusto, que asistiu aos concilios da España visigótica nos anos 527 e 546. Nesas datas xa aparece a característica esencial da cidade medieval e que dará nome á cidade: a sé episcopal (en catalán seu).
Pouco despois de ser liberada polos francos do dominio musulmán, a cidade de Urgell foi destruída polos sarracenos e entrou en crise pola represión do bispo Félix. Por eses dous motivos, a sé episcopal foi trasladada a unha nova localización. Do outeiro baixou ao val, onde naceu o vicus Sedis Urgelli, un barrio da cidade nunha terraza do río Segre, facilitando a súa defensa e o seu abastecemento de auga. A antiga cidade, despois de ser reconstruída, converteuse nunha fortaleza, residencia dos condes de Urgell ata a conquista de Agramunt e Balaguer (1105).
left|miniatura|O Castell de Ciutat, antiga residencia dos Condes de Urgell. O poder do bispado, baseado nunha permuta de béns co conde Borrell II de Barcelona-Urgell (988), foi en aumento e manifestouse no ambicioso plan de construcións e infraestruturas do bispo Ermengol (1010-1035): a nova catedral na localización actual, a igrexa de Sant Pere e Sant Andreu, a de Sant Miquel e as pontes de pedra sobre o Segre e a Valira, todo financiado co ouro musulmán conseguido na conquista do Baix Urgell. A cidade estendeuse ao longo do río, con forma triangular limitada polo Segre, o rego de Santa María e o camiño de Cerdanya, entre hortas, campos e viñas.
No século X, xa chamada Seu polos eclesiásticos, celebraba un mercado semanal, xa mentado en 1029, e unha feira coñecida en 1048, que manifestan a importancia do núcleo na comarca e nas rutas internacionais do comercio. Froito desta prosperidade é a construción dunha nova catedral, a actual, iniciada polo bispo San Ot (1095-1122) e inacabada polas loitas entre o bispado, o vizconde de Castellbò e o conde de Foix. A vila sufriu un asedio e un posterior saqueo (1195), e quedou liberada despois de pagar un elevado rescate. Nesas circunstancias, a catedral románica foi a gran defensa da vila, sen recinto amurallado pero con portas ben fortificadas e coa protección do río e do torrente. No século XI, iniciouse a obra de fortificación destinada a rodear os barrios de recente formación con muros novos, aínda que conservando tamén os vellos.
Malia os conflitos bélicos na vila nova, vicus Sedis Urgelli, acentuouse o desenvolvemento da poboación durante o século XII. Aínda que a palabra civitas quedara reservada para a antiga cidade do outeiro (Castellciutat), nos primeiros anos do século XIII xa hai unha distinción clara entre a vila vella e a nova. Esta última converteuse en pouco tempo nun centro dedicado á produción menestral e ao comercio.
O crecemento da cidade e as ocupacións Na segunda metade do século XIII xa aparece a denominación de cidade, como civitas Sedis Urgellensis, na titulación do notario público que exercía na localidade, dándolle á Seu unha categoría máis elevada, a correspondente a unha sé episcopal. A construción de muros arredor da cidade foi costeada polo pobo, que tivo que encargarse da distribución equitativa das cargas fiscais entre todos os veciós, de vixiar os pesos e medidas utilizados no mercado e de regular os prezos e outros aspectos do traballo de varios oficios. Malia os conflitos entre o bispado e os condes de Foix, que acabaron cos condominios (1278), a cidade viviu unha época de desenvolvemento ata 1348, data da terrible epidemia da peste negra, tan mortífera na Seu como no resto de Cataluña.
A muralla tiña un percorrido bastante amplo con varias torres, doce a mediados do século XV, que rodeaba a gran sé, cunhas 200 casas e cuns límites que non ultrapasou ata o século XIX. En 1466 produciuse unha redución do perímetro do recinto amurallado como consecuencia da loita contra o rei Xoán II de Aragón que empobreceu e prexudicou á cidade.
Ademais, seguiron as incursións dos hugonotes dende o outro lado dos Pireneos, introducindo o calvinismo no Principado de Cataluña. O ambiente volveuse hostil aos eclesiásticos de Urgell, que eran atacados con frecuencia. A inseguridade agudizouse co bandoleirismo, mal endémico durante os séculos XVI e XVII, pero especialmente graves foron as loitas entre nyerros e cadells, señores de Nyer e de Arsèguel, respectivamente.
Producironse tamén na época ocupacións francesas, a primeira durante a Guerra dos Segadores, na que destacou o cóengo de Urgell Pau Claris, mentre o bispo Duran era partidario do rei Filipe I de Castela. Posteriormente, en 1691, o duque de Noailles conquistou o norte do Principado, onde actuou como lugartenente do rei francés. Na Guerra de Sucesión, a Seu foi partidaria do arquiduque Carlos de Austria, mentres que o bispo Julián Cano, partidario de Filipe V, tivo que fuxir a Ávila en 1714.
O 31 de agosto de 1719, durante a Guerra da Cuádrupla Alianza, a cidade caeu en mans de James Fitz-James Stuart, que continuou cara á cidadela de Roses, que aguantou o asedio. Verboom asediou tamén á Seu o 22 de xaneiro de 1720, rendéndose o 29 de xaneiro, poucos días antes do fin da guerra.
Na chamada Guerra do Francés, logo de ser Cataluña incorporada ao imperio napoleónico, a comarca de la Seu foi incluída no departamento francés do Segre (1812-1814). Despois da liberación, a cidade manifestou signos evidentes dun predominio absolutista, como outras vilas da montaña, a diferenza do liberalismo predominante na franxa costeira catalá. Durante o Trienio liberal, no verán de 1822, caeu en mans das partidas absolutistas de Joan Romagosa e Antonio Marañón, dando paso á Rexencia de Urgell.
Da Rexencia á actualidade A Xunta Suprema Provincial de Cataluña, co apoio do bispo Bernardo Francés, do concello e da maior parte dos veciños, preparou o establecemento da Rexencia de Urgell o 15 de agosto de 1822. Este goberno paralelo ao de Madrid foi constituído por tres persoas: Bernardo Mozo de Rosales, marqués de Mataflorida, Jaume Creus i Martí, bispo de Tarragona, e o barón de Eroles, que era do Pallars. Este último recibiu o mando supremo das forzas realistas e publicou un manifesto co programa político da rexencia. O exército do barón foi derrotado e os seus colegas fuxiron a Puigcerdà e Francia, mentres a cidade era recuperada polo brigadier Zarroquin.
La Seu foi un dos centros carlistas. En abril de 1837, o pretendente Carlos preparou a entrada á cidade, que foi abortada, e resultaron detidos algúns veciños. Durante a terceira guerra, caeron en mans de Rafael Tristany en 1874, pola división interna da poboación, en gran parte carlista e en parte liberal. Os primeiros tiñan o apoio do bispo Josep Caixal i Estradé, vigairo xeral castrense do exército de Carlos. O asedio do Capitán xeneral de Cataluña, Arsenio Martínez Campos, durou ata a rendición do 26 de agosto de 1875. Así caeu un dos últimos reductos carlistas do Principado, e o fillo do xeral victorioso foi recompensado co título de duque de La Seu d'Urgell.
miniatura|250px|Construción das antigas leiterías. miniatura|250px|Parque olímpico do Segre. A principios do século XX, despois de superar a filoxera que acabou con todas as viñas en 1893, La Seu viviu uns anos de prosperidade e expansión, cambiando a base agrícola pola gandería. O artífice foi Josep Zulueta, que importou vacas suízas para a elaboración de leite e queixos e creou a Cooperativa Leiteira do Cadí en 1915. A paisaxe modificouse coa introdución de prados artificiais, rodeados de maceiras e pereiras, que ocuparon todos os regadíos onde pacían as vacas. Nesa época construíuse tamén a estrada comarcal do Urgell, ampliada cara a Andorra e a Cerdanya por obra do bispo Joan Benlloch (1907-1919), favorecendo a función comercial da cidade.
Pascual Sanz Barrera e Josep Puig i Cadafalch comezaron a estudar a catedral para realizar as primeiras restauracións. En 1923, o concello encargou ao arquitecto Joan Bergós a redacción dun plan de ordenación urbana, que propiciou o crecemento da cidade cara ao oeste, establecendo unha malla ortogonal aínda vixente hoxe en día.
Durante a república, a vitalidade cultural púxose de manifesto coa existencia dos semanarios El Cadí e L'Alt Urgell. Despois da guerra civil, en cambio, viviu un período de recesión económica e moral. Na década de 1960, La Seu comezou a experimentar un certo crecemento económico, grazas en parte ao impulso comercial de Andorra. É a época da urbanización do ensanche e da creación de barrios periféricos, ademais de intervencións culturais, como a maior parte das restauracións da catedral e a súa contorna urbana, e a posta en escena do Retablo de Sant Ermengol nos claustros.