Saleta Goi García, nada en Pastoriza o 6 de xuño de 1932 e finada na Coruña o 10 de setembro de 2022, foi unha libreira impulsora da lingua galega e dos dereitos nacionais e democráticos, tanto no ámbito político como cultural. Foi presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos.
Traxectoria
Compromiso coa identidade do país Coñeceu a represión da ditatura franquista xa na adolescencia, cando o seu pai Luís Goi Regueira, que daquela era secretario do Concello de Pastoriza, foi sancionado e expulsado do seu posto de traballo polas súas ideas democráticas.
Na faceta de compromiso político, Saleta Goi foi integrante da Unión do Povo Galego inmediatamente despois da súa constitución, tamén foi dirixente da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) e cofundadora do Bloque Nacionalista Galego (BNG).
Saleta e Manuel María, que compartiron militancia política e cultural, casaron en 1959, e a parella instalou a súa residencia en Monforte de Lemos onde o escritor traballaba como procurador dos tribunais e máis tarde, en 1967, creou Edicións Xistral. Desde 1998 trasladáronse a vivir á Coruña, cando ela se xubilou. miniatura|Saleta Goi participa no acto do cincuentenario da primeira convocatoria de manifestación coa denominación de Día da Patria Galega, en 1968 Participou na convocatoria da primeira manifestación coa denominación do Día da Patria Galega, de 1968, en que se pendurou unha faixa na alameda de Santiago de Compostela co lema "Viva Galiza ceibe e socialista" momentos antes de que fose disolta pola Policía franquista. Para lembrar aquel acontecemento, o BNG organizou un acto no mesmo lugar, 50 anos despois e, en declaracións a xornalistas, ela realizou un chamamento á mocidade para defender Galiza:
Tamén foi unha das asistentes á misa de Rosalía de Castro de cada 25 de xullo, onde coñeceu Ramón Otero Pedrayo, Fermín Bouza-Brey, Xaime Isla Couto e á familia Beiras. Mesmo á do ano 1969, cando foron detidos o intelectual galeguista Xaime Isla Couto, o médico Carlos Guitián e un dos integrantes do coro, Fidel Villar, por cantaren Venceremos nós e polas proclamas reivindicativas de "Viva Galiza ceibe" e "Liberdades para Galiza". En abril de 1976, impuxéronlle unha sanción de 300.000 pesetas tanto a Saleta Goi como a Manuel María por, supostamente, participaren nunha manifestación contra a instalación dunha planta de celulosa en Quiroga. Lonxe de afastarse do seu compromiso social, feitos coma este reafirmaron as súas conviccións en defensa do país.
Dinamizadora cultural Da súa libraría Xistral, inaugurada en setembro de 1970 en Monforte, conseguiu facer un lugar de encontro e de referencia para a difusión da literatura galega e para a venda de produtos culturais, entre os que destacan as cerámicas do Castro e mais de Sargadelos. De feito, mantivo lazos de amizade con escritores e escritoras da época, que compartían este espazo para o intercambio de ideas. Este seu traballo á fronte da libraría foi clave para o sustento económico familiar, para facilitar que Manuel María chegase a ser o autor máis prolífico da historia da literatura galega, tendo en conta a represión que padeceron, fundamentalmente en forma de sancións económicas, por participaren en actividades reivindicativas encamiñadas a espertar a conciencia nacional e a recuperación dos dereitos sociais e culturais de Galiza. alt=Xesús Veiga, Saleta Goi e Manuel María|miniatura|Apertura da libraría Xistral, 1970 Un exemplo dese activismo cultural, é a amizade co xornalista e escritor portugués José Viale Moutinho, que nas súas viaxes a Galiza adoitaba facerlles unha visita. De aí xorde a anécdota da "garrafa vazia de Manuel Maria", cando ao chegar a Portugal comparte con José Afonso a botella de augardente que lle regalaran en Monforte, que deu pé á composición que introduce a canción Río Largo de Profundis, do disco "Venham mais cinco".
Do carácter afable e xeneroso de Saleta Goi dá conta a escritora Mercedes Queixas, cando lembra o primeiro encontro que mantivo para unha entrevista con Manuel María na libraría Xistral, pouco tempo despois de se licenciar en Filoloxía. Décadas despois, ao abeiro da publicación da biografía do escritor, explicou que aquela visita a marcara para sempre, pola naturalidade, a conversa lúcida e sabia, envolvente e pola súa xenerosidade que estimou como a vivencia dunha experiencia única.
Entre as súas amizades ligadas á efervescencia cultural da época están Ramón González Alegre, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé Luís Franco Grande, Xosé Luís Méndez Ferrín, Arcadio López-Casanova, Uxío Novoneyra, Darío Xohán Cabana, Amelia Outeiro Portela e Raimundo Patiño.
No Día das Letras de 1964 asistiu á cea no Hostal dos Reis Católicos en homenaxe a Castelao, onde compartiu mesa co antropólogo Carmelo Lisón Tolosana, Mercedes e Isidro Conde e Fernando Mon, entre outras persoas. En entrevistas ofrecidas co gallo da celebración do Día das Letras de 2016 dedicado a Manuel María, Saleta Goi sempre aproveitou para demandar que a sociedade tome conciencia á hora de salvagardar o futuro do patrimonio inmaterial de Galiza, tal coma fixeran a súa vida en común, na súa acción na clandestinidade e no seu labor de difusión cultural.
En 2007, constituiuse e declarouse de interese galego a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, presidida por Saleta Goi. Foi creada para adquirir a casa natal do escritor, a coñecida como Casa de Hortas, co obxectivo de a converter en casa-museo e acoller o legado do escritor. Após a súa remodelación, inaugurouse o 7 de setembro de 2013 cunha intensa actividade para promover a difusión da obra literaria do poeta mediante publicacións, funcións teatrais, composicións musicais, concursos de recitais poéticos e videopoemas, entre outros.
A Banda Filharmónica de Galiza, dirixida por Xosé Carlos Seráns, xunto coas corais de Compostela interpretaron "A Saleta" nun acto de homenaxe a Manuel María celebrado en 2008 no Auditorio de Galiza. O poema "Rosa namorada", outro dos que lle dedicou Manuel María, foi musicado e interpretado por diversos grupos e cantantes, como Uxía e Son de cordas. De feito, ela sempre estivo presente na súa obra.
miniatura|dereita|Lápida funeraria en Outeiro de Rei.
No acto de despedida polo falecemento de Saleta Goi, organizado na casa-museo, o presidente da fundación, Alberte Ansede, destacou os seus principios e a súa dignidade insubornables.
Notas
Categoría:Nados en Pastoriza Categoría:Finados en 2022 Categoría:Activistas de Galicia Categoría:Nados en 1932