En sociolingüística, un estilo é un conxunto de variantes lingüísticas con significados sociais específicos segundo afiliación a un grupo, atributos persoais ou crenzas. No núcleo deste concepto está a variación lingüística, sen a cal non habería base algunha para distinguir significados sociais. A variación pódese dar nos niveis sintáctico, léxico e fonolóxico.

Moitas aproximacións á interpretación e definición do termo incorporan os conceptos de indicidade, orde indéxica, posicionamento (ponto de vista) e ideoloxía lingüística. Débese salientar que un estilo non é un atributo fixo do falante, senón unha manifestación concreta dentro dun contexto. De feito, os falantes, consciente ou inconscientemente, adoitan incorporar na súa elocución elementos de diversos estilos, que son os que conforman un novo estilo. Trátase dunha variedade diafásica, é dicir, que depende da situación comunicativa.

De acordo con Labov, os estilos da fala pódense clasificar en: 1. informal, ou vernáculo (casual speech); 2. coidado, ou formal (formal speech); ou 3. espontáneo (spontaneus speech). O grao de atención que poña o falante sobre o seu discurso vai influír na categorización: por exemplo, nas falas de tipo informal e espontánea, o falante vai poñer menos atención que nun estilo de carácter formal. Do mesmo xeito, un falante competente nunha lingua pode alternar diferentes estilos dependendo do contexto de produción do discurso, da súa competencia lingüística e da súa competencia comunicativa. Pódese dicir que un estilo vén ser un código do que se dispón para transmitir información sobre os propios falantes, sobre a relación que establecen os interlocutores e sobre a situación comunicativa; deses factores vai depender o tipo de estilo máis axeitado.

Notas

Categoría:Sociolingüística