Cândido Fernandes Plácido de Oliveira, nado en Fronteira (distrito de Portalegre) o 24 de setembro de 1896 e finado en Estocolmo o 23 de xuño de 1958, foi un futbolista, adestrador e xornalista deportivo portugués. Xogaba como centrocampista e foi o primeiro capitán da selección portuguesa, á que tamén dirixiu como adestrador en varias etapas.

Traxectoria Naceu sendo orfo de pai e aos nove anos perdeu tamén a súa nai, polo que ingresou na Casa Pia de Lisboa. Comezou a xogar ao fútbol na propia institución benéfica, pasando en 1914 ao primeiro equipo do Benfica. En 1920 deixou o Benfica para crear o Casa Pia Atlético Clube, co que gañou tanto o Campionato de Lisboa como a Copa de Lisboa.

En 1921 converteuse no primeiro capitán da selección portuguesa, no que foi o primeiro partido desta, ante España en Madrid.

Trala súa retirada como futbolista foi o seleccionador portugués en varias ocasións e dirixiu a selección nos Xogos Olímpicos de 1928, acadando os cuartos de final. Adestrou a selección entre 1926 e 1929 e entre 1935 e 1945. Entre 1937 e 1938 compaxinou a dirección da selección coa do Belenenses. En 1938 foi amoestado pola Federación porque tres dos seus xogadores no combinado nacional (Artur Quaresma, Mariano Amaro e José Simões) se negaron a realizar o saúdo fascista nos intres previos a un partido contra unha selección española do bando nacional en plena guerra civil.

Durante a segunda guerra mundial traballou como espía contra as potencias do Eixe. Foi detido polas súas actividades contra o réxime ditatorial do Estado Novo tras ser delatado por un antigo pupilo, o gardameta António Roquete e pasou medio ano encarcerado e sufrindo torturas en Lisboa. En 1942 foi enviado ao campo de concentración do Tarrafal, na illa de Santiago, en Cabo Verde, onde permaneceu internado entre abril de 1942 e 1944 e anos máis tarde contou a súa experiencia e denunciou a situación que alí viviu no libro Tarrafal, o pantano da morte. Foi liberado grazas á mediación da embaixada británica en Portugal.

Trala súa liberación foi adestrador do Sporting, onde montou o chamado equipo dos "cinco violíns", entre os que destacaba especialmente Fernando Peyroteo. Con este conxunto gañou dúas ligas portuguesas consecutivas nas tempadas 1947/48 e 1948/49 e dúas Copas de Portugal tamén consecutivas. Acadou tamén a final da primeira edición da Copa Latina, onde caeu ante o FC Barcelona de Enrique Fernández. Máis tarde adestrou o Flamengo, o Porto e o Académica de Coimbra. O seu discípulo, Fernando Vaz, tamén se convertería nun adestrador de renome.

En 1945 fundou, xunto con António Ribeiro dos Reis e Vicente de Melo, o xornal quincenal A Bola, no que colaborou ata a súa morte.

Recoñecementos Debido ao seu papel no fútbol portugués, a Federación Portuguesa de Fútbol deulle o seu nome á Supercopa do país, chamada oficialmente Supertaça Cândido de Oliveira.

O 27 de xaneiro de 1995 foille outorgada a título póstumo a Gran Cruz da Orde do Mérito.

Notas

Categoría:Nados en 1896 Categoría:Nados no distrito de Portalegre Categoría:Finados en 1958 Categoría:Futbolistas de Portugal Categoría:Xogadores do SL Benfica Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Portugal Categoría:Adestradores de fútbol de Portugal Categoría:Adestradores do CF Os Belenenses Categoría:Adestradores do Sporting Clube de Portugal Categoría:Adestradores do CR Flamengo Categoría:Adestradores do FC Porto Categoría:Adestradores do Académica de Coimbra Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Portugal Categoría:Xornalistas de Portugal Categoría:Espías da segunda guerra mundial