Ermenexildo ou Hermenexildo (do gótico: 𐌹𐍂𐌼𐌿𐌽𐌰𐌲𐌹𐌻𐌳𐍃, "inmenso tributo"), nado en Toledo en 564 e finado o 13 de abril de 585 en Tarragona, foi un rei rebelde dos visigodos en Sevilla dende 579 ata 583, liderando o sector católico visigodo contra os arianos agrupados arredor de seu pai, o rei Leovixildo. Foi venerado como mártir e proclamado santo pola Igrexa Católica.

Traxectoria Era fillo do rei visigodo Leovixildo. En 579 Hermenexildo casou coa princesa franca Ingundis, filla do rei Sixeberto I e Brunequilda, que á súa vez era filla de Atanaxildo e Gosuinda (a segunda esposa de Leovixildo), e polo tanto neta da actual esposa do rei. A princesa pasou, á súa chegada ao reino, pola provincia de Septimania, e detívose en Agde onde estaba o bispo Fronimio (Fronimius), un galo de Bourges que emigrara á rexión na época de Liuva I, que despois foi consagrado bispo da cidade. Fronimio amoestou á princesa porque non se deixaba converter ao arianismo, e Leovixildo soubo diso. Máis tarde Ingundis negouse repetidamente a se converter en ariana, pero malia todo o rei confiou a Hermenexildo o goberno rexio da provincia bética, con residencia en Hispalis (Sevilla), mentres que Recaredo aparentemente recibiu o goberno da zona fronteiriza cos suevos e máis tarde cos francos.

Conversión Crese que Hermenexildo foi axiña atraído ao catolicismo pola súa esposa e por Leandro de Sevilla, irmán de Isidoro de Sevilla, que seguramente sería xa o bispo da cidade en 579. A súa conversión relixiosa implicaba (debido á súa condición de presunto herdeiro) unha rebelión política (últimos meses de 579). Xoán de Biclaro culpa á raíña Gosuinda (que era ariana) de instigar a rebelión do seu afillado, aparentemente para asegurar o trono para os seus descendentesGosuinda tivo dúas fillas: Galsuinda, que morreu sen descendencia do seu matrimonio con Khilperico de Soissons, e Brunequilda, que tivo tres fillos: Khildeberto, rei de Austrasia; Clodosinda, casada co rei Autari dos longobardos e Ingundis.. En calquera caso, o matrimonio de Ingundis co herdeiro xa lle aseguraba o trono e non é posíbel comprender a razón que puido inducir á raíña a instigar ao seu fillo, especialmente tendo en conta as malas relacións que tiña con Ingundis, á que non conseguira convencer, nin sequera someténdoa a severas vexacións, para que se convertese ao arianismo.Suponse que Hermenexildo se converteu ao catolicismo inmediatamente despois de chegar a Sevilla, no mesmo ano 579, adoptando por esta razón o nome de Iohannes (Xoán). Esta conversión inmediata non é en absoluto certa: atribúese a Leandro de Sevilla, probabelmente bispo da cidade, pero non se sabe se Leandro estaba en Sevilla en 579Leandro estaba en Constantinopla o 579 no momento no que o futuro papa Gregorio chegou á cidade como legado papal de Paio II. O seu retorno a Hispania tivo xa que logo que se producir no mesmo 579, pero é máis probábel que fose despois desta data, seguramente no 581 ou mesmo con posterioridade. Segundo Isidoro de Sevilla, foi seu irmán Leandro quen converteu o príncipe, pero Leandro entrevistouse con Gregorio en Constantinopla, e despois Gregorio asegurou que soubo da conversión xa sendo papa, por uns viaxeiros hispanos que chegaron a Roma. Como Gregorio non volveu a Roma ata o 585, a conversión tivo que se efectuar entre o 579 e o 585.. Se foi realmente Leandro quen o converteu (un mérito que Isidoro podería atribuír ao seu irmán impulsado por un desexo de protagonismo, cando o reino xa era católico) a data máis probábel é 582 e non antes de 581.

Rebelión Os intentos de Leovixildo por evitar a loita foron inútiles (580). Transcorreron varios meses sen hostilidades en medio de intentos de pacto, que só serviron para atrasar a expedición contra os vascóns. O bispo de Agde, Fronimio, se cadra acusado de ser o responsábel de todo, recibiu información de que se estaba a planear o seu asasinato (probabelmente información falsa, difundida para asustar o bispo) e abandonou a súa sé, dirixíndose a territorio franco.

Os vascóns, conscientes da revolta, uníronse e formaron un exército que descendeu na primavera do 581 a través do val do Ebro, e devastou toda a Tarraconense coa excepción dalgunhas cidades amuralladas. O rei Leovixildo foi contra os vascóns, e realizou unha campaña lenta para dar tempo a negociar co seu fillo rebelde. Despois de que a campaña rematase coa construción da fortaleza de Victoriacum (581), a loita contra os rebeldes non se puido adiar máis e no 582 Leovixildo decidiu finalmente marchar contra el. Mérida foi ocupada, así como as cidades e fortalezas de Lusitania que eran fieis a Hermenexildo. Despois marchou contra a Bética, atacando Sevilla.

Nesta situación, interveu o rei suevo Miro, pero non se sabe de que lado. Segundo algúns, marchou cun exército para axudar ao seu aliado Hermenexildo. Segundo outros, Miro fora vasalo de Leovixildo desde o ano 576 e viña como unha obriga co seu señor. O resultado tamén se descoñece: segundo algúns, os suevos foron asediados e Miro tivo que se render e xurar lealdade ao rei visigodo Leovixildo. Segundo outros, Miro chegou coas súas tropas, participou nas operacións e contribuíu á toma de SevillaXoán de Biclaro asegura que lle permitiron a Miro entrar en Sevilla, onde morreu pouco després (583), pero Gregorio de Tours afirma que se retirou aos seus dominios na Galíza, onde morreu ese mesmo ano. Para Isidoro de Sevilla, na súa Historia dos suevos, e para Xoán de Biclaro, Miro acudiu en axuda de Leovixildo. Segundo Gregorio de Tours, axudaba a Hermenexildo..

Leovixildo tomou algunhas fortalezas ou vilas arredor de Sevilla e reforzou o asedio. O río Guadalquivir foi bloqueado para impedir a subministración á cidade (inverno 582–583 ).

Derrota e morte Nunha situación tan desesperada, Hermenexildo pediu axuda aos seus aliados bizantinos, que ata entón parecen ter permanecido inactivos; o acordo cos bizantinos non implicaba a cesión de territorios e como os gregos tiñan poucas forzas, só se axustou un pacto de intervención nos combates en momentos decisivos, deixando a cuestión territorial para máis tarde; agora os bizantinos tiñan que actuar pero probabelmente non tiñan moitas esperanzas da vitoria dos rebeldes e aceptaron un suborno de Leovixildo, polo que abandonaron a Hermenexildo ao comezo da batalla.

Derrotado, Hermenexildo fuxiu á provincia romana oriental de España, aínda que finalmente acabou en Córdoba, mentres que Leovixildo tomou Sevilla por asalto (verán de 583), e logo cuñou unha moeda coa inscrición Cum Deo optinvit Spali (Coa axuda de Deus conquistou Sevilla). Leovixildo finalmente apareceu ante Córdoba, que tomou sen moita dificultade no inverno de 583-584 (arredor de febreiro de 584). O propio Hermenexildo, que se refuxiara nunha igrexa cordobesa, caeu nas súas mans (o seu irmán Recaredo convenceuno de se render).

O fillo rebelde foi enviado ao exilio a Valencia (584) e despois a Tarragona (585). Instado polo seu pai a abandonar o catolicismo, Hermenexildo parece que se negou. O rei tivo que ordenar ao godo Sisberto que o asasinase, cousa que fixo. Sisberto vivía ao comezo do reinado de Recaredo e é moi improbábel que Leovixildo o deixase vivir se asasinara a Hermenexildo sen unha orde real.

Veneración da igrexa Aínda que sería a conversión ao catolicismo a que implicaría a rebelión de Hermenexildo contra o seu pai, as conversións dos godos non foron excepcionais (coñécense varios casos, e seguramente aumentaran nos últimos anos, sendo destacábel o caso do bispo godo de Mérida, Massona) e en ningún caso se pode considerar a súa rebelión un levantamento católico. De feito, as fontes católicas peninsulares (Xoán de Biclaro e Isidoro de Sevilla) nin sequera mencionan o feito de que o príncipe fose un converso ao catolicismo (este tampouco menciona a súa morte), pero isto debeu ser a causa dun silencio tácito imposto polo seu pai e respectado por Recaredo (ou establecido polo propio Recaredo despois da súa conversión, por omitir que non estaba co seu irmán católico senón co seu pai ariano, ou que o poder católico proviña indirectamente dunha rebelión contra o rei lexítimo), porque Gregorio de Tours atribúe un claro significado católico á rebelión.

Aínda que ambos contendentes afirman o apoio divino á súa causa nas súas moedas e, certamente, na súa propaganda, os godos católicos (e moitos católicos hispanorromanos) loitaron xunto a Hermenexildo, mentres que os godos arianos loitaron xunto a Leovixildo. O mito do mártir católico comeza arredor do ano 700 cando Valerio do Bierzo o incluíu nunha lista de mártires (aínda que xa recibira esta cualificación en 594 do papa Gregorio Magno).

Notas

Categoría:Clero cristián Categoría:Venerados polas igrexas ortodoxas Categoría:Santos do catolicismo Categoría:Reis visigodos Categoría:Nados en 564 Categoría:Nados en Toledo Categoría:Finados en 585